23:01 Luns, 22 de Abril de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-10-2012

Cunha pregunta semellante titulaba Avelino Pousa Antelo un dos seus traballos de investigación e divulgación do cooperativismo

Valen ou non as cooperativas para Galiza?

Valorar (4)

XOÁN COLAZO PAZÓ



Cunha pregunta semellante titulaba Avelino Pousa Antelo un dos seus traballos de investigación e divulgación do cooperativismo.                            

“Valen ou non as cooperativas de explotación comunitaria pra o campo galego?” Cuestionaba o ilustre nacionalista nos primeiros anos 70 do pasado século. Xa dende a propia portada do libro estaba o autor a pór en albo non xa a valoración da pertinencia desta forma de organización económica, senón a total necesidade de optar por esta vía para superar as graves eivas do agro galego. O título era polo tanto unha clara exhortación a todos os galegos e galegas a ollar esta opción como totalmente acaída para resolver a descapitalización e minifundismo do campo, para aproveitar os hábitos cooperativos tradicionais e para facer da unión dos labregos e labregas unha vía de futuro e progreso.                    

Do mesmo xeito podemos preguntarnos hoxe se valen para o noso país as cooperativas. O sentido da pregunta abrangue un eido de actuación moito máis amplo, non só reducido ao agro nin ás cooperativas de explotación comunitaria da terra, senón a calquera dos nosos sectores produtivos. Pero tamén aquí a cuestión pretende ser un chamado a ver no cooperativismo unha saída necesaria á situación actual do país, ou cando menos unha delas.                        

O que resulta claro é que, coa crise capitalista que padecemos, a aposta por novas formas de desenvolvemento económico é necesaria e urxente. Dentro das formas de economía social que hoxe se desenvolven en Galiza, as cooperativas son as de maior importancia cuantitativa. Na actualidade existen 1.136 cooperativas formadas por un total de 88.000 socios e socias, case a metade delas baixo a forma de cooperativas de traballo asociado e un terzo de ámbito agrario. Óllase polo tanto que a variedade de actividades nas que están radicadas é moi amplo, xa que tanto nos servizos como no sector industrial está avanzando día a día esta forma empresarial especial. E hai que salientar que o ritmo de creación de novas cooperativas está a medrar, xa que era de 14 anuais en todo o país até 2010, pasando a 20 en 2011 e a 25 no que vai deste ano. Amais, a súa taxa de disolución, é dicir, a porcentaxe de cooperativas que pechan respecto do total existente é do 4,1% fronte ao 26% para as empresas capitalistas. Isto quere indicar que se está a ver o mundo cooperativo como unha boa alternativa de futuro aínda en tempos de crise xa que son entidades moito máis resistentes aos ciclos económicos. A análise das cifras das cooperativas en Galiza permiten aínda extraer novas conclusións positivas, xa que son as responsábeis da xeración de 10.000 empregos directos, que a maiores son empregos de maior calidade e estabilidade, como reflicte a súa taxa de temporalidade do 11% fronte ao 43% no resto das empresas. E aínda podemos sinalar que dentro da masa social das cooperativas galegas a presenza feminina é maioritaria, así como das persoas menores de 40 anos.                      

Avelino Pousa Antelo, cunha pataca da variedade "Kennebec", semente a cal el mesmo promovou para o seu cultivo en Galiza

Estes números son importantes pero modestos aínda, sobre todo de os compararmos con outros países como Euscadi. Precisamos desenvolver moito máis esta forma de economía social que de se desenvolver até uns niveis aceptábeis provocaría efectos sociais e económicos moi positivos na nosa terra, debido ás propias características que definen ás cooperativas. Podemos citar entre elas o reparto equitativo de beneficios entre os socios e socias ou as fórmulas de participación democrática na dirección da organización, cualidades que as converten en empresas moi diferentes ás tradicionais, o cal provoca unha maior motivación, compromiso e permanencia entre os cooperativistas, que se senten actores principais do proxecto que están a desenvolver. Tamén forman parte da súa natureza unha fiscalidade máis favorábel, a obriga legal de capitalizar a cooperativa e as partidas de fondos destinados obrigatoriamente á formación de socios e traballadores, o que as fai máis resistentes e estábeis. E isto sen prexudicar a súa versatilidade e capacidade de adaptación, pois as cooperativas non só están presentes en todas as pólas de produción agraria, industrial e de servizos, senón que son moito menos ríxidas organizativa e funcionalmente á hora de amoldarse ás novas necesidades e problemas aos que se enfrontan, sendo posíbel incluso, sen perder a súa natureza, participar en procesos de integración a través de cooperativas de segundo ou terceiro grao.                      

É un feito comprobado que os cooperativistas acadan unha maior calidade de vida xa que a corresponsabilización do traballo propio e do resto dos socios, xunto coa toma de decisións consensuadas a todos os niveis organizativos permite, a maiores da estabilidade do posto de traballo, mellores posibilidades de conciliar a vida laboral e familiar. E en definitiva, as coooperativas gardan un estreito vencello co territorio onde se asentan como se pode comprobar tamén na súa distribución en todas as comarcas do país, dende as cidades até as zonas rurais, o cal leva a pensar nas súas posibilidades de xerar crecemento espallado por todo o territorio de xeito continuado, contribuíndo a evitar a grande diferenciación socio-económica entre a zona costeira galega e as áreas do interior. O
aproveitamento dos recursos endóxenos e locais que define o cooperativismo é un factor clave para o desenvolvemento de Galiza. Ao seren empresas moi achegadas á realidade galega, que teñen ligazóns moi fortes coa contorna na que asentan, provocan un forte dinamismo noutros sectores e axudan a fixar poboación. Son auténticas organizacións enraizadas na terra, refractarias aos procesos deslocalizadores e, daquela, están moi afastadas dos problemas que xeran as industrias de enclave cuxo impacto final na economía está limitado aos salarios e suxeito a decisións alleas ao control e aos intereses galegos.                        
A pregunta inicial hai tempo que está respostada positivamente. As cooperativas si valen para o noso país. E, máis ca iso, son imprescindíbeis para abrirmos camiño cara unha economía de escala máis humana, máis sustentábel, que sirva ao desenvolvemento de Galiza e do seu pobo. Pero para avanzarmos cara a ese futuro é preciso un troco de mentalidades na sociedade que supere certos estigmas que se lle apoñen (pequena dimensión, falla de rendibilidade económica, invisibilidade, circunscrición unicamente ao sector agrario) e sobre todo un maior apoio da administración. Cantas cousas se poderían facer neste eido cos máis de 10 millóns de euros que Feijóo ven de regalar a fondo perdido e a cambio de nada a unha multinacional da automoción. En troques, as axudas ao cooperativismo non supuxeron este ano máis ca 2,8 M € por parte do goberno galego. E non só as axudas deben ser maiores, senón que se fai necesario traballar na divulgación, na formación, na apertura de novas vías cooperativas, no estudo doutras realidades próximas como a das régies coooperativas portuguesas froito da Constitución de abril, onde a participación pública é maioritaria e son moi acaídas para a prestación de servizos sociais e proxectos locais.                      

Aprezado Avelino, temos que seguir dicindo contigo que as cooperativas si valen para a nosa terra. É máis, son imprescindíbeis para construírmos un futuro mellor, para facer da nosa unha economía humanamente distribuída.


[07-10-2012 15:30] antonio comentou:

AS COOPERATIVAS COID QUE SON O FUTURO DE ESTE PAIS Y TENDREMOS QUE REFORZAR SOBRETODO A UNIDADE DAS MESMAS DADO QUE OS GOBERNOS DE ESTE PAIS NO TOMAN CONCENCIA DE QUE O FUTURO DEPENDE DAS PROPIAS COOPERATIVAS

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña