05:24 Xoves, 09 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-04-2010

Investimentos en innovación

Vehículos eléctricos con enerxía eólica

Valorar (9)

BELÉN GONZÁLEZ MARTÍNEZ



O plan Movele, proxecto piloto para demostrar a viabilidade técnica e enerxética da mobilidade eléctrica nos entornos urbanos, mais coñecido como o plan do vehículo eléctrico é a última gran aposta do goberno central para o fomento da demanda, industrialización e I+D+i. Dos 590 millóns de euros que se destinan a este plan, 240 millóns destinaranse á compra directa de vehículos, para o apoio á industria 140 millóns, 35 millóns para poder implantar a rede de abastecemento e 173 millóns á investigación.

A estrutura de desenvolvemento e de axudas dun proxecto, cuxo obxectivo e promocionar e vender un produto que contribúe a unha economía sostible é dende o meu punto de vista a do plan Movele: investigación + implantación + comercialización.

Pero o vehículo eléctrico, non é como di o Ministerio unha nova tecnoloxía, a investigación neste campo está xa moi avanzada, existindo no mercado modelos híbridos comercializados, que todos coñecemos. Polo tanto Movele, é un proxecto piloto, denominación que incluso utiliza en diversas ocasións o propio Ministerio. A distribución orzamentaria, entón, non é a que debería ser. Para o desenvolvemento de proxectos pilotos, coma este, é necesario un apoio claro á posta en marcha da comercialización, un bo método é o apoio directo á compra e á implantación das redes de distribución. Pero a todas luces é excesivo inxectar 173 millóns de euros neste campo de investigación e 140 millóns nas industrias do automóbil e eléctricas.

O impacto en Galicia deste proxecto será practicamente nulo, só temos que pensar a parte que nos tocará dos 35 millóns para a implantación da rede de distribución, outra medida máis que só incidirá na desestruturación do país.

Mentres tanto, infestamos o país de decorativos muíños de vento cuxa enerxía se desperdicia na maior parte. A enerxía eólica só pode descargar na rede eléctrica cando o consumo é alto, cando a rede non o necesita esta enerxía pérdese, por exemplo, pola noite. Tampouco existe un mapa de aproveitamento óptimo da enerxía eólica nin de distribución efectiva da mesma. Podería o sector primario aproveitar esta enerxía, a través da xeración de hidróxeno como combustible? Por que non entón, un proxecto estruturado coma o Movele para un maior aproveitamento da enerxía eólica? E por que non, tamén, 590 millóns de euros para un plan que si pode fomentar no país a demanda, a industrialización, a I+D+i e o desenvolvemento dunha economía sostible a longo prazo.


[12-04-2010 ] davi portilla comentou:

estou totalmente de acordo, e creo que o aproveitamento da enerxía eólica para a xeración de hidróxeno, é posible. pero a falta de valentía e a nula repercusión política que se pode obter a curto prazo fan que os dirixentes de Madrid non fagan unha aposta clara por un novo modelo enerxético que nos faga menos dependentes dos combustibles fósiles. este será un tema que estará outra vez de actualidade nos próximos meses...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña