23:59 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-09-2012

s cousas só se poden cambiar con competencias plenas, para poder tomar decisións tendo en conta os intereses galegos e non os do resto do Estado

Eleccións triplas, eleccións históricas

Valorar (11)

PAZ ABRAIRA SOBRADO



Mentres escribo este artigo faise público que acaban de convocar eleccións en Cataluña para o mes de novembro. As nosas son un pouco antes, xunto coas de Euskadi. Polo tanto en dous meses vanse celebrar eleccións nos tres territorios que reclaman soberanía e dereitos propios dentro do Estado español.                        
Estamos ante un momento histórico, porque como moi ben dixo Francisco Jorquera recentemente, queiran ou non Galiza é unha nación. Unha nación como Cataluña e Euskadi que non pode quedar descolgada do debate identitario, de competencias plenas. En definitiva, do debate da autodeterminación e do novo modelo de Estado.                

Sería un feito gravísimo para o noso País que as únicas voces que se escoiten neste proceso falen de esquerda e deixen de lado as competencias e os dereitos como pobo. Porque van intentar que todo xire arredor dos logros e das promesas dos partidos estatais, nomeadamente de PP e como mal menor do PSOE e de Izquierda Unida, pero van facer todo o posíbel porque a nosa voz, a voz do nacionalismo galego, a voz do BNG, quede silenciada. Por iso non podemos tomarnos esta campaña como algo rutineiro. É moito o camiño por andar, e non pode depender exclusivamente das candidaturas. A implicación de todas aquelas persoas que crean no país, nas súas capacidades, nos nosos dereitos como pobo, debe ser total.                  

Nesta campaña temos que falar da situación económica e social, pero tamén e por diante de todo, de dereitos e de competencias. Porque non é posíbel cambiar a situación económica se non temos competencias, se seguimos sometidos aos intereses do Estado e de Europa, uns intereses que non son os das clases traballadoras e moito menos os intereses dos galegos e das galegas.                  

Falouse moito estes días da mobilización de Cataluña a favor da independencia. Nos tamén temos as nosas mobilizacións sociais, axustadas ao noso territorio, ás nosas reclamacións e ao noso sentir como pobo, e non son en absoluto desprezábeis. Os veciños e veciñas da Mariña saen a rúa para reclamar unha tarifa eléctrica especial para Alcoa, porque saben que dá traballo directo e indirecto a miles de persoas. E ademais, se producimos a enerxía no noso país, o normal é que paguemos menos por ela. E así con moitas máis cousas. Pero para defender ao país hai que crer nel, e crer tamén na capacidade de autoorganización do noso pobo. Parece que temos que volver aos vellos lemas que hoxe máis ca nunca teñen validez: Gobernemos nós a nosa terra; Por unha Galiza liberada...                

Cada día é máis importante estar na rúa e escoitar as demandas dos cidadáns, a pesar do duro que pode resultar en algún momento dada a rabia e a desesperación de moitas persoas que vén como o seu futuro desaparece diante dos seus ollos. O naval, o agro, a pesca, os afectados/as polas preferentes,.., todas loitas de gran valor.              

Temos que ser quen de trasladarlle aos galegos e galegas que é preciso avanzar, que non podemos quedar descolgados do que reclaman noutros territorios, porque nós non somos nin menos nin peores. Temos recursos propios, aínda que leven anos e anos convencéndonos do contrario. As cousas só se poden cambiar con competencias plenas, para poder tomar decisións tendo en conta os intereses galegos e non os do resto do Estado. É o momento de dar pasos adiante, porque estas eleccións son vitais para o noso futuro.                          
Non podemos permitir que os últimos acontecementos xudiciais nos desanimen nin nos acovarden. A súa intencionalidade é máis que evidente, crear a imaxe de que todos somos iguais cando non é certo. Temos que dar a cara porque hai algo que xa se está movendo na rúa, e na rúa é onde ten que estar o BNG, ao pé da xente e das súas reclamacións.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña