O convento da Purísima Concepción de Agostiñas Recoletas de Lugo, foi fundado por don Juan de Valcarce e Prado, cardeal dignidade e cóengo na catedral de Santiago; o seu curmán, o doutor don Francisco de Valcarce e Prado, xuíz de apelacións da real audiencia das illas de Canaria, alférez maior e rexedor perpetuo da cidade de Lugo, superintendente das armas da cidade e provincia, e a súa muller, dona Isabel de Losada e Ulloa. Todos destinaron as súas facendas para este fin. Os trámites para a fundación iniciáronse en 1658 e formalizouse o 19 de outubro de 1662.
O convento, que se levantou nas Cortiñas de San Román, actual Praza Maior, foi derrubado en 1840, e dous dos retablos da igrexa foron trasladados á capela de San Roque onde permaneceron ata despois do Concilio Vaticano II, sendo desmontados e depositadas as pezas no Seminario onde estaba o Museo Diocesano. A noticia do descubrimento deina na Revista do Museo de Pontevedra en 1990, con outros datos inéditos, como achegas para a biografía de Domingo Antonio de Andrade, que deseñou e regalou coa súa muller, Isabel de Arenas, un dos retablos.
Dúas fillas monxas en Lugo
O motivo deste obsequio era que tiñan a dúas fillas no convento. A primeira en entrar como novicia, cando tiña catorce anos, foi Josefa Ignacia, nacida en Santiago o 2 de febreiro de 1672. Profesou o 14 de febreiro de 1688 co nome de Josefa Ignacia de San Agustín e morreu o 23 de setembro de 1749.
O mestre de obras da catedral de Santiago e a súa esposa pagaron o preceptivo dote, propinas e alimentos e como alfaia para a sancristía, regalaron un cáliz esmoleiro de prata sobredourada, que na parte interior da base leva gravada a ofrenda dos doantes:
DIOLE DOMINGO DE ANDRADE E SV MVGER * PESA TRINTA E QVATRO DA OCHO
A segunda filla, chamada Isabel María, nacida tamén en Santiago o 4 de xaneiro de 1676, entrou como novicia aos trece anos e morreu o 7 de abril de 1758 aos oitenta e dous anos. Profesou o 20 de xaneiro de 1692 co nome de sor Isabel de Santa Mónica. Nesta ocasión os seus pais fundan unha confraría dedicada á Santa Escravitude de María Santísima para que as relixiosas do convento e as demais persoas que se alistasen por confrades nela, gañasen un sen número de indulxencias que se afacía a conceder a estas confrarías.
Nesta ocasión os agasallos foron máis importantes xa que entregaron un retablo sen dourar, coas imaxes da Virxe co neno sobre un burro e san Xosé, o que se coñece como "A fuxida a Exipto", un frontal de raso de flores co seu marco dourado, dez candeeiros de metal, un atril, e pagaron mil reas para dourar o retablo. Tamén entregaron un santo Eccehomo á columna, con dúas láminas, coas súas caixas, dourados os marcos e cortinas.
O retablo da Escravitude
A pesar de ser entallador de oficio son moi poucas as obras en madeira que se conservan de Andrade, de aí a importancia, tanto desde o punto de vista histórico como artístico, da recuperación deste retablo da Escravitude, que agora loce na capela do Seminario cuxas obras de rehabilitación foron inauguradas o pasado día 18 de marzo, grazas ao interese posto por César Carnero, delegado de Patrimonio da Diocese de Lugo, ao reitor, Daniel García García e mesmo do bispo, monseñor Alfonso Carrasco Rouco.
Da súa autoría parece que só se conserva o tabernáculo da catedral de Santiago, o baldaquino do camarín da capela do Santo Cristo da catedral de Ourense e dos múltiples retablos que proxectou quedan o altar maior da igrexa das clarisas de Santiago, o retablo maior da igrexa do convento de Santo Domingo de Bonaval, trasladado á parroquia de Santiago de Carril (Pontevedra), o da capela do Rosario do convento de Santo Domingo da Coruña, e o retablo relicario de San Paio de Antealtares. Entre as desaparecidas podemos citar o baldaquino do altar maior da igrexa do mosteiro de Oseira e o retablo maior da igrexa do convento de Santa María A Nova de Lugo.
O retablo está formado pola predela, en cuxo centro está o sagrario, e ten só un corpo e o remate. Na parte central hai unha fornela pechada con arco de medio punto, que se apoia nunha piastra adornada coa cabeza dun querubín do que arrinca unha sarta de froitas. Polo intradós ten cinco cabezas de querubíns. Nos laterais ten dúas columnas salomónicas, con capitel de estilo corintio, unha atrasada, conseguindo o aumento de espazo na fornela, o movemento da planta e acentuar o claroscuro. O desenvolvemento da decoración do fuste faise na totalidade coas guías e os acios da vide que ruben enrolándose cara ao capitel.
O remate dos costados faise cunha sarta de froitas que termina nunha voluta da mesma lonxitude que as columnas, mentres que no ático leva un tambanillo partido, rematado cun pináculo, e no centro o remate do arco da fornela, entre dos pináculos, cun cartela elipsoidal cun signo lingüístico, a letra S, atravesada por unha imaxe, un cravo, que quere dicir [E]SCLAVO. Trátase do emblema distintivo das confrarías da Escravitude, que podemos ver, por exemplo, no remate da fachada do santuario da Escalvitude en Padrón, e tallado nos entrepanos das portas do cortaventos.
Andrade, introduce no seu retablo un elemento inspirado no alfabeto nemotécnico baseado nas analoxías formais entre imaxes e letras. É un hieroglyphos ou iconomística, considerada como unha teoloxía da imaxe, un recurso ou linguaxe cifrada utilizado polo poder, neste caso o eclesiástico, que non está ao alcance de todos pois, entre outras cousas, hai que saber ler, ou cando menos, coñecer o alfabeto.
O grupo escultórico titular da confraría, que está en restauración, componse de tres pezas independentes: a virxe sobre a burra, o neno Xesús e san Xosé. Está inspirado na pasaxe do evanxeo de San Mateo da Fuxida a Exipto.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.