23:21 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-09-2012

Moitos pensarán que o poder engaiolante da figura do Mariscal débese tan só a que foi elixido polo nacionalismo galego como o elemento representativo da loita de Galiza en contra do poder centralista español

O sentimento anticlerical na figura do Mariscal Pardo de Cela

Valorar (31)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS



Este mes de agosto a Asociación Cultural A Pomba do Arco organizaba en Foz as súas XVII Xornadas de Historia Local. A terceira das catro sesións con que contan as xornadas estivo dedicada á figura de Pardo de Cela. Unha nova visión sobre este personaxe baseándose nunha documentación ata agora inédita.          

Ante a masiva asistencia a esta conferencia e o interese que espertou no público en xeral a mesma Asociación organizaba un roteiro pola fortaleza da Frouxeira, o derradeiro bastión mariñán da resistencia galega en contra do poder real, o día 9 de setembro. Cal é a razón que motiva que a figura de Pardo de Cela siga tan vixente hoxe en día? Cal é a diferenza que existe entre este nobre galego e os demais?
           
Moitos pensarán que o poder engaiolante da figura do Mariscal débese tan só a que foi elixido polo nacionalismo galego como o elemento representativo da loita de Galiza en contra do poder centralista español. Están errados os que pensan isto. Dende o século XVI a figura do Mariscal aparece en varios cantares como un mártir, sendo comparada a súa figura ca do mesmísimo Xesucristo.                      

Nas crónicas do século XVII e en especial do XVIII seguirán facéndose eco da figura de Pardo de Cela. Por tanto o Mariscal estaba xa na boca e no maxín da xente moito antes de que aparecese un movemento, e moito menos un partido,  nacionalista. Cando o movemento nacionalista galego escolle a Pardo de Cela. Nin a lenda nin o mito do Mariscal son unha invención nacionalista.                        

Algúns autores apuntan a idea de que Pardo de Cela e o movemento nacionalista comparten un profundo sentimento anticlerical, de aí que se elixise a este nobre, e non a outro, como  referente nacionalista. Certas actitudes e enfrontamentos que mantivo o Mariscal coa igrexa e co Cabido mindoniense son as bases nas que estes autores cimentan a súa teoría.                    

Volven a estar errados.A actitude que o Mariscal mantivo coa igrexa en nada difire da de outros nobres galegos, era moi corrente que os bens eclesiásticos fosen desexados pola nobreza e si a iso lle sumamos a inexistencia dun poder rexio forte no noso país non é de estrañar que os nobres galegos non tivesen medo nin a unha posible represalia monárquica nin ás, tamén habituais, censuras eclesiásticas e ameazas de excomuñón.                          

Se primase o sentimento anticlerical  na elección feita polos nacionalistas non se elixiría a Pardo de Cela. Tal vez se botase man dun daqueles nobres galegos que se negaron en masa ao ser emprazados polo arcebispo santiagués, Rodrigo de Luna, para acompañalo á guerra en Granada, baixo a pena de perder tódolos seus bens en caso de non acudir á chamada. Negáronse todos, deixándolle claro ao arcebispo que nin contaba co apoio nobilibar santiagués nin tiña poder suficiente para impoñerlles ningunha obriga.

Mais se buscamos nomes propios podemos pensar en Roi Sánchez de Moscoso ao cal vemos atacando a catedral santiaguesa en 1422. Acción que repetiu o conde de Trastámara, Álvaro Pérez Osorio, quen chegou a tomala e retela no seu poder ata que foi expulsado por unha confederación de nobres galegos encabezados por un novo arcebispo santiagués. Pero, tal vez, o maior exemplo dese suposto anticlericalismo o atopemos na figura de Bernal Yáñez de Moscoso, quen tivo a ousadía, por non dicir rebeldía, de engaiolar ao arcebispo de Santiago, Alonso de Fonseca, durante dous anos (1464 – 66). Momento que aproveitou para atacala catedral compostelá a que tivo en asedio durante seis meses ata que os defensores se renderon. Tendo en conta estes exemplos das relacións que mantiña a nobreza compostelá coa súa catedral non podemos pensar que Pardo de Cela tiña un profundo sentimento anticlerical porque os seus homes detivesen ao cóengo Gonzálo García, que estivo retido ata que lles entregou os froitos do beneficio de Santa Baia de Budián.                          

Tampouco hai verdade algunha nesa falsa crenza, tal vez apadriñada por Vasco de Aponte, de que o Mariscal se apropiara das rendas do bispado de Mondoñedo, que recibira como dote ao casarse con dona Sabela de Castro. O Memorial da Casa de Saavedra, escrito no ano 1679, afirma que o bispo de Mondoñedo, Pedro Enríquez, cedera ao Mariscal toda a renda do seu bispado como dote e ao morrelo prelado, as citadas rendas debían de volver ao Cabido. Eduardo Pardo de Guevara demostrou que esta afirmación era totalmente falsa xa que durante a prelatura de Pedro Enríquez a catedral mindoniense seguiu percibindo as súas rendas na mesma cantidade que en anos anteriores a esta prelatura e porque o citado bispo morrera, polo menos, dez anos antes do matrimonio do Mariscal con dona Sabela, sendo por tanto imposible que cedese uns bens en dote cando faltaban 10 anos para levar a cabo o matrimonio.                      

Esta falsidade histórica foi aproveitada, a par que amplamente difundida, por Ramón Sanjurjo Pardo no seu libro Los obispos de Mondoñedo, quen chegou a cualificar ao Mariscal de “raptor de la Iglesia”. Non escatimou este autor en cualificativos negativos sobre a figura de Pardo de Cela, chegando a afirmar que era tanta a súa saña e avaricia sobre os bens eclesiásticos que o bispo don Fadrique de Guzmán tivera que fuxir cara Sevilla. Tivo que ser don Benito Vicetto quen desmantelase estas falacias vertidas por don Ramón Sanjurjo ao demostrar que o bispo mindoniense marchara a Sevilla, onde vivía a súa familia, buscando apoios políticos que lle permitisen medrar na carreira eclesiástica. Pero aínda hai quen, unha vez historicamente desmanteladas, as segue a dar por certas e defendelas.                      

Tampouco é verdade que existise unha conspiración eclesiástica para matar a Pardo de Cela nin que a súa dona fora detida por varios cóengos na ponte de Ruzos, sendo entretida por estes ata que as campás tocaron a morto e moito menos que dende ese día a citada ponte pasou a ser coñecida como a Ponte do Pasatempo. Esta lenda, que aparece a mediados do século XVIII, responde a un sentimento anticlerical imperante na cidade de Mondoñedo, o lugar onde o poder eclesiástico estaba máis presente de aí que fose nela onde existise un profundo malestar e unha posición en contra da igrexa por parte do pobo.                  

Os nacionalistas non elixiron a Pardo de Cela por un común sentimento anticlerical senón porque esta figura encarna, perfectamente, os ideais de resistencia ante o poder central e de loita pola defensa da identidade galega.                                    

Tamén se elixiu a figura do Mariscal, aparte de por ser moi coñecida e manter esa atracción que exerce no público en xeral, porque despois da súa morte todo cambia, polo menos en Galiza. Aquela nobreza defensora dos seus intereses propios, e por ende dos do país, que colocara a Galiza como peza clave no discorrer histórico desaparece e convértese nunha nobreza cortesá, que vive das migallas que a coroa lles outorga. Esa é a razón pola cal o movemento nacionalista escolle a Pardo de Cela e non por un común sentimento anticlerical.              

[10-09-2012 04:02] teixugo comentou:

Espanhol?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña