23:57 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-08-2012

Novas alternativas individuais pero sobre todo colectivas, alternativas que representen melloras reais para a poboación e conservación dos grandes valores que temos, como o noso monte e o noso agro

A terra desaproveitada

Valorar (17)

PAZ ABRAIRA SOBRADO



Recentemente realicei unha visita o concello da Ribeira de Piquín e puiden comprobar como nos últimos 5 anos todo o que son ladeiras das montañas entre Meira, A Pontenova e A Fonsagrada están plantadas de eucaliptos. E non é só que sexan as zonas altas, é que tamén os vales existentes entre os montes e nos que se asentan os núcleos de poboación están igual, sementados desta especie. O que antes eran hortas ben coidadas e cultivadas desde a primavera ao inverno agora son plantacións indiscriminadas. Dá verdadeira pena ver o noso patrimonio natural estragado e botado a perder desa maneira, como se fose a única alternativa para as zonas de montaña e a única especie que se pode aproveitar.                                                    
Curiosamente hai outras zonas do estado que aproveitan todo tipo de mecanismos para producir alimentos que non se dan sen máis nas súas terras. Así vemos a cantidade de auga que se vai nos regadíos para producir horta ou patacas por España adiante, cando aquí temos mellor terra e menos seca (cando menos relativa) para poder cultivar.                                      

Vemos como os custes das nosas explotacións de leite van a máis cada ano mentres os ingresos pola súa produción van a menos. Por desgraza os consumidores están dispostos a gastar en certos alimentos pero non no leite. E a iso axuda moito esa campaña encuberta de demonización dun produto san, natural, nutritivo, básico desde sempre na nosa alimentación como é o leite e os seus derivados. Vemos nos supermercados e áreas comerciais como o leite é un reclamo polos seus baixos prezos, e desde logo así como produto transformado non pode ter calidade, a pesar da boa materia prima da que partimos.                                            
Hai explotacións que están apostando por outras alternativas máis directas, como a venda de leite do día ou a confección de iogures, xeados e queixos de elevadísima calidade e sabor realmente exquisito, e que animo a probar a todo o mundo. Xa temos exemplos en varias provincias, entre elas Lugo e A Coruña. Pero o que pode ser unha alternativa individual para determinadas explotacións non resolve o grave problema polo que está a pasar o sector lácteo galego e do que, como consumidores e consumidoras non somos conscientes e por iso seguimos mercando marcas brancas en lugar de leite de calidade, que o hai e non a prezos tan elevados que non poidan formar parte da nosa dieta diaria.       

Coa nova Lei de Montes e coa grave situación do sector lácteo, coa baixada dos prezos e a suba dos custes de produción e a aposta de novo por plantar eucaliptos e piñeiros en todas as terras de cultivo, a situación do rural vai ser cada día máis grave. E a iso hai que sumarlle a perda de servizos, que se vai ver agravada coa escusa da crise económica, verdadeira arma de destrución masiva de servizos públicos e que afecta gravemente ao rural.                                                    
Quen se vai animar a rehabilitar unha vivenda nos nosos concellos, sobre todo nos interiores de Lugo e Ourense? Quen se vai a animar a intentar montar unha explotación agraria, sexa de produción de leite, carne, ou de horta ou produtos do monte? A onde van ir todas esas posibilidades... Se xa hoxe son poucas, a partir de agora e sobre todo se o PP ratifica a súa maioría absoluta, van ser moitas menos, a pesar de que o País está practicamente paralizado e cada día hai menos traballo e máis paro.                                                  

Cada vez que viaxo fóra constato que temos un territorio riquísimo no que se pode producir moito e con relativo pouco custe, non como fan noutros sitios, pero Galiza non avanza e non se aposta por novas alternativas. Novas alternativas individuais pero sobre todo colectivas, alternativas que representen melloras reais para a poboación e conservación dos grandes valores que temos, como o noso monte e o noso agro, entendidos estes en sentido amplo. Na nosa man está cambiar algunhas cousas, sexan as eleccións en uutubro ou sexan en marzo. Desde logo máis políticas do PP non van solucionar ningún problema dos que temos e por riba van agravar os que xa hai e crear outros novos. Como digo sempre, é tempo de reaxir na rúa e nas urnas.       


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña