01:30 Xoves, 23 de Maio de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-04-2010

Chegan a Galiza empresas que enmascaran o método de venta do sistema piramidal e chámanlle multinível ou duplicación, pero o resultado sempre é o mesmo

A estafa piramidal volta a Galiza

Valorar (15)

ALBERTE MACEIRA BALBOA


Exemplo de modelo de ventas que ofrecen as empresas con sistema piramidal


As empresas de venta directa con sistema piramidal mobilizan millóns de euros que van parar sempre a uns poucos. Precisamente agora, ante a necesidade de emprego, moita xente deposita a cegas a esperanza nelas. Hai que ver como danan económica, psicolóxica e fisicamente á xente.

Chegan a Galiza empresas que enmascaran o método de venta do sistema piramidal e chámanlle multinível ou duplicación, pero o resultado sempre é o mesmo, cando se analizan os plans de marketing resulta que a venda é un  sistema piramidal.

Para ingresar neste sistema, o aspirante a vendedor deberá firmar un acordo, mercar unha suma de productos e comprometerse a acadar os obxetivos que lle foron impostos. Nun principio os custes non son moi significativos, mais conforme avanza a actividade, chegar ás metas implica un desembolso cada vez maior que nunca coincide cos ingresos prometidos.

O sistema de captación de persoas sempre é o mesmo. Unha persoa de boa reputación (como no caso que eu coñezo) un directivo dun Banco da localidade que recomenda e convida a acudir a unha xuntanza nun hotel de catro estrelas da capital da nación para un negocio redondo.  Os posibles candidatos vanse  someter a un control psicolóxico, onde lle demostran como familias ilustres,  caso dos Urquijo en España, estaban arruinadas e hoxe son multimillonarios. Todas elas referencias de prestixio.

Partindo destas mentiras case calquer artígo ou servizo é comerciable. O que se está intentando introducir agora en Galiza é a venda piramidal dos servizos de telefonía. Pero o que convén suliñar é que o que menos importa neste tipo de negocios é o producto ou servizo. O importante é ter o maior número de persoas traballando para eles.

Dende que a xente con dificultades económicas ingresan na rede, son obxeto dun intenso bombardeo psicolóxico coa finalidade de inculcarlles  unha mentalidade positiva e  interiorizar a idea de que un pode e debe cumprir os obxetivos, e decir, vender ben o producto ou servizo en cuestión e motivar acaidamente aos vendedores que están ao seu cargo para que fagan o mesmo. O primeiro obxectivo destes vendedores é intentar convencer aos máis coñecidos: amigos íntimos e familiares.

Un dos atractivos para desenvolver a actividade é a introducción da idea de que se trata dunha actividade complementaria ao traballo, que se pode facer en tempo libre. Pero segundo pasan os meses, a tarefa comercial e de convencemento comeza a absorver cada vez máis tempo porque o importante para este tipo de organizacións sectarias é estructurar a semana de xeito que non queden ocos libres  coa finalidade de evitar a distracción ou replantexar a situación do estafado.

Mais o adoutrinamento e a manipulación non rematan nas reunións, senón que o lavado de cerebro que lle fan aos vendedores que comezan neste tipo de organizacións tales como seminarios, casetes, eventos, cursos de capacitación, etc., están dirixidos a moldear a psique do candidato  e  lucrarse del.

Mais alá do aspecto legal destes sistemas de comercialización, coma os   servizos de telefonía móbil que intentan introducir no caso de Galiza, o certo é que este tipo de negocio en cadea, tén tantos eslabóns que cando chega ao consumidor final, o prezo é comparativamente moi alto respecto a outros similares que circulan polo mercado, e  por conseguinte a cadea racha. Os estafados venden cantidades moi pequenas do producto ou servizo e de acordo ás marxes que lles quedan, non lles chegan para o ingreso mínimo legal.

Todo o esforzo que fixeron os que se introduciron na rede non cumpren coa promesa de que chegarán as cantidades astronómicas.  Non só perderon os cartos e o tempo, senón que sofren moito dano psicolóxico e físico.

[09-04-2010 ] Nacho comentou:

Moi atinado o artigo Alberte

[09-04-2010 ] policiticamente incorrecto comentou:

Eu acabo de coñecer un par de casos que venden servizos de telefonía (dous irmáns). O que non entendo é como non se dan conta da xogada.

[09-04-2010 ] hadrian comentou:

Sempre se dixo aquilo de que na febre do ouro os que máis cartos gañaron foron os que vendían picos e pas...

O sistema de venda piramidal amplía esta estratexia : O obxectivo real e a principal fonte de beneficios proceden das vendas dos picos e pas (neste caso os seminarios, casetes, cursos, etc), complementando todo isto con compras previas obligatorias (a inversión faise de abaixo a arriba) e vendas posteriores nas que se escamotean os beneficios (a distribución do beneficio faise de arriba a abaixo).

Negocio redondo. ¿Alguén quere vender algo?

[09-04-2010 ] Eu comentou:

Isto debería de ser ilegal... Como poden ser tan miserábeis de facer negocio coas gañas de traballar da xente?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña