06:36 Sabado, 23 de Febreiro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-11-2012

A banca non concede crédito, nós non lle damos creto á banca e o PP navega ben na onda do descrédito

Creto, crédito e descrédito

Valorar (12)

XOÁN COLAZO PAZÓ



Denominar con precisión a realidade é importante, xa que é o primeiro paso para apreender as cousas, para apreixalas e facérmonos donos delas. As palabras teñen os seus matices, a súa historia, a súa evolución, e moitas veces a base de forzalas fáiselles dicir o contrario do que inicialmente significaban. O creditu do latín deu no noso idioma unha palabra patrimonial, creto, que é a confianza que alguén transmite grazas á súa coherencia, a unha firme traxectoria, a que adoita cumprir cos seus compromisos. Polo tanto, alguén ten creto se acadou boa reputación cos seus actos e é críbel. Pero a palabra latina deu orixe tamén ao semicultismo crédito, empregada máis na esfera das finanzas, referida á cantidade de diñeiro que o credor empresta e que ten o dereito de ver reintegrado nun prazo de tempo determinado.  

Nestes últimos tempos xuntáronse unha morea de circunstancias que dan pé a volver a pensar no significado das palabras e até que punto se pode manipular a realidade. É demostrábel empiricamente que a banca, que está na orixe da actual crise do sistema, non concede crédito ningún a familias nin aos axentes económicos. Hai uns anos a recuperación ía vir vencellada á masiva entrega ao sistema financeiro de miles de millóns de euros públicos a fondo perdido. Non hai máis ca ver que os bancos non só non dan créditos senón que incluso se apropian vulgarmente de fondos dos pequenos aforradores, como é o caso escandaloso das preferentes. Así pois, o sistema financeiro está completamente desacreditado ante a sociedade, aínda que a capacidade de rebelión contra esta inxustiza semelle sempre inalcanzábel para o pobo.  

Por outra banda, o propio sistema tende a tentar eliminar aqueles movementos opositores que lle son molestos, que radicalmente os poden poñer en cuestión, sexa porque socaven o seu poder ou simplemente deixen en evidencia ante a sociedade os seus mecanismos antidemocráticos. O nacionalismo galego foi, contra vento e maré, gañándose o creto de parte do pobo galego en base ao seu traballo, ás alternativas a favor das maiorías sociais, á súa coherencia e honestidade. Pero, onte coma hoxe, foi un albo a bater. O creto social gañado polo BNG había que convertelo en descrédito, en desafección, en desgasate, for a base de ocultación ou de mentiras, todo vale. E certamente este proceso foi ben intenso por parte do poder (aquí e agora encarnado no tentáculo do neoliberalismo que é o PP e toda a caste de recursos mediáticos e económicos cos que conta) dende as eleccións de 2009 e nestas de 2012. O obxectivo principal é que a sona do BNG fose pésima, unha organizacións de quen as xentes deben fuxir como de can apestado. E en boa medida isto está a se acadar, introducindo nas nosas propias bases esta mala conciencia.    

Como complemento ao anterior hai que lembrar o paradoxo principal destas eleccións. Con ampla desafección ante o labor do PP nos gobernos galego e estatal, este partido acada unha máis ampla maioría absoluta. Deixando á marxe o papel do sistema eleitoral, feito á medida do actual partido no poder e xa analisado noutro lugar, a xogada ventábase, víase vir. Por unha banda o PP non podía ofrecer balanzo de goberno ningún, ou, se o presentar, este sería de retrocesos graves e claros para todos os segmentos sociais e en todas as áreas. Resultaba evidente que o PP ía perder votos. Para manterse no goberno da Xunta só había unha alternativa, a de dividir a oposición e facer que esta tamén perdese votos. Con esa finalidade o PP aproveitou para poñer a máquina do descrédito ao máximo nivel. A construción política e económica do estado español está en moitos terreos deslexitimado, aínda que non haxa, fóra dos movementos nacionalistas, unha alternativa coherente que o poña gravemente en cuestión. Amplas capas da sociedade cuestionan o papel do actual sistema de partidos, o cal é aproveitado polo actual partido gobernante para fomentar o antipartidismo, o todos son iguais, a desafección pola participación. Cinica e intelixentemente o PP afondou nesta visión e fixo da abstención o seu mellor aliado para continuar no goberno. Así foi, se eles perdían votos, a oposición debía presentarse dividida e perden tamén ela votos. A abstención subiu máis do 6% con respecto a 2009, houbo practicamente 200.000 votos menos a candidaturas nestas pasadas eleicións. E, amais, os votos nulos e en branco medraron considerabelmente. Todo un éxito para o PP nas actuais circunstancias: o seu descrédito logrouno estender a outras forzas políticas.    

Unha anéctoda da xornada eleitoral resume esta xogada política: un dos interventores do PP que levan 20 anos exercendo, mantiña en alto unha conversa con algúns veciños dicindo: “Todo é unha merda, había que mandalos a todos ao carallo, tiñamos que votar todos en branco e que marcharan todos os políticos”. Isto dito cinicamente por unha persoa cunha ben grande pegatina no peito do Partido Popular, que de seguro voltará nas vindeiras eleccións presentarse para defender aos seus. Pódese tomar nota disto ou seguir a cantarlle a letra á música que o poder pon. E o mesmo dá os votos en branco ca os nulos ou as abstencións.    

Finalmente, misión realizada. Falla por ver se esta vitoria parcial é pírrica ou definitiva. Cando o descrédito do PP sexa total, quizais o poder bote man dalgún tipo de movemento feixista, pero de momento cos resultados actuais vai indo ben. Cando o PP está desacreditado ten que fomentar que os opoñentes non teñan creto ningún. Así a banca,poderá seguir ao seu, que non é necesariamente conceder créditos, se é que consegue mellorar as contas de resultados pola vía que lle concede o poder político. José María Castellano xa dixo que el está contento.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña