15:54 Martes, 04 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-09-2012

É indiscutíbel que a antiga Galiza fose colonizada por antigos pobos celtas, falantes dunha variedade hispanocéltica das hoxe desaparecidas linguas celtas continentais

O circo céltico

Valorar (61)

ROBERT NEAL BAXTER



De que hai similitudes entre a Galiza e a Irlanda ou a Bretaña non cabe dúbida. Dada a súa situación como nacións asoballadas esencialmente rurais situadas na periferia occidental da Europa mirando cara ao Atlántico, sería sorprendente non atopar similitudes de todo tipo coas nacións celtas, desde o natural, o cultural e o político.        

Tamén é indiscutíbel que a antiga Galiza fose colonizada por antigos pobos celtas, falantes dunha variedade hispanocéltica das hoxe desaparecidas linguas celtas continentais, aparentadas indirectamente coas goidélicas (antigo irlandés, gaélico moderno de Irlanda, Escocia e a Illa de Man).        

No entanto, unha cousa fica clara: pese a quen pesar, o galego non é unha lingua celta senón románica, derivado do latín implantado na Galiza a partir da súa romanización séculos atrás. Así, o galego-portugués é aparentado de xeito directo co catalá, francés, romeno, italiano, español, etc., mais non co irlandés, escocés, manés, bretón, galés ou córnico. Iso é un facto lingüístico irrefutábel, tan certeiro como que a Terra xira ao redor do Sol.      

Sumado á enorme influencia do latín sobre as linguas celtas, a inmensa maioría das linguas faladas na Europa, as actuais linguas románicas e celtas forman parte da mesma familia das linguas indoeuropeas, de aí que tamén demostren similitudes entre elas.

Agora ben, existe unha serie de trazos característicos comúns ás linguas celtas que as distinguen das outras linguas indoeuropeas, incluído o galego, entre os cales destacan os seguintes:    

- mutacións consonánticas: mudan certas consoantes iniciais en diferentes contextos morfosintácticos segundo padróns estabelecidos, p.e.: ir. beanan bhean; br. maouezar vaouez (‘muller’ → ‘a muller’)     - preposicións flexionadas, p.e. mn. lesh (‘con’) → lhiam (‘comigo’), lhiat (‘contigo’), lesh (‘con el’), lhee (‘con ela’), lhien (‘connosco’), lhiu (‘convosco’), lhieu (‘con eles’). Estes padróns repítense con todas as preposicións de xeito sistemático, polo que a suposta similitude coas formas galegas ‘comigo, contigo, connosco’, non é máis que superficial, ao proviren das formas latinas cum mecum, cum tecum, cum no(bi)scum, que tamén coinciden, en certa medida, coas formas españolas correspondentes. Nada teñen a ver, como é obvio, coas contraccións do tipo ‘en + a’ → ‘na’, ‘de + os’ → ‘dos’, etc.    

- tipoloxía lingüística canónica verbo-suxeito-obxecto (VSO), p.e. ir. labhraíonn Peadar Gaeilge (‘fala Pedro gaélico’), fonte á orde predominante romance do galego SVO, p.e. ‘Pedro fala galego’.    

- sistemas de numeración tradicionais complexos baseados en sistemas vixesimais, p.e. sc. deich air fhichead (30 = 10 + 20), a miúdo coa anteposición das unidades a respecto das decenas e a colocación dos elementos contados entre ambos, p.e. gl. pewdar ar bymtheg ar hugain (39 = [(4 + 15) + 20]), br. tric’hwec’h plac’h ha pevar-ugent (98 raparigas =([3x6] rapariga (sing.) + [4x20]). Fíxense tamén que os elementos contados fican no singular. Todos estes son trazos alleos ao galego, que segue un sistema decimal derivado do latín.    

- formas verbais impersoais cun valor similar á voz pasiva sen axente conxugadas en todos os tempos/modos verbais, p.e. br. komzer (‘fálase’, ‘é/está falado’), komzed (‘falábase’), komzjod (‘falouse’), komzor (‘falarase’), komzfed (‘falaríase’), komzjed (teríase falado’).    

- formación de plurais mediante mudanzas vocálicas xunto con sufixos variados, p.e. sc. each (‘cabalo’) → eich; ugh (‘ovo’) → uighean. Existencia ademais de duais, p.e. br. lagad (‘ollo’) → daoulagad (‘dous/ollo’ = ‘ollos’) e o binomio colectivo/singulativo, p.e. br. gwez (colectivo/xenérico, ‘árbores’) → gwezenn (un exemplar da especie, ‘árbore’) → gwezennoù (pl. varios exemplares diferentes, ‘árbores’).    

- ausencia dun verbo para expresar a posesión (‘ter’), recorrendo a perífrases preposicionais, p.e. cr. yma lyver dhymm (‘hai a un libro a min’), gl. mae geni lyfr (‘hai comigo libro’), ir. tá leabhar agam (‘hai libro a min’)  

- ausencia dun artigo indefinido e un artigo definido non marcado nin por número, nin por xénero, p.e. gl. y fuwch (‘a vaca’), y buchod (‘as vacas’); y ci (‘o can’), y cŵn (‘os cans’).    

- unha estrutura similar ao status constructus das linguas semíticas para expresar a relación xenitiva, p.e. sc. cean an duine (‘Ø cabeza o home’ = ‘a cabeza do home’); br. ti breur an amezeg (‘Ø casa Ø irmán o veciño’ = ‘a casa do irmán do veciño’).    

- Falta de distinción tradicional entre as cores ‘azul’ e verde’, ambas reunidas baixo o termo glas.      

- Ao contrario do que pretenden certas persoas, a típica diferenza que existe nas linguas celtas entre os dous tipos de verbo ‘ser’ (substantivo e copulativo) non corresponde coa distinción que existe en galego (e español e catalán) entre ‘ser’ e ‘estar’ (derivados directamente do latín esse e stāre), aínda que partillan as mesmas orixes etimolóxicas protoindoeuropeas que o resto das modernas linguas indoeuropeas (*h1es- / *bhūH- e *stā-/*sed-; cfr. inglés is/be e stand/sit).    

Se ben algúns destes trazos descoñecidos das linguas románicas como o galego son propios das linguas chamadas ‘insulares’ (as únicas aínda vivas) e non partillados previsibelmente polas linguas ‘continentais’, incluído o extinto galaico, seguen a ser os trazos que identifican e distinguen as modernas linguas celtas do resto das linguas europeas e que conforman a súa identidade propiamente céltica. Ningún destes trazos existe en galego, por moito que algúns se empeñen en facer encaixar as cousas máis inverosímiles, recorrendo ás veces aos argumentos máis irrisorios como, por exemplo, explicar unha suposta equivalencia entre o son [x] (‘jota’ española) do gaélico escocés a un [ɾ] galego (‘erre simple’) no caso de easach > ‘Ézaro’ (?) a partir da (tamén suposta) similitude coa pronuncia do erre forte ([ʁ]) nalgunhas variedades urbanas do portugués europeo que data do século XIX (véxanse comentarios ao pé deste artigo).      

Este tipo de defensa delirante do celtismo galego non fai máis que deslexitimar a necesaria investigación neste ámbito. Digo ‘necesaria’, pois, como nacionalista que son, non podo menos que defender o dereito a reivindicar a singularidade da nación galega e escribirmos a nosa propia historia, libre das ataduras da historia españolista oficial. Agora ben, para que se tomaren a serio, estas pescudas non se poden realizar de costas á metodoloxía científica estabelecida, neste caso a lingüística histórica comparativa.      

Mesmo hai quen pretende reconstruír a lingua galaica. Mais confeso que, para alén de calquera consideración de rigor científico, tamén como nacionalista de esquerdas que son, non consigo entender a necesidade dunha tal ‘reconstrución’. Pois, para min a identidade nacional galega xa existe, diferente da española, coa súa lingua como peza central que non precisa de ser inventada como se dun país ficticio se tratase. Abóndame loitar pola lingua viva do pobo que xa temos e que nos queren quitar.


1 2 3 4 5 6 seguinte

[09-10-2012 20:19] O Pito Dobre. comentou:

Permitide outra pergunta, (aínda a sabendas de que ninguén vai contestala). E celta o porco celta?, ou debéramos chamalo porco castrexo?.

[08-10-2012 17:47] Xosé C. comentou:

Señor Baxter: agradeceríalle moito non contase medias verdades encól da verba para a cor azul nas linguas célticas e europeas. Deféndome abondo na galla dos estudos medievais goidelo-gaélicos e britónicos como para refutar as súas argumentacións cunha simples referencia á wikipedia inglesa (para non aburrir ós lectores con argumentacións filolóxico-históricas que farían, de certo, facer confundir a cor das súas fazulas dun xiado azul a un vergoñento vermello).

verb. documenta. opu cit. :
http://en.wikipedia.org/wiki/Distinguishing_blue_from_green_in_language#Romance

http://en.wikipedia.org/wiki/Blue#Etymology_and_linguistic_differences

Non por ter unha grande boca entran mellor as rodas dun muiño.

[08-10-2012 15:01] Lucenza M. comentou:

gorm ['gorəm] - blue, black (skin) Etymology: from Old Irish gorm (blue), from the Proto-Celtic *gorsmo-, from *gor (warm, warm colour), from the Proto-Indo-European *wrmi- (worm), from the Proto-Indo-European *wer- (to turn, bend). http://www.omniglot.com/language/colours/irish.php

No da inconsistencia non me estou a referir a este caso en particular, ainda que polo que levo visto adoitas coller a parte polo todo ou ben o todo pola parte. Olla, ti sabes de linguas britónica e non tanto de linguas gidélicas, así o dis no teu artigo, mas en calquera caso pos exeplos de particularidades de linguas britónicas que atribúes á todas as linguas célticas. A verdade é que ten un pase, pero este artigo ten trampa, descalificas a persoas que procuran o sustrato céltico que poida haber na lingua galega, como se todas formaran parte dun mesmo colectivo, e así mesmo sostiveran todos que o galego non é unha lingua latina.

Así mesmo tomas unhas (algunhas) caracteristicas das linguas célticas onde o galego non encaixa. A mellor contestación que podería ter a túa exposición son as referencia sobre as coincidencias sintáticas e de morfosintaxe do galego e dos romances do bloco occidental peninsular coas linguas célticas Robert OMNÉS «Le substrat celtique en galicien et en castillan» 1999: 240 ss . Esto foi resumido previamente nun depoimento que tiven ocasión de escoitar do propio profesor no congreso interdisciplinar de estudos celtas de Ferrol no 98. Alí deitabase luz sobre moito dese backgrownd do céltico no castelán e en moita, moitísima maior medida, no galego. Por desgraza nin os depoimentos daquel 2º congreso de Ferrol se publicaron nin este estudo tivo divulgación (até onde eu sei) na Galiza.

E outra cousa Neal, o uso de ser e estar non foi o mesmo en toda a historia da nosa lingua nen tampouco o sistema SVO foi tan frecuente de antigo como o é na actualidade "Sedia-mi eu na ermida de San Simion", valla para os dous casos o exemplo.

[08-10-2012 07:26] Robert Neal Baxter comentou:

Re: Lucenza M.:
Sinto decepcionarte, mais non hai “inconsistencia argumental” algún no artigo no que se refire ás cores nas linguas celtas: se ben é certo que en irlandés moderno se distingue entre’verde’ e ‘azul’ (como tamén nas modernas linguas britónicas, probabelmente por influencia das linguas circundantes), en irlandés medio e antigo se utilizaba o tremo ‘glas’ (común a todas as linguas celtas) para referirse tanto a ‘verde’ como ‘azul’. Non se trata, pois, dunha singularidade das linguas britónicas, mais dun dos trazos máis coñecidos que distinguen as linguas celtas no seu conxunto do resto das lingua indoeuropeas.

1 2 3 4 5 6 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña