23:24 Luns, 06 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-11-2012

O confesionario como lugar de reeducación sexual da muller

De como ser muller e non morrer no intento (II)

Valorar (14)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS



No artigo que publicamos nesta revista titulado De como ser muller e non morrer no intento (11/04/2010), deixamos claro como o estamento eclesiástico ía reducindo cada vez máis o papel da muller dentro da igrexa, separándoa do varón ata converte-la nun mero elemento decorativo e secundario, creando unha imaxe de muller baseada en conceptos de sometemento, resignación e acatamento das decisións tomadas polo varón.

A muller debe someterse ao home porque ela é a razón de que o ser humano viva neste val de bágoas, porque foi ela a que pecou contra Deus, foi por culpa dela pola que o Creador se viu obrigado a expulsar a súa creación máis querida (Adán) do Paraíso.    

O Pecado Orixinal, o primeiro dos pecados, foi entendido nun primeiro momento polos pensadores eclesiásticos como un pecado de orgullo. O ser humano non quere someterse a vontade de Deus e decide, libremente, facer o contrario do ordenado, pero ao longo da Idade Media, e grazas aos esforzos dos pensadores da nova corrente imperante, entre eles San Agostiño, o primeiro dos nosos pecados vai tomando un carácter puramente sexual, no que a muller será entendida como a única culpable. Será tamén neste momento cando a figura da muller sexa amosada por estes pensadores como algo secundario e dependente de varón.    

O citado San Agostiño chegou a afirmar que dentro do ser humano o home era a parte espiritual e racional mentres que a muller era a parte sensual e carnal e polo tanto máis feble, razón pola cal o demo foi quen de tentala. O apóstolo San Paulo, na súa primeira carta a Timoteo, xa afirmara que a muller fora a causa da prevaricación do home.    

Septimio Florente Tertuliano, un recoñecido pai da igrexa católica, chegou a definir á muller cas seguintes verbas: “deberías ir sempre de loito, cuberta de farrapos e entregada á penitencia, a fin de paga-la  falta de ter perdido ao xénero humano (...) Muller, ti ela porta do diaño. Es ti quen tocou a árbore de Satanás a primeira que violou a Lei Divina, fuches ti quen tentou ao home a quen o mesmo diaño non fora capaz de convencer”. (De cultu feminarum. Corpus Christianorum. T.I.) Despois de le-la opinión de Tertuliano non resultaría nada estraño descubrir que este autor  era  lectura de cabeceira do señor Castelao Bragaña.    
A igrexa católica aparte de reducilo papel da muller quixo sempre te-la controlada, tanto dentro da vida pública como da privada. Un campo importante da vida privada no que a igrexa quería ter un control case absoluto era a sexualidade. Para facer efectivo este control o mundo sexual, o da carne, pasou a converterse en pecado e dentro dos pecados foi ascendendo de categoría, así por exemplo no século XIII o tema da masturbación aparece nos manuais dos confesores nun lugar moi secundario, mentres que no XVI, nestes mesmos manuais de confesores a masturbación aparece xa situado  no primeiro lugar dos pecados da carne.    

Estes pecados da carne dividíanse en dúas categorías: os conforme a naturam, é dicir que unha vez cometidos podía ser posible a procreación, e os contra naturam, onde era imposible a procreación, estes últimos eran os que tiñan un maior castigo, estamos a falar da masturbación, da homosexualidade e da sodomía, incluíndo a consumada dentro do matrimonio. Por outra banda eran castigados en menor grado os pecados conforme a naturam , ou o que é o mesmo: adulterio, estupro, incesto ou violación.    

Nos manuais de confesores aparecían as preguntas que estes debían de facer no confesionario, en especial ás mulleres, para coñece-los pecados cometidos. Nos de carácter sexual preguntábase polas posturas, polo número de veces, con quen realizaban eses actos e en que persoas pensaban cando os realizaban.    

A todas estas incómodas preguntas as mulleres tiñan que responder dunha maneira resignada. Cabía contra elas a denuncia contra o cura que se excedía, e si, existiron estas denuncias, todas elas realizadas diante do tribunal da Inquisición. Pero isto que non chame a engano. Para que unha muller puidese denunciar primeiro tiña que demostrar que era una persoa decente, respectable, de conduta inmaculada, vaia unha muller de casa á igrexa e desta á casa. Cando María Manuela Bermúdez, veciña de Mondoñedo, quere denunciar no ano 1796 a un avogado que lle fixera proposicións indecorosas, primeiro tivo que demostrar que ela era honrada, “el Comisionado informo de la delatora que es de bastante merito en lo moral y personal; que nunca sale de su casa sino con su madre o hermana, que en su casa, por ser numerosa la familia no hai ocasion para hablarla ni sale de ella sino para la Yglesia y algunas veces a paseos”. Pero esta muller respectable tampouco debía de chamarse a engano pois soamente se castigaba ao sacerdote que cometía ese delito de maneira continuada e coñecida polo pobo.    

Pese a tódalas dificultades que  se atopan polo camiño, incluído o desprestixio social, houbo mulleres que conseguiron denunciar. Así no ano 1787 varias veciñas de Río Pequeno (Ribadeo) denuncian ao franciscano Manuel de la Parte porque no confesionario lles fixera preguntas impropias, así  dunha muller casada quixo o franciscano saber se cando facía o amor co seu marido “si se lo entraba por atras y si aquello que le echaba lo echaba por afuera y que si esto lo hacia era pecado mortal”. Non esaxeraba o franciscano pois nos manuais de confesión dese século, o das luces, a sodomía era un dos pecados máis buscados e penados, moi por encima da violación. Tamén o franciscano quixo saber, preguntándolle a dúas mozas solteiras de 24 anos, sobre as relacións sexuais previas ao matrimonio, así a María Gómez preguntoulle “si algun rapaz o mozo la havia tirado por los pelos de entre las piernas”. Máis directo foi con Ramona López á que lle preguntou “si havia pecado con ella algun mozo y si le havia visto la porra o carajo y si ella havia enseñado el coño”. No turno de confesión de Xosefa Basanta, casada e de 34 anos, o franciscano, supoñemos que despois de preguntar cantas veces o facían e de oír unha cantidade moi baixa, quixo reconducila conduta sexual desta muller á que lle espeta o seguinte “que las mugeres hacian mal no cumpliendo el gusto a sus maridos porque eso era causa que ellos se fuesen con otras”. Acaba este franciscano de culpa-la muller de tódolos adulterios, da prostitución e das violacións. A esposa é culpable por non darlle ao seu marido o que lle pide, a adúltera é culpable por deitarse con homes casados e tamén a prostituta merece castigo polo seu pecado de recibir cartos por manter unha relación sexual segundo a mentalidade desta época.    

Qué acontece coas mulleres violadas? A muller violada é castigada dobremente, pois nin a xustiza civil, nin moito menos  a eclesiástica van penar ao violador, xa que como vimos era un pecado conforme a naturam, un pouco por riba dos pecados veniais, pensemos que a gula está máis castigada que a violación.    

A muller violada tamén será rexeitada dentro da sociedade na que vive xa que pode ser repudiada pola súa propia familia, pola vergoña que lles aporta. Tamén será rexeitada pola familia do violador para quen ela é unha mentirana e unha boa parte da xente ca que convive pensará que si a violaron é porque algo faría.    

Se a finais do XVIII un home casado viola a unha rapaza solteira é case seguro que pasase isto: el confesaría ante o cura párroco que o absolvería case inmediatamente, sendo probable que o cura sermonase á muller do violador, culpable da violación por non cumprirlle o gusto ao marido. Mentres que a muller violada quedando embarazada se quería abortar, tería que facelo de maneira ilegal pois non había abortos legais, algo ao que, polo camiño que colleu o goberno do estado español acabaremos recuperando. Se supera con vida o aborto e quere ir confesar este pecado non o pode facer ante o cura párroco, o mesmo que perdoara ao seu violador, senón que terá que ir ante o  penitencieiro da catedral. Este cóengo era o encargado de perdoa-los pecados que os curas párrocos non estaban autorizados a perdoar, un deles era o aborto.    

Os confesionarios serviron para reconducir sexualmente á poboación, pero tamén foron os lugares dende os que se someteu e relegou a un segundo plano ás mulleres. Resúltame irritante e penoso que agora, a principios do XXI, algún ser nefando afirme, sen pasar pola cadea, que as mulleres son tan violables como as leis ou que o ministro de xustiza do estado español reduza os dereitos da muller á hora de poder abortar.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña