22:41 Sabado, 11 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-08-2012

O da soberanía é o primeiro que se elimina (espellismo/cometa que nos visita un día cada catro anos)

Non queremos tant@ manta (ou as reformas/aforro que terían que facer)

Valorar (8)

ALEXANDRE SIEIRA ALMALLO



Os cidadáns que creemos nun Estado social, democrático e de Dereito e que temos  certo espírito crítico, estamos a ver como lenta –pero non tanto-, pero permanentemente –eso si, constantemente-, hai forzas/individuos que traballan día a día para eliminar/roubar do artigo 1º do Título Preliminar da Constitución Española de 1978, que é a que nos “rexe”, o que é o “cemento” que liga todo o demais, isto é, os valores superiores do seu ordenamento xurídico (a liberdade, a xustiza, o pluralismo político e a soberanía), e soamente están a deixar a area, que ven a ser a Monarquía parlamentaria.      

Non son historiador, nin teño coñecementos profundos do mundo do dereito, nin de economía; en realidade non teño coñecementos profundos/extensos de nada, recoñezo que aprendo día a día, aspiro a ser un cidadán-traballador como hai milleiros neste pais, pero teño o san vicio de reflexionar sobre as miñas accións e/ou omisións e tamén sobre o que fan os que teñen a obriga de nos dirixir.    

Tento sempre facelo con espírito positivo, aplicando o sentido común, tratando de salvar as eivas e as lagoas da miña escasa formación. Creo absolutamente nos meus iguais, nos que se erguen todos os días para ir ao traballo ou para tratar de atopar esa ocupación laboral que cada día están a facela (@s mantas) máis imposible.      

Reflexionando sobre as reformas que fixeron e as que din que teñen pendentes de facernos (dende o BCE ou o FMI, ou o veciño rico, ou igual me da), está o de prolongar a idade de xubilación, os recortes ao seguro de paro, o recurte das pensións, a baixada de salarios aos funcionarios……., resulta que non hai recomendacións de eses sabios mundiais que se refiran a perseguir/acabar coas prácticas políticas “democráticas” que consolidan dinastías corruptas que desacreditan o necesario e nobre exercicio político de representación popular, ou o tema de maximizar o gasto público d os nosos representantes (son os nosos elixidos para nos defender, non para nos roubar).    

Os políticos de este pais teñen que darse conta que son elixidos para servir ao pobo que os elixe en base a unhas propostas que lles fan nas campañas electorais e que despois a súa actuación debería rexerse por unha especie de contrato, de tal xeito que si non se pode cumprir o prometido, deberían optar por voltar a consultar ao pobo.      

O da soberanía é o primeiro que se elimina (espellismo/cometa que nos visita un día cada catro anos).    

Parece que pensan que está moi ben eso de ser soberano, que é como estar de festa,  pero agora, din,  hai que ser prácticos “toca” ser serios e “facer o que se espera de nos como país serio”. Non se pode estar a facer referendos e parvadas de esas que fan os países cativos como Suíza. O normal neste momento de “cultura” política e presentarse dicindo que vas a facer unha cousa e unha vez que consegues os votos, fas todo o contraio ao que se dicía que se ía facer, pero que xa se sabía que non se ía facer. En resumo isto é na linguaxe da rúa, trilerismo puro.    

O pluralismo político é outro “grave problema” do pais. Temos 75 parlamentarios e para os BP“ bos pais” son moitos. Para persoeiros como o  sr. Feijoo ou o sr. Francisco Vázquez, o problema económico que nos está a tolear aos cidadáns é que temos moitos parlamentarios no Hórreo. Non sei con que cidadáns falan eles, pero teñen que saber que os cidadáns, aínda que algúns non estamos moi instruídos, fomos á escola con certo aproveitamento e sabemos facer sumas, restas,…., e pasar de 75 a 61 ou a 30 ou 40, ten un aforro “chiripitiflautico”.    

Si estes son os BP de familia” dos que falaba o sr. Rajoy, mellor ser neno/sociedade probeta.    

O aforro (eso é solto) non pode vir de minguar a representación dos cidadáns de xeito espúrio.
A pluralidade política é a esencia da democracia . Se non se aposta por ela, corremos o risco de voltar a tempos de partido único, sindicato único, pensamento único, de tal xeito que 30 aínda sexan moitos. Parece que par estes elementos é mellor que vía mail, manden as instruccións do que temos que facer/recortar/pagar, xa sexa dende Madrid, Berlín, Bruselas ou de algún paraíso fiscal.  

Ese aforro que din que hai que facer, que veña de baixar soldos de eses representantes e de eliminar pagos pouco claros que parece que emporcan a relación contractual de eses traballadores cos seus verdadeiros xefes (os cidadáns). Claridade no que se lles paga, que o saiba todo cidadán, que todo sexa declarable. Cero opcións aos pagos escuros, fonte onde se alimentan os involucionistas/fascistas que xa están sacando a cabeza.    

O verdadeiro aforro (si de aforro falamos) terá que vir por liberarnos d@s mantas. E xa é hora de dicir ao que me refiro con eso d@s mantas.    

Procurei non ofender a ninguén. Digo o de mantas porque o xogo de palabras é máis lucido que o de dicir capas de cebola ou dobre abrigo.    

Somos unha sociedade que pasou de ter unha división político-administrativa do século XIX, ao que se sumou outra a finais do século XX. E digo ben o de sumar, xa que non se cambiou unha por outra, e o que temos agora é moit@s mantas enriba.

Necesitamos alixeirar o peso, e temos que dicirlle aos señores que nos terían que servir/gobernar (non mandar) que o sobrepeso que observan cando mandan o peso dos cidadáns a onde queira que o manden, que non é verdadeiramente o peso de cidadán, que levamos como extra es@s mantas que nos colocaron en sucesivas accións políticas e que nos están a afogar.    
Que a receita non é menos comida e máis exercicio (traducido en alemán: menos soldo e máis traballo precario ata os oitenta anos polo menos), senón que o que teñen que facer é a reforma política que está por facer (regulación de soldos dos políticos, cambio das Lei de Bases de Réxime Local que permita o agrupamento de concellos para que presten servicios de calidade homologable á Europa a que queremos parecernos (á que emigraban os nosos pais e nos mesmos, non á outra que parece que é a que queren que miremos como opción posible), eliminación das Deputacións, control de tódolos gastos suntuarios e dificilmente aplicables aos cargos para os que están a servir ao pobo,… Nesa profundización da reforma político/administrativa necesaria está parte da solución da feble que nos fai tremer. Quitemos es@s mantas e camiñaremos máis lixeiros.    

E que dicir da xustiza. Xa vemos os exemplos que están a dar os que elixen para dirixir os órganos de goberno de tan importante instancia democrática. Como cidadán  non deixo de pensar que unha cousa e ser xuíz, outra representante de eles e outra cousa é ser xusto, honrado, boa persoa e todo o que se queira. Esto como nos políticos, os mariñeiros ou os mecánico-dentistas. Ética e coñecemento, tan importante unha como outra nunha sociedade que aspire a ter futuro.    

Vimos dun país do “todo vale” e temos que afrontar que temos cousas que mellorar. A liberdade. Bonita palabra, pero que acostuma a cotizar sempre en vermello.    

E que dicir da  Monarquía Parlamentaria ….., ler arriba.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña