16:50 Mércores, 13 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-04-2010

No marco desta ofensiva mediática contra Cuba sae a luz o vídeo do asasinato do fotógrafo da axencia reuters Namir Noor-Eldeen e outras once persoas máis polas balas dun helicóptero apache norteamericano

Son humanos os iraquís?

Valorar (18)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO



No marco desta ofensiva mediática contra Cuba sae a luz o vídeo do asasinato do fotógrafo da axencia reuters Namir Noor-Eldeen e outras once persoas máis polas balas dun helicóptero apache norteamericano. O caso é que confundiron o teleobxectivo da súa cámara cun lanza mísiles. Iso semella algo habitual, só desta axencia británica levan morto en Iraq 6 xornalistas, e non esquezamos o caso do galego Xosé Couso como foi abatido cando lles “apuntaba” coa súa cámara desde o Hotel Palestina. Tamén parece normal dispararlle aos que tratan de recoller aos feridos porque segundo din poden recuperar o suposto lanza mísiles e outras armas. O de asasinar nenos xa entra dentro do capítulo dos “danos colaterais”, a culpa -di o piloto- é de quen leva nenos a unha guerra, aínda que neste caso foi a guerra a que levaron ao medio dun barrio cheo de nenos.

A ninguén debe estrañar que se tapara o asunto coa versión oficial segundo a cal repelían un ataque dos insurxentes. Que ían facer os militares? É simple corporativismo. Lástima que non se estenda o corporativismo aos medios de comunicación norteamericanos a respecto do xornalista destripado. Unha vez que unha ONG tiña interceptado e desencriptado o vídeo, a pesares de que os propios militares recoñeceron a autoría da gravación, aínda que insistiron na mesma versión (totalmente contradita polas imaxes), a CNN emite a cinta (eliminando as escenas que podían “ferir a sensibilidade do espectador”, é dicir as probatorias) e porfía en que os mortos eran “insurxentes”.

O caso é que a seguir, sen solución de continuidade, volven coa noticia da falla de dereitos humanos en Cuba e as presións de EEUU e a UE a favor dos “presos políticos”. Enchen os telexornais coas denuncias das condicións dos cárceres cubanos coma se non houbese na mesma illa, en Guantánamo, unha prisión que a propia ONU recomendou clausurar inmediatamente e que o mesmo Obama prometeu que pecharía de xeito definitivo antes dun ano logo de chegar ao poder (xa comprobamos a fiabilidade da súa palabra).

Os dereitos humanos son universais e iso xustifica que se traspase fronteiras e se vulnere a soberanía nacional coa escusa da súa defensa, agora ben, como é entón que unha vez que se usa a bandeira dos dereitos humanos para estender a lei e a democracia polo mundo, logo, non se leven a práctica? Quizais é que estes dereitos si que se respectan o que pasa é que aqueles aos que non se lle aplican carecen de “humanidade”, ou cando menos son menos humanos que os que dominan o mundo.

Nese contexto rescátase para o debate teórico unha figura escura do dereito romano: o “homo sacer”, isto é, o home matable e prescindible, pero insacrificable. Criatura desproveita de todo dereito ao que se pode asasinar sen que o asasino poida ser xulgado xa que a mesma lei crea as condicións da súa exculpación. Esta figura foi investigada polo erudito italiano Giorgio Agamben no seu libro “Homo sacer: o poder soberano e a vida núa” e aínda que xa fora usado o concepto por Hannah Arendt, foi Slavoj Zizek quen lle deu unha aplicación a situacións como as que viven pobos como Afganistán recreando a imaxe da poboación que recibe alimentos desde un avión logo de ser bombardeados polas mesmas forzas aéreas.

“Sacer”, quer dicir sacro, se ben curiosamente non pode ser sacrificado en ningún ritual relixioso. Realmente é un home refugallo, un excluído, mais sobre todo un invisible: por iso non se lle pode dar á súa eliminación ningunha dignidade nin pompa. A diario son asasinados en Iraq e Afganistán e non figuran en ningunha contabilidade. Poñéndonos no escenario de latinoamérica, no marco das democracias que se pretenden antepoñer como modelo ao cubano, isto é, Colombia e Honduras, está a executarse extraxudicialmente a xente continuamente. Hai pouco Zelaya referíase a 5 persoas no país do que era presidente electo até que un golpe militar o expulsou nun proceso que contou coa bendición final de EEUU. Pero en Colombia lembremos o documental “9 de cada 10” que se refire a número de sindicalistas asasinados no mundo que corresponden a este exemplo que os americanos queren potenciar.

En Cuba hai pena de morte, como na maioría dos Estados do Caribe, e os que estamos contra este tipo de castigo podemos e debemos manifestar o noso desacordo, e a Cuba non lle queda outra que asumir as críticas e pagar o prezo político que lle reporta cada vez que a aplica (aínda que son moi raros os casos a diferenza de EEUU). Agora ben, imos a prestarnos a hipócrita campaña que está a promover o imperio contra este pequeno país que se resiste a someter ao seu dominio? Imos aceptar esta dobre vara de medir? Deixarémonos cegar polas luces do esplendor da exhibición suntuosa de termos como “dereitos humanos” e “democracia” cando se condena a cada vez máis persoas á categoría de “homo sacer” e se lle retira toda soberanía aos pobos ocupados? Non.

Debemos lembrar o que nos di Simone de Beauvoir cando advertía que canto máis limpos semellaran os suntuosos pazos do poder máis sucios son os sumidoiros nos que ocultan a súa inmundicia. E temos que agradecer a WikiLeaks e aos que coma eles poñen o foco nos excluídos, nos invisibles... para evitar que sexan tratados como refugallos e lograr que se lle aplique dunha vez tamén a eles os tan cacareados “dereitos humanos” que ultimamente parece que son exclusiva duns cantos que mandan no mundo. É xusto tamén recoñecer a valentía de intelectuais e artistas do Estado Español como Willy Toledo que tivo a afouteza de rachar co pensamento único e dicir catro verdades o cal lle custou o seu linchamento mediático.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña