16:48 Martes, 04 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-07-2012

O que transmite un cartaz si importa

Cartaces mal feitos: rectificar é de sabi@s

Valorar (41)

ROBERT NEAL BAXTER



Hai quen pretende que o que se pode ver ou ler nun cartaz non importa, que –segundo as leis da mercadoloxía– o único que importa é chamar a atención. Decántome, no entanto, pola opinión máis matizada do deseñador Ismael Calvo cando afirma que, en publicidade “a cuestión non é impactar, senón o recordo que deixa ese impacto” (Sermos Galiza).    

Sexa como for, por certeiro que puider ser todo iso cando se trata de vender un produto, acho que, no caso de facer publicidade doutros eventos cunha certa proxección pública, o que transmite un cartaz si importa, e moito. Non vou falar dun recente exemplo polémico xa abondo comentado, senón dun cartaz para un evento académico que chamou a miña atención (propósito singular do cartaz, segundo algunhas persoas).    

O cartaz en cuestión anunciaba un congreso internacional organizado pola Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG). Para alén do cartaz editado en galego, editouse tamén unha versión integramente en inglés que rezaba así: “10th International Conference, International Association of Galician Studies, Cardiff/Caerdydd, Wales/Cymru 2012. Galicia Beyond the Atlantic Arc: A Multidisciplinary Vision of Galician Studies. 12-14 September”.    

Imaxinádevos a que se desataría se chegase a organizar en La Coruña/A Coruña un congreso sobre estudos galeses anunciado unicamente en español… Nin creo que así se fixo no 2003 cando a VII edición do Congreso tivo lugar en Barcelona.    
O actual presidente da AIEG, Craig Patterson, leva xa anos como profesor na Universidade de Caerdydd, polo que non pode pretender ignorar a existencia do galés, mesmo como lingua de ensino universitario, mesmo se non é aceptado como lingua de publicación na revista Galego21, editada por el mesmo e a Doutora Helena Miguélez-Carballeira desde o Centro de Estudos Galegos en Gales dentro da Universidade de Bangor, no corazón do Gwynedd, a zona con maior concentración de falantes de galés.    

E, ante o posíbel argumento de o galés ser unha lingua minoritaria na capital do país, respondería que tamén o é o galego en Ferrol ou Ourense, mais non por iso lexitima a secundarización das xenuínas formas autóctonas fronte aos topónimos deturpados, ao escribir El Ferrol/Ferrol ou Orense/Ourense…, pois a lingua pertence ao pobo no seu conxunto, como ben común, e nunca a aquelas persoas que renegan dela. E se alguén se interesa por saber onde se celebra o evento en cuestión e descoñece a auténtica forma do lugar na súa lingua de orixe, sempre pode consultar a páxina da Asociación, ou mesmo facer unha simple pescuda pola rede.    

Movido polo meu asombro pola falta total de sensibilidade cara á lingua do país onde se vai celebrar o Congreso, tiven a ben pórme en contacto a través do Facebook coa secretaria da AIEG, para cuxo traballo sobre o xénero e a tradución non teño máis que admiración. Gustaría de poder remitir quen quixer comprobar a veracidade desta nosa comunicación á correspondente ligazón na rede. Porén, por algunha curiosa razón que descoñezo, xa non podo acceder a este perfil... En todo o caso, ao longo dun distendido intercambio de mensaxes, informóuseme de que a Asociación debatera o tema e optara por excluír o galés. Disque só vale o inglés como lingua académica internacional (agás, neste caso, o galego, por razóns obvias).    

Saquei unha lección valiosa deste intercambio de pareceres: cada día teño máis claro en que consiste o ‘bilingüismo harmonioso’ que propugna, entre outros, o actual presidente da AIEG: unha presenza simbólica testemuñal das linguas autóctonas, fronte á imposición do imperialismo lingüístico das linguas glotófagas locais e do inglés como única lingua válida para a comunicación académica internacional. Loxicamente, se non se permite o seu uso en publicacións e eventos internacionais, nunca poderán chegar a ser linguas plenamente normalizadas.    

Resultoume certamente asombroso que unha asociación que ten por misión impulsar o coñecemento e o estudo no ámbito dunha lingua como a nosa dea as costas a unha lingua nunha situación similar no seu propio país. Esta falta de solidariedade incomprensíbel e indignante levoume a lanzar unha campaña nas redes sociais (en galés, galego e inglés), confiando en que só os ignorantes, férridos e duros, imbéciles e escuros non me entenderían… Visibelmente non son a única persoa a quen lle ofuscou a decisión da AIEG e sumáronse medio centenar de persoas á protesta. Froito desta acción, a Cynulliad Cenedlaethol Cymru (Asemblea Nacional de Gales), patrocinadora do evento, respondeume que contactara coa Asociación para asegurar que o cartaz fose bilingüe.    

O esforzo valeu a pena. Sempre é grato –cada vez máis polos tempos de soberbia política que corren– poder anunciar o éxito dunha acción reivindicativa que atina no propósito que se marcara. Aínda que non recoñeza os motivos que levou a AIEG a rectificar (seica aproveitando a corrección dunha gralla en inglés no cartaz), a súa directiva cambiou de parecer e finalmente proclamou que ía abrir as portas do congreso ao galés (aínda que só sexa no cartaz), con oufanos alardes de autofelicitación como se dunha iniciativa propia se tratase: “Os Estudos Galegos ábrense a inglés e galés. Por primeira vez na historia dos congresos da Asociación Internacional de Estudos Galegos (nota do autor: a primeira celebrouse hai case 30 anos nos EUA), parte da comunicación gráfica do evento será realizada nas dúas linguas máis faladas na cidade de acollida, neste caso Cardiff (Caerdydd), no País de Gales. A cartelería que se empregará na cidade de Cardiff e na universidade de Gales terá tres versións: a galesa e a inglesa, as do país de acollida, e a galega, a que corresponde á lingua oficial da AIEG, e que será a única lingua oficial do Congreso. Está no espírito da asociación, dos seus membros e da súa directiva actual, abrir a cultura galega ao maior número de culturas e contornos posible, e establecer un diálogo cos países de acollida dos congresos trianuais. Isto é especialmente importante cando os congresos se celebran, como neste caso, en países onde se falan linguas minorizadas, como o galés”.    

Máis vale tarde que nunca ou, como din en galés; Gwell hwyr na hwyrach! Animaría a quen lea este artigo a enviar os seus parabéns á Asociación pola súa serodia –mais sempre oportuna– rectificación.    

Grazas a todas e a todos: xunt@s podemos mudar as cousas para mellor. Por iso cantábamos con convicción e ilusión hai un par de días na Praza da Quintana: “Os bos e xenerosos a nosa voz entenden, e con arroubo atenden o noso rouco son”.


[30-07-2012 12:46] Xan comentou:

Outro exemplo recente, mais desta volta na nosa terra: o III Congreso Ibérico do Lobo a desenvolverse en Lugo o vindeiro novembro. A páxina web está en galego, portugués, español e inglés, pero as normas din literalmente "As comunicacións poden ser remitidas en castelán, portugués ou inglés indistintamente". Logo dun par de comunicacións cunha persoa responsábel da organización do Congreso, non fun quen de dar cunha resposta a esta incomprensíbel discriminación do galego, antes máis, recibín pseudo-xustificacións que non facían máis ca refrendar a exclusión do idioma propio. Podedes comprobalo en http://www.iiicongresolobo.org/gl/gl_comunicaciones e enviar o voso posicionamento ante os organizadores do mesmo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña