11:17 Domingo, 26 de Marzo de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-04-2010

Curiosamente, os negadores do nosa historia, son os mesmos que acientificamente protexen e defenden a presenza do enterramento de Santiago en Compostela, sen proba algunha e con moitas en contra. Algo a todas luces inasumíbel

O priscilianismo: un movemento sociopolítico da Galiza

Valorar (45)

MANUEL VÁZQUEZ CABO


Abraianos, certamente, que feitos acaecidos 1.500 anos atrás, sigan vivos nas memorias do país, no debate social e académico. Só os acontecementos de moita espesura cualitativa e cuantitativa, acadan tal permanencia non tempo e na historia. E máis importancia ten, cando é capaz de sobrevivir a tódolos intentos de negar a nosa historia. Curiosamente, os negadores do nosa historia, son os mesmos que acientificamente protexen e defenden a presenza do enterramento de Santiago en Compostela, sen proba algunha e con moitas en contra. Algo a todas luces inasumíbel.

Non deixa de ser penoso que aínda hoxe se pretenda identificar ou confundir empirismo con crenza, ciencia con maxia. Castelao colócanos a Prisciliano a fronte dos que, dun xeito ou outro, contribuíron na causa da formación da Galiza. Casualidade? Simple intuición? Ou certas razóns de peso, produto de análises e amplas pescudas sobre ou tema? A rigorosidade de Castelao, a estas alturas, parece non cuestionada.

Se decruamos os textos sobre Prisciliano, dunha maneira crítica, desvelaremos que a maioría dos escritos e interpretacións que se formulan sobre o priscilianismo é para focalizalas en exclusividade sobre a figura priscilianista, acochando ou prestándolle minguada atención ao movemento en si. A totalidade dos estudos sobre o priscilianismo obedecen a patróns preestablecidos polas correntes individualistas, cosmopolitas, negadoras do propio contexto-territorio-tempo do movemento.

As liñas de investigación coñecidas son: a heréxica, defendida polos católicos, e a ascética. En opinión de J. M. Blázquez: unha será a xerárquica e vinculada ao Imperio Romano e outra, a ascética, democrática, carismática e frecuentemente con trazos arcaicos. Outra liña, a pesar de ser a menos investigada, é quizabes a chave que abre as portas a unha análise anovada e máis atinada, sería a tese defendida por Barbero, para quen o movemento priscilianista acumula un “transfondo económico e social“, polo tanto, aguilloando o pensamento, concluiremos, que conta cunha realista carga política: sustentada en principios democráticos, territoriais, e sociais. Tamén o ensaísta Xosé Chao Rego incide nesta liña.

Coñecemos con certeza que a igrexa do momento está cargada de privilexios o que incide na súa adulteración. A igrexa perseguida e mesmamente popular, virase, acollendo a ideoloxía dos seus perseguidores, para voltarse perseguidora de todo tipo de disidencia. Por volta do ano 378, baixo o goberno de Teodosio, política é relixión non se diferencian.

Partimos da tese de que tódolos actores no conflito, son construídos e influídos, determinados e condicionados, polo que denominados estruturas do sistema: económica-ideolóxico-cultural. Como diria Agnes Séller, “prestemos atención a vida cotián das persoas -o microindividuo- para así acadar o fermento oculto da mesma sociedade no seu conxunto”. Coñecer os seus comportamentos, desexos, costumes, necesidades. En suma, as súas implicacións vitais, psicolóxicas, sociais, e históricas.

Estamos a falar dunha Gallaecia dificilmente comprensíbel para nós, polo seu dinamismo económico, político e social dentro da península e da Europa do momento. Amplamente poboada no conxunto do territorio, con toda probabilidade con máis núcleos de poboación que na actualidade. Cunha terra traballada e produtiva.

Hidacio, vennos dicir que a herexía do priscilianismo invade a Galiza a partir do ano 387, teñamos en conta que xa foran degolados algúns representantes do movemento en Treveris (Alemaña).

Xurde polas execucións? ou, non serán estas, máis ben a clara proba do perigo que supuña o mesmo, para o poder político establecido, que o leva, en convivencia coa igrexa, a cometer un vergoñoso acto criminal?. Ten as súas bases ideolóxicas quizais, tamén na contradición que xurde cando o cristianismo se converte na relixión oficial do Estado provocando como dirá José Luís Abellán “unha nova estrutura da igrexa en conflito cos intereses económicos e sociais das clases ameazadas pola crise do Imperio Romano”. Como moi sabiamente nos di Fernando de los Ríos, a única vinculación do priscilianismo co mundo relixioso débese a “que a única ideoloxía que nese momento podía concretar as aspiracións colectivas era a relixión, e por iso os grupos revolucionarios aparecen a miúdo baixo esta forma, ou están xunguidos aos disidentes do cristianismo estatal” ou como afirma Barbero Aguilera “eran movementos revolucionarios rurais que se alían contra a orde social establecida cos pequenos propietarios absorvidos polo réxime de latifundios. En resumo, as clases superiores vinculadas coa metrópole de Mérida e coa defensa da unificación estado-igrexa teñen neste binomio o seu pensamento ideolóxico, fronte aos sectores máis populares, descontentos coa brutal paga de impostos que teñen que realizar.

Logo de ser torturados, non coa idea de sacarlles unha confesión das súas actividades, senón de que abdiquen dos seus principios, son condenados a morte ao negarse a aceptar tales proposicións. Latronio un gran poeta laico, home moi erudito e comparábel na poesía cos clásicos antigos, foi degolado en Treveris con Prisciliano, Felicísimo, Xuliano, Eucrocia e outros priscilianistas.

O movemento vai tomar novos pulos e propagarase con máis intensidade, logo destes sucesos. Os degolados venéranse como mártires unha vez que son traídos a Gallaecia, onde se homenaxean con grandes exequias. A traída dos seus corpos desde Treveris a Galiza, foi o inicio do camiño para os peregrinos a Santiago. As persecucións que se realizan sobre os priscilianistas son das máis cruentas que coñece a historia. Van desde as execucións, expropiación dos seus bens, excomuñóns, perda de dereitos civís e desterros. O Priscilianismo tomará novos pulos co nacemento do reino Suevo na Galiza.

E quizabes a creación fantasiosa do enterramento de Santiago, en Compostela, pretenda ser a xustificación definitiva contra o movemento, xa que serviu para enterrar de novo ao priscilianismo, transformando o seu culto, no culto a Santiago. Comezando así as prácticas de cristianización, reabsorbendo os cultos “pagáns”.

Aquí entramos non tan debatido enterro na catedral de Compostela. Santiago ou Prisciliano?. O de Santiago só se sostén si a ciencia se troca en crenza. Ninguén dos autorizados escritores pola igrexa, máis próximos aos acontecementos, escriben ou dan conta da presenza de Santiago na Galiza: Prudencio (405), Orosio, Hidacio (395-468), nin os escritores dos séculos VI ao VIII. O mesmo silencio en San Martiño de Braga ou en escritores visigodos como Isidoro, Idefonso. O Papa Inocencio I rexeita a presenza de Santiago, ao escribir unha carta no ano 416, onde recolle que en España só fundou igrexas San Pedro. Tampouco os concilios iniciais falan do tema. Especial relevancia merécenos as opinións de Gregorio de Tours (594) que coñece os santuarios marinianos é nada comenta, e Venancio Fortunato (600) non seu Virginibus, onde cita as zonas que corresponde a cada apóstolo, atribuíndolle a Galiza a San Martiño.

As primeiras noticias da presenza de Santiago proceden das interpolacións que se fan ao pasar os Catálogos bizantinos, redactados en grego e nos que non aparece a noticia, aparecendo na tradución latina, sobre o século VI. Ollamos como a noticia da presenza do apóstolo en Santiago coincide xuntamente co que se da en chamar o fin do Priscilianismo. Noticia que xurde en Occidente, das mans da xerarquía eclesiástica e que chega a nós, 100 anos despois, no século VII.

Ao longo da historia temos pensadores e escritores, de dentro e fóra da Galiza, que abertamente teñen manifestado as súas opinións sobre o tema. Xa Portela Valadares, proclama no seu día que a tumba é de Prisciliano. O propio Unamuno que menciona a posibilidade, de que o priscilianismo fose solapado por Santiago. Por non mencionar a un dous grandes analistas do priscilianismo como é o profesor Henry Chadwick, que se inclina pola presenza das reliquias priscilianistas na Catedral. Pero quen definitivamente, logo dunha análise rigorosa, desmonta tal suposto enterramento de Santiago en Compostela, e Duchesne cun artigo realizado non 1900. En fin, malia intentos serios de eruditos de onte é hoxe, non se ten acadado a mínima proba para supor ou confirmar a presenza de Santiago na Galiza, e moito menos o seu enterramento. Pola contra, como puxemos de manifesto na parte final deste escrito, si que abondan probas para refutar tal presenza.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña