02:20 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-10-2012

Un fotografo extraordinario cunha obra excelsa que foi entre outros galardóns premio nacional da Artes en Cuba

Raúl Corrales e a crise dos mísiles

Valorar (12)

XAN FRAGA RODRÍGUEZ


Cabaleiría (1960) de Raúl Corrales


Estes días conmemóranse os cincuenta anos da crise dos mísiles en Cuba (14-28 outubro de 1962) que supuxo un momento álxido da guerra fría a nivel mundial. As causas fundamentais foron diversas e hai que buscalas incluso antes do triunfo da propia Revolución Cubana. Así en 1952 cando se  produce o golpe de Batista en Cuba vese que foi estimulado e potenciado polos EE.UU. para evitar o triunfo nas eleccións previstas dunha alternativa democrática e antiimperialista que representaba o Partido Ortodoxo (Partido del Pueblo Cubano, PPC) fundado por Eduardo Chibás en 1947. Pouco despois en Guatemala durante o réxime democrático de Jacobo Arbenz realizouse unha reforma agraria que poñía en cuestión os intereses de EE.UU. sobre todo da United Fruit Company. Iso provocou unha intervención militar en 1954 que depuxo ao presidente elixido democraticamente e foi substituído por unha xunta militar. Quen tomou boa nota diso foi Ernesto Guevara de la Serna, antes de ser o Ché, que estaba en Guatemala. Tivo que marchar para México, alí contacta cos exiliados cubanos e incorporase ao Granma, na expedición comandada por Fidel Castro en 1956.

Despois do triunfo castrista en 1959 viría a invasión de Baía Cochinos (Praia Girón) en 1961, na chamada Operación Mangosta dos EE.UU. (Kennedy era o presidente) contra o goberno revolucionario. A lección era que EE.UU. non permitía ningún réxime que puxera en solfa o seu estatus imperial e de xendarme do capitalismo. Foi unha lección como virían logo outras máis, poñamos por caso o Chile de Salvador Allende en 1973.  

O réxime cubano sabía que a pesar do fracaso desta invasión os ataques contra a revolución non ían a cesar de aí a axuda solicitada á URSS (Nikita Kruschev) nun contexto moi quente de guerra fría.  

Milicianos (1961) de Raúl Corrales

O 14 de outubro o avión espía U-2 de EE.UU. detecta na illa a instalación dos mísiles (SS-5) soviéticos e comeza a crise que como é coñecido remata o día 28 cun pacto final de retirada dos mísiles a cambio da non intervención de EE.UU. en Cuba así como a retirada dos mísiles que tiñan en Turquía apuntando a URSS.  

Teño falado moito destes momentos co fotógrafo galego cubano Raul Corrales (Ciego de Ávila, 1925 - La Habana, 2006), quen viviu moi en primeira liña tanto a invasión de Praia Girón como esta crise de outubro. Estaba convencido, como outros moitos, que aquilo era o fin. El disparaba coa cámara unha e outra vez dicindo: isto vaise acabar. Podía ser a terceira guerra mundial, unha guerra de destrución masiva pola altísima capacidade nuclear das dúas superpotencias.  

Raul Corrales, en realidade Raúl Corral Varela, era fillo de emigrantes galegos. O pai Antonio Corral Fornos era de Vilalba e a nai Antonia Varela Platero de Santiago de Entreambasaugas (Guntín). Era o menor de seis irmáns, dous deles nados en Galicia. Estudou no plantel Concepción Arenal (rúas Prado-Dragone) que o Centro Galego tiña na capital cubana, ao mesmo tempo que axudaba a seus pais na tenda de froitas que tiñan. Traballaría tamén de limpabotas, repartidor de periódicos e revistas... ata que entra, en 1944, en Cuba Sono-Film, empresa que fundara en 1938 José Tabío Palma con outros membros do Partido Socialista Popular (PSP). Aí aprendería o manexo das cámaras.  

Nunhas das festas do Centro Galego e da Asociación Val de Lemos coñece a que será súa dona Norma López casando en 1953. Despois de traballar en 1959 no periódico Revolución, foi nomeado director de fotografía do Instituto Nacional de Reforma Agraria (INRA) onde estará ata 1962, cubrindo os principais episodios se fraguaron nestes anos da épica revolucionaria.  

Son moi bos e coñecidos os seus traballos da toma de latifundios por exemplo da United Fruit Company, na fermosa fotografía titulada Caballería (1960) que ofrecemos aquí, na titulada Sueño, de 1959, (considerada entre as cen mellores fotografías da historia) así como as realizadas nas xornadas da invasión de Baía Cochinos-Praia Girón (1961) e tamén destes días da crise de outubro de 1962 que estamos a comentar. Del é esta foto, Milicianos, no malecón habaneiro cos milicianos en alerta.  

Un fotografo extraordinario cunha obra excelsa que foi entre outros galardóns premio nacional da Artes en Cuba. Pregunteille nunha ocasión a Alberto Díaz “Korda”, outro excelente fotografo, mundialmente coñecido pola imaxe do Ché, quen fora o seu mestre e contestoume sen dubidar un segundo: “el gallego Corrales”. Os dous fotógrafos hoxe desaparecidos, Korda en 2001 e Corrales en 2006, precisamente en abril, recordando as xornadas da invasión de Baía Cochinos que el tan ben retratou. Nos anos da épica da Revolución Cubana. Falabamos entón de facer en Galicia unha exposición antolóxica da súa obra. Da obra do galego Raúl Corrales, que un día no franquismo veu a Galicia para ver de conseguir unha chave. A chave de San Pedro. San Pedro de Láncara.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña