05:59 Xoves, 09 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-04-2010

O retraso na idade de xubilación pode ser unha “tapadeira” para levar a cabo de xeito silencioso outras reformas de profundo calado e tamén moi perniciosas para o conxunto dos traballadores e traballadoras

O proxecto de reforma das pensións: outro atentado contra a dignidade da clase traballadora

Valorar (8)

XOSÉ FERREIRO FERNÁNDEZ



Tal e como di o refrán, hai casos nos que as árbores non nos deixan ver o bosque. Neste caso lévase á práctica este dito como estratexia comunicativa, demostrando unha vez máis o ben que manexa estas cuestións Zapatero e o aparato do PSOE.

Catro millóns de parados en todo o estado e unha inmensa onda de reproches a Zapatero e ao seu goberno pola súa neglixencia esixía que dende o PSOE se deseñara algún revulsivo que desviara a atención e cambiara a imaxe inoperante dese goberno.

Ao mesmo tempo, os sindicatos estatais estaban a ser acusados polas súas propias bases de pasividade ante a dramática situación económica e laboral que están a vivir no estado e de estar completamente "vendidos" ao poder. A situación de "colaboracionismo" cos estamentos do poder político e económico está a ser algo tan escandaloso que xa lles resulta difícil controlar. Así as cousas, eles tamén necesitaban un tema no que puideran "vender" a súa oposición ao goberno e que dera a aparencia que realmente estaban a defender aos traballadores e traballadoras.

O capital e a gran banca non se quedaba atrás e exercía as súas presións sobre uns e outros. As áreas de negocio fóronselles reducíndose coa caída do sector inmobiliario e da construción e necesitan abrir ou revitalizar outros sectores onde poder compensar un posíbel descenso nos seus beneficios. O desvío  dos inmensos fondos que manexa o sistema público de pensións cara a ser xestionado pola eles é un prato demasiado "apetitoso" para que neste momento non intentaran entrar nel.

Tanto ao goberno como aos sindicatos españois esta cuestión non lles causa ningún tipo de contradición, pois xa acordaron noutras reformas anteriores medidas cara este camiño e mesmo, no caso de UGT e CCOO, están a participar co 25% cada un deles, nunha sociedade privada que xunto ao BBVA xestiona os plans privados de pensións dos funcionarios do estado, acordo que fai uns anos eles mesmos asinaron a costa de condenar a unha perda do poder adquisitivo aos traballadores  e traballadoras públicas.

Ao centrar o debate no retraso na xubilación a atención desvíase cara ese lado, esquecendo todas as outras cuestións que estaban a atenazar ao goberno e, por outra banda, permite a CCOO e UGT facer o "paripé" de convocar mobilizacións en contra deste retraso, esquecendo de xeito intencionado todos os outros aspectos que contén a reforma.

Do mesmo xeito, algúns temémonos que a chave desta reforma non é este retraso, senón as outras moitas medidas que se pretenden introducir e que significan un moi importante recorte nas prestacións das pensións e nos dereitos dos traballadores e traballadoras, así como a privatización sen complexos do sistema público de pensións. Todos estes aspectos quedan agachados polo ruído mediático do cambio na idade legal de xubilación.

Vexamos algunhas destas propostas contidas no proxecto de reforma:

Ampliación a toda a vida laboral para o cálculo da pensión:

Pasar dos 15 anos actuais á toda a vida laboral o período para o cálculo das prestacións de xubilación significa na práctica unha rebaixa moi significativa das pensións para todos aqueles traballadores e traballadoras que non tiveron sempre unha estabilidade laboral. É evidente que se contabilizan os primeiros anos da vida laboral, xeralmente asociados á precariedade laboral e a períodos de desemprego, a base de cotización media vai baixar e polo tanto tamén a pensión a percibir. Unha vez máis prexudícase a aqueles con máis problemas, máis explotados e con máis precariedade.

Deseñaranse medidas para fomentar a privatización das pensións:

Proponse o fomento deste tipo de plans de pensións privados para, segundo eles mesmo recoñecen, complementar as pensións públicas que non cheguen para a subsistencia ou para completar o salario dos traballadores e traballadoras que por mor da idade, debido á prolongación da vida laboral, vexan diminuídos os seus ingresos pola baixada no seu rendemento laboral

Eliminacións das pensións de incapacidade total:

Posibilidade de eliminar a incapacidade total para a profesión habitual, ata o de agora vitalicia, por unha indemnización a tanto alzado.

Cambios no posto de traballo para reducir as baixas médicas:

Elaboraranse mecanismos para que a empresa poidan cambiar de posto de traballo ao seu persoal para así acurtar as baixas médicas ou ben que poidan seguir a traballar con idades avanzadas.

Recorte nas futuras pensións de viuvedade e orfandade:

As pensións de viuvedade terán unha percepción en función do tempo de convivencia e, incluso coa posibilidade dun tanto alzado, eliminando o dereito á pensión. As actuais pensións de orfandade poden dividirse entre todos os beneficiarios, prexudicando unha vez máis aos que realmente máis as necesitan.

Así as cousas, de non poñerlle remedio, sindicatos estatais, goberno e banca conseguen o seu triplo obxectivo:

1. Desviar cara a xestión privada unha grandes sumas de cartos, ampliando así o negocio da banca, e quen sabe se dalgunha organización que participa desta estratexia, e sen que o conxunto da sociedade sexa realmente consciente do que está a acontecer.

2. Crear unha falsa ilusión de que dende o goberno se están a tomar medidas contra a crise e que, ademais, este é sensíbel aos movementos sociais, retirando propostas que non son aprobados por estes e pola contra, o resto de medidas que se toman si adquiren o seu aval.

3. Que as bases dos sindicatos estatais se crean que as súas organizacións están a traballar na defensa dos seus dereitos e que, ademais, conseguen os seus obxectivos grazas ás mobilizacións que promoven.

En todo caso, toda esta situación tennos que facer reflexionar sobre o poder dos medios de comunicación e das organizacións satélites deste, así como a inmensa capacidade que teñen para manipular á sociedade. Tan só cun auténtico traballo de base das organizacións sociais, empezando dende os propios centros de traballo, dende os barrios, das escolas, etc. se pode contrarrestar este tipo de campañas de narcotización da sociedade.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña