21:08 Xoves, 12 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-11-2012

Confeso que sigo aceptando aquelas cousas que saíron aprobadas por maioría, a algunhas das cales eu votei en contra, na asemblea de Amio

Dúbidas existenciais e confesións dunha militante

Valorar (137)

MARICA CAMPO


Fonmiña


Pido desculpas de antemán por descargar aquí o meu fardelo de dúbidas. Xa se sabe que cadaquén ten as súas e ben lle abondan sen que veña ninguén a lle amosar as propias como se dun catálogo de mercadorías se tratase. Mais eu non pretendo que merquen nada. Poden facer coma min cando me chega La tienda en casa, unha revista que vende obxectos variados a distancia e que lles resultará coñecida: vai dereita á papeleira. Pois iso.    

Dubido de se, como militante do Bloque e á vista dos resultados electorais, teño a obriga de vestir un hábito de estameña, botar cinsa sobre a miña cabeza e entoar o Miserere co máis triste dos acentos porque seica os nosos pecados teñen un difícil perdón.    

Confeso que sigo  aceptando aquelas cousas que saíron aprobadas por maioría, a algunhas das cales eu votei en contra, na asemblea de Amio.    

Dubido se debo afiliarme ao PP (supoño que antes tería que facer unha ampla palinodia respecto das miñas conviccións e, aínda así, sempre me mirarían con desconfianza). Dígoo porque, polo visto, a razón do que se defende vén dada polos votos e, consonte iso, como este foi o partido máis votado, é evidente que é o que ten máis razón.

Confeso que non confundo o  ouro co brillo  nin a pátina coa cotra ou a vellez. O Bloque vén de lonxe e vai para lonxe, como consecuencia, ten as feridas do camiño, mais tamén o hábito de camiñar e a ilusión de chegar á meta. Quen non loitou, non ten cicatrices. Por iso desconfío dos que se presentan como Adán, sen unha historia detrás, como se acabasen de chegar ao mundo, inmaculados, puros, alén do ben e do mal.    

Dubido se non haberá persoas interesadamente desmemoriadas, porque ofrecen como novidades cousas que o Bloque vén defendendo desde sempre.    

Confeso que valoro máis a lealdade que o éxito, mais isto non quere dicir que renuncie a pensar e opinar libremente.    

Dubido dos que piden autocrítica aos outros e non a fan eles, convencidos da propia perfección e a maldade intrínseca allea. Son os que lle botan a culpa sempre aos demais, a facer verdadeiro o dito de que a culpa non ten casa, mesmo tendo participado en ámbitos de decisión en maior medida que outros que si asomen os erros.    

Confeso que estes días me acordei do conto aquel do pai e o fillo que, por escoitar as críticas que lles facían ao  ir  un ou o outro ao lombo do burro, terminaron camiñando os dous a pé e as murmuracións  non cesaron. De aí a necesidade de non atender ás voces dos que, sen sermos nós, nos queren dirixir. Dubido que sexa pertinente omitir, en aras da corrección política ou por non alporizala,  o papel da prensa na baixada do Bloque. Sobran exemplos que o proban.    

Confeso que hai anos que intuín o traballo de zapa que se estaba a facer desde dentro da propia organización, por iso coido que, malia todo, estamos mellor que hai un ano.    

Non dubido da boa intención, intelixencia e razóns da maioría dos que colleron outro vieiro como tampouco o fago dos que ficamos; mais, obviamente, as miñas simpatías están onde están.    

Que temos moito que cambiar? Seguramente; pero con tento, como quen vadea un río, apoiando os pés nas pedras firmes, que as hai  e custou moito esforzo asentalas. Doutro xeito pódenos arrastrar a corrente e levarnos ao mar do pensamento cómodo, ese que todo o valora en función do éxito inmediato.


1 2 3 seguinte

[06-11-2012 17:38] Lino García comentou:

Teño que recoñecer unha auténtica envexa por non ter escrito eu este artigo con tanta claridade na fala, nas ideas e nos sentimentos. Parabéns, fagoo meu de corazón e pensamento, e aclaro que as críticas, sexan cales sexan, serán internas, para nós e non para os lobos que agardan na estepa a caída da presa. Ninguén en todo este tempo falou dos programas, das propostas, etc, de repente só se fala de novos mesías, gurús ou danzantes con boina ao estilo "che" que vende mellor. O que hoxe é fartura ... converterase en fame, o prezo a pagar será a penitencia de moitos. Pero concordo, a maioría da xente deulle a razón ao pp, e punto.

[06-11-2012 08:57] Xurxo comentou:

Totalmente dacordo co artigo, eu añadiría, prefiro desaparecer como nacionalista que voltar a albergar na organización a traidores, tránsfugas e interesados. O que compre é mais traballo, nos concellos onde temos unha organización forte e hai moito traballo do día a día, nin a Coz nin a telegaita, nin Papa Noel poideron con nos.

[05-11-2012 22:31] xistral comentou:

"...malia todo, estamos mellor que hai un ano."

Agora...... a ver pra onde vai isto.

[05-11-2012 15:55] AntonioGil comentou:

Penso que, sim, o BNG tem de se fazer crítica a si próprio (autocrítica, dizem que se diz). Mesmo pode tem em contra críticas de estranhos, não militantes do BNG.

Mas também devem ter em conta que jornais "comunistas" como LVG e bastantes outros, "galleguistas radicales", fizeram propaganda, gratuíta, em prol de IU-eu / Beiras. Ou não?

1 2 3 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña