16:15 Martes, 04 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-08-2012

Seica volve estar de moda reivindicar a unidade da esquerda na Galiza

Unidade si, mais non así

Valorar (79)

ROBERT NEAL BAXTER



Seica volve estar de moda reivindicar a unidade da esquerda na Galiza. Digo 'volve estar', porque vinte anos atrás, xa tentou convencerme do mesmo unha amiga do PCPE (hoxe escindido no PCPG como partido autónomo noutro alarde de 'unidade'...) que prefería desfilar no cortexo 'unitario' co gallo do Día da Patria antes do que sumarse á manifestación maioritaria do BNG. Niso da 'unidade', o primeiro é o primeiro...                        

Hoxe como onte, as proclamas de unidade tamén proveñen dunha constelación de grupúsculos con escasa ou nula representación no País. Mesmo os propios artífices máis descarados da última tentativa de tirar abaixo a verdadeira unidade existente no seo do nacionalismo galego que tanto tempo e esforzo custou erguer nin se ruborizan ao encheren a boca co cántico da unidade para saíren do illamento onde se acantoaron.                                

A nova onda de unidadismo provén de varios sectores que ficaron pasmados perante o suposto 'éxito' da Coalición Radical grega (Syriza), que se define a si propia como unha 'Fronte Social Unida'. No entanto, malia as súas pretensións de ser unha formación da esquerda renovadora e antisistema, segue a teimar en defender a Unión Europea e o euro: en suma, unha nebulosa ideolóxica-política cuxo único suceso real consiste en ter desbancado o Partido Comunista (KKE), punta de lanza da clase operaria, deixando o país nas mans dun goberno aínda máis reaccionario e entreguista do que antes. De xeito similar, a actuación da tan esquerdista IU entregou Estremadura ao PP, sen falar dunha sarta de municipios máis en Andalucía. Non será esta a base desta grande alianza da esquerda que tanto predican na Galiza ultimamente? En fin, toda unha lección que nos indica cal non debe ser o camiño a seguirmos.                          

Desta vez, quen reclama a quimérica unidade da esquerda son dous partidos de limitada incidencia na Galiza, ambos eles capitaneados desde Madrid: a pos-trotskista Izquierda Anticapitalista, nun artigo do militante Brais Fernández, e Izquierda Unida. Porén, a coordinadora xeral desta formación na Galiza, Yolanda Díaz, descarta –e con moi bo criterio, hai que llo recoñecer– unha alianza co BNG; abofé que a auga e o óleo non se mesturan nada ben, e non, precisamente, porque o BNG non sexa de esquerdas.                                        

Mais, para alén destas formacións políticas, tamén hai outras persoas de boa fe que acreditan na necesidade dunha ampla alianza da esquerda que abranguer tanto o BNG como outras forzas claramente españolistas, co fin de parar os pés coa maior urxencia ás reformas golpistas do Partido Popular. Que dúbida non cabe, trátase dun despotismo amparado na súa maioría parlamentar certamente lesivo para o noso pobo, e por isto mesmo o sindicalismo nacionalista galego e de clase da CIG oponse a esta política con rotundidade, sen agardar a 'unidade de esquerdas' por parte dos traidores de clase dos sindicatos amarelos, CCOO e UGT, que depositan as súas esperanzas na monarquía española, no canto de apostaren pola mobilización social, chegando ás folgas sempre tarde e ás arrastras. Outra face, pois, da mesma leria que nos queren facer tragar.     

Por outra banda, o certo é que o BNG non é alleo a pactos de goberno co tamén partido español, P(SO)E, para impedir a formación de gobernos do PP, e de cuxa experiencia pasada tamén se tiraron leccións para o presente e o futuro. Porén, existe unha diferenza de tamaño entre pactos puntuais necesarios que se teñen que analizar caso a caso fronte a correr o risco de facer diluír as lexítimas demandas do nacionalismo dentro dunha especie de difusa agrupación anti-PP. O que nos une non pode ser o odio ao adversario, senón o amor á patria e o compromiso coas súas clases populares.                                        

Son varias as razóns polas que na Galiza unha alianza do mesmo tipo que Syriza non é nin factíbel, nin tan sequera desexábel.                              

Dito sexa de paso, a existencia dunha formación confusionista como Syriza non é, mesmo, positiva para un país como a Grecia que, por moito que estea baixo a bota do imperialismo da Troika, dista moito de ser unha colonia. Como ben indica un esclarecedor artigo do PC maoísta de Francia a respecto do caso similar da Front de Gauche francesa, o frontismo popular só ten sentido nos países colonizados. Pola contra, nas nacións xa consolidadas, dentro do contexto da loita de clases, corresponde ao partido comunista, único guieiro da clase operaria, a tarefa de preparar a toma do poder e a construción do socialismo a favor das masas traballadoras.                                  

Desde o punto de vista do marxismo-leninismo a partir do cal se foi desenvolvendo o concepto de fronte popular, unha alianza interclasista ten toda a súa lóxica dentro dun cadro de dominación colonial como o galego, ao confluíren os intereses das clases traballadoras coas outras clases populares. Volvendo aos clásicos do maoísmo (fonte da actual teoría frontista, quéirase ou non), neste contexto, vemos como a contradición principal xa non é de clase, senón a confrontación entre os intereses na nación asoballada fronte ás forzas de colonización. Quer dicir, en definitiva, que o socialismo non poderá prosperar sen a liberación nacional previa ou, segundo a formulación de Lenin, a revolución democrática burguesa como etapa de desenvolvemento histórico imprescindíbel.                            
Se callar, a nova esquerda syrizista anovada –que, de tanto anovar, acaba por deixar de ser socialista para facer o xogo da burguesía– ten elaborada outra lectura, mais recoñezo que nin a coñezo, nin me importa. Eu ficarei cos clásicos socialistas de verdade.                                          

Hai quen pretende que defender estes postulados, sen renunciar ao ideario baseado na capacidade de a Galiza se valer por si propia, non é máis que dogmatismo. Eis o discurso do españolismo que pretende usurpar a forza do pobo que encarna o nacionalismo liberador para acabar con el na tentativa de facer crer que a causa da maioría social na Galiza coincide cos intereses da clase traballadora de España en toda a liña. Do mesmo xeito, o PC francés avogaba por manter Alxeria baixo a tutela imperialista da Metrópole en nome da unidade de acción da clase traballadora 'francesa' no seu conxunto, pasando por alto as consecuencias do colonialismo, non só para o pobo alxeriano, senón tamén contribuíndo a manter o proletariado francés nunha situación de acomodamento contrarrevolucionario grazas á espoliación dos recursos e á explotación da man de obra das colonias.. Mais isto é xa fariña doutro fol.                                      

Quixera concluír deixando moi claro que o verdadeiro proxecto unitario do que precisa a Galiza, onde a esquerda é necesariamente nacionalista ou non é, xa existe desde hai trinta anos, coas portas sempre abertas para dar acubillo a quen partillar o seu ideario e quixer militar no seu seo para a liberación nacional e a emancipación social do país, firmemente ancorado no principio de autoorganización sen ataduras externas: en Bloque podemos!


[28-08-2012 16:40] ADM comentou:

É discutible que Grecia non estea nunha situación colonial respecto á UE, sen soberanía e sometida aos ditados da Troika. Ao mesmo tempo, tamén hai quen cuestiona dentro do BNG a situación colonial de Galiza.
Por outra banda, Manuel Mera xustifica nun artigo a Castelao e a formación da Fronte Popular entre outras razóns polas circunstacias extraordinarias daquel tempo. Sen ser equiparables, parece ignorar as circunstacias extraordinarias de hoxe nas que tamén se sente o alento do fascismo na caluga.
Defender a teoría de Mao, do inimigo principal, é respectable, xustificando así a alinaza con sectores da burguesía nacional. Mais tamén hai que ter en conta as circunstacinas excepcionais nas que a deseñou Mao, nunha guerra contra o Xapón. Ademais esta teoría deixa algunhas dúbidas, como é a praxe do BNG, convertido nun catch all party nos últimos tempos ou a defensa que este mesmo xornal fixo na súa editorial dos resultados das últimas eleccións cataláns: http://www.terraetempo.com/artigo.php?artigo=1084&seccion=4

[28-08-2012 00:13] Eu comentou:

É grotesco que reivindiquen a "unidade da esquerda" os mesmos que a quixeron dinamitar dicindo que o BNG era demasiado de esquerdas, demasiado antisistema, ou que exclúen desa mesma proposta a principal forza de esquerdas de Galiza, que é o BNG. E mesmo propuñan meter o P(SO)E nese movemento "de esquerdas"... Cheira a oportunismo de quen se ve falto de apoios.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña