23:12 Domingo, 09 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-10-2012

Que non se confíen. Os demais temos organizacións, razóns, dignidade, humanidade e seica non esteamos tan domesticados coma cren. Nada dura sempre

A casa común dos fascistas

Valorar (15)

HENRIQUE DEL BOSQUE ZAPATA



Ás veces nin precisan da careta democrática, da exhibición dun rostro humano do que, por certo, adoecen. Son os defensores da miseria, da desigualdade, da inxustiza. Cren nas razas, nas culturas superiores, na culpa dos explotados, dos probes e dos oprimidos. Detestan a vida, a liberdade, a natureza. Todos, agás eles, son instrumentos creados para servir, para lles servir. A dominación sen burla, sen ostentación, non lles satisface xa que fica eivada e incompleta. Todo o que cheire a pobo prodúcelles noxo,  tapando o nariz cando teñen que descender a pedir o referendo, a lexitimación das súas prácticas políticas. As clases populares e os seus instrumentos son incómodos. ¡Malditas normas protectoras que outorgan dereitos! Os que nacen para obedecer, para fabricar, para xerar o seu beneficio e a plusvalía deben ser disciplinados ou non ser. Xamais esquecen a linguaxe do medo e da ameaza que aprenderon dos seus mentores. Son indiferentes ao sufrimento dos que consideran inferiores. O animal non sufre, coma acontece co escravo, co servo, co obreiro, co colonizado, co diminuído, coa muller. Dicía Michele Isgró, o fiscal fascista do proceso contra Gramsci, na súa requisitoria final, que había que impedir que o seu cerebro seguise a funcionar por vinte anos. Esa é a xustiza na que cren; a solución fronte a dignidade, fronte á insubmisión, fronte a procura de recuperación da condición humana.               

Acharon un partido político no que se sentir acougados. Son os consentidos, enfants terribles da dereita, mais arietes necesarios para deixar constancia de que a besta non durme. Neste partido poden expresarse libremente, facer pedagoxía con amplificación e repercusión do que a oligarquía que os fornece pensa e desexa mais non se atreve a desvelar. Son tremendamente útiles, roturan e abonan o campo ideolóxico para que o froito real sexa apropiado sen resistencia. Os seus compañeiros rin con eles os chistes sobre os desgraciados, sobre os desposuídos que por riba lles votan. O seu ouveo de cans rabiosos acompaña, como canon, na polifonía doutro discurso máis amábel, máis agachado da explotación.                              

Aí están culpando ao negro, ao moro, ao chino… ao puto inmigrante que usa os servizos públicos que, por outra banda, suprimen para que as súas empresas poidan apoderarse da riqueza social. Aí están envelenando, esnaquizando lazos de solidariedade, acusando ao famento de traer enfermidades, de cheirar mal, de afear esa España fracasada. Aí aparecen sobexos, pedindo que os desempregados e os sen recursos sobrevivan da caridade. Aí, tomando de chacota aos discapacitados chamándolles “os do carriño”. Aí os vemos pedindo que a escola pública sexa o último recurso non vai ser que os fillos das élites collan piollos. Aí, molestos de ter que compartir, de ter que convivir, de ter que usar o mesmo espazo público coa gandalla que crea a verdadeira riqueza. Aí, colonialistas, chamando a españolizar coma na cruzada nacional-catolicista.                              

E aquí acaban de estar, apelando á violencia contra a muller. Así, opinando que as mulleres están para seren violadas, como as leis  que se pasan pola entreperna e que piden aplicar con rigor e dureza aos que se resisten a ser humillados, avasalados e agredidos. Si, están nese partido que acolle fascistas, e aí dispoñen de moitos medios. Que non se confíen. Os demais temos organizacións, razóns, dignidade, humanidade e seica non esteamos tan domesticados coma cren. Nada dura sempre.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña