05:21 Xoves, 09 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-04-2010

A mimosa non entende de convivir, nin sequera coas especies de sempre, ben adaptadas, ben asentadas. Imponse, avanza, substitúe

A perversa invasión

Valorar (6)

XOSÉ SALVADORES COVAS



Estamos sendo invadidos por un ser alleo, fortemente agresivo que despraza e destrúe o noso sen piedade. Unha vez asentado, e en desigual competencia, arruína o que leva miles de anos aquí. É un ser incompatible co propio. A quen me estou a referir é a unha planta: a coñecida MIMOSA, Acacia dealbata, e o proceso ten similitudes sorprendentes co que está a ocorrer coa nosa lingua. O materialismo dialéctico ten esas cousas. Non hai bilingüismo harmónico como non hai equilibrios naturais estáticos; todo é dinámico e na confrontación dos contrarios sempre hai alguén que se impón.

Antes de pasar a ver as coincidencias debo facer a seguinte aclaración: non teño nada en contra das mimosas como vexetal nin contra o español como idioma (digo isto non para non ser excluínte, nin para ser politicamente correcto, senón porque así o sinto).

A mimosa, como a lingua española, a min paréceme fermosísima e chea de calidades. A mimosa, como todo vexetal, danos osixeno; ademais, é leguminosa polo que fixará nitróxeno atmosférico. É un vexetal moi aparente polo tamaño, ten flores abondosas e dun amarelo moi atractivo, e regálanos ademais un arrecendo moi agradable. Cos seus encantos, a mimosa, se non se pensa no dano que está a facer, enriquece a paisaxe dándolle un toque colorista e alegre. Outro valor engadido é que ten a particularidade de que, polo seu primor, anuncia con moita antelación a chegada da agardada primavera. Seguro que ademais ten outras virtudes, coñecidas ou por descubrir, que fan deste vexetal un ser respectable e a conservar, en Australia, que é o continente de orixe.

Cal é o problema, onde están as semellanzas entre a invasión da mimosa e a situación da lingua galega ? Pois é que a aparente e amable planta, ao caladiño, vai avanzando, inexorable, polo territorio, e de paso, eliminando del calquera outra planta preexistente, as plantas de noso. A mimosa non entende de convivir, nin sequera coas especies de sempre, ben adaptadas, ben asentadas. Imponse, avanza, substitúe. Leva nos seus xenes unha estratexia calculada para a ocupación de todo o territorio posible. Como calquera idioma que se prece.

Conta, ademais, a planta cunha serie de aliados, xentes que, consciente ou inconscientemente, non fan nada para impedir o seu avance ou incluso defenden a súa presenza. Uns, confundidos por levar aquí tantos anos establecida, pensan que é propia de Galiza; outros deféndena porque nin coñecen nin senten o medio natural nin o país. Escoitamos dicir, cando cuestionamos a súa expansión: Hai outros problemas de que preocuparse; Naceu aquí e é tan galega como as outras; Xa non se pode erradicar; sería moi custoso; É máis bonita que as plantas de acó; Hai sitio para todos/as; É unha árbore, e todas son beneficiosas para o medio ambiente; As plantas de aquí, hoxe non valen para nada

Soan estes argumentos, verdade? Soan, e son os mesmos que se utilizan para os idiomas.

O certo é que a mimosa, nunha expansión imparable ocupa cada ano máis territorio, chegando xa a dominar certos vales e a ser moi evidente nas ribeiras dos nosos ríos máis importantes. Utiliza esta planta, agresiva, vías de penetración moi eficaces, contando ademais con que está nunha situación privilexiada porque non ten os inimigos naturais que a poderían manter a raia, como seguramente ocorre no seu país de orixe.

O problema ten tal magnitude que xa non hai solucións individuais, e, cada primavera, o seu amarelo vizoso e refulxente, delata a súa presenza e delata os responsables da Administración que miran para outro lado

Sen dúbida, debemos coñecer a mimosa. Pode estar aquí, podemos gozar dela; pero controlándoa. Podemos mantela en parques, xardíns ou lugares acondicionados, pero sempre que se lle preste a atención necesaria para evitar o seu dominio sobre as plantas propias do noso medio natural.

Igual que coas linguas alleas.

Todas as linguas poden e deben estar entre nós, pero ocupando o seu lugar; sen asoballar, sen desprazar ou substituír á que é naturalmente nosa.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña