01:14 Martes, 30 de Novembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-07-2012

Temos dereito a saber cantos máis sacrificios imos ter que facer para salvar a estabilidade do euro

Recapitalización do sistema financeiro. Quen gaña? Quen perde?

Valorar (11)

MARÍA TEREIXA PAZ FRANCO


Caravaggio


Levamos varios anos nos que os veráns son de todo menos típicos. Non falo da climatoloxía, falo da temperatura política. No pasado adoitábase deixar o verán para o lecer e todos agardabamos ao mes de setembro, coa presentación dos orzamentos xerais para o seguinte ano, para ver como lles iría ás distintas clases sociais e en función disto podía haber ou non “un outono quente”.  

Porén, as novas que nos chegan de Europa nos últimos dez días e que veñen de tomar forma de atraco e saqueo aos intereses e aos petos da maioría social logo das concrecións realizadas polo Sr. Rajoy no Congreso dos Deputados deberán provocar un verán quente sexa cal sexa a situación das isóbaras e do anticiclón das Azores.    

Mariano Rajoy comezou a súa intervención no Congreso manifestando solemnemente que da reunión do Eurogrupo non había nin gañadores nin perdedores. A realidade é ben outra. Gaña o sistema financeiro. Perde o pobo, as maiorías sociais.  

As maiorías sociais atracadas a golpe de “axustes” que, ao servizo do máis salvaxe capitalismo, son receitadas pola chamada troika comunitaria (BCE; Comisión Europea e FMI) e aplicadas mansamente polos gobernos que como os de Feijóo e Rajoy amosan idéntica servidume ante os poderosos que saña cara os máis débiles, non podemos agardar ao outono para amosar a nosa rotunda oposición a que a recapitalización do sistema financeiro se faga a conta de máis sacrificios do pobo.  

As maiorías sociais, son empregados públicos aos que a eliminación da paga extra de fin de ano lle impón un novo recorte salarial do 7% á que hai que engadir a baixada que supón o novo réxime de incapacidade temporal; son os e as desempregadas ás que para incentivar na súa busca de emprego se lle recortan as prestacións no canto de poñer ao seu dispor postos de traballo, empresas, sectores produtivos nos que traballar; son a clase traballadora á que se lle agasalla cunha suba do IVE ao tempo que se lle pide a responsabilidade de manter o consumo para evitar a recesión: son as persoas maiores e enfermas ás que ademais de impoñerlles un “requetecopago” no sistema público de sanidade se lles rebaixan as prestacións da dependencia, son a mocidade á que se lles priva de bolsas de estudo, se establecen taxas universitarias privativas e se lles pechan as portas de acceso a un posto de traballo con gobernos que se gaban de destruír empregos no sector público ao tempo que renuncia, así o dixo onte mesmo Rajoy ao recoñecer a súa incapacidade para crear as condicións de crecemento que permitan crealo no sector privado; son as persoas afectadas polas preferentes que coas condicións impostas pola troika están cada día máis lonxe de poder cobrar a totalidade do que lles foi estafado.  

Quedan poucos cualificativos cos que definir a estes gobernantes aos que non lles trema o pulso para asinar medidas tan crueis en contra do pobo co único obxectivo de salvar a entidades financeiras que actuaron de forma tan irresponsábel e de costas á realidade e ás necesidades da sociedade. Queda pouco que engadir á análise que no Congreso fixo o portavoz do BNG, o portavoz de Galiza, Francisco Jorquera.  

O que nos queda, ao pobo, é amosar a nosa oposición a estas medidas ilexítimas. Son ilexítimas porque están a ser adoptadas polo goberno que non as contemplaba na súa oferta electoral e son ilexítimas porque saquean a todo o pobo para beneficio duns poucos.  

Por iso debemos exixir que estas medidas sexan sometidas a referendo por parte da cidadanía. O pobo ten dereito a decidir cal é o límite de sacrificio ao que está disposto para favorecer o mantemento ou rescate do sistema financeiro.   Debemos exixir que nos expliquen, claramente, sen eufemismos que intereses converten nunha necesidade imperiosa para a Unión Europea salvar ás entidades financeiras que están en situación de quebra e sobre todo deberan explicarnos que sacamos en limpo as maiorías sociais cando acaba de ficar claro que este rescate non pode ser utilizado para que chegue o crédito ao sistema produtivo e ás persoas que o precisan.  

En definitiva temos dereito a saber cantos máis sacrificios imos ter que facer para salvar a estabilidade do euro e sobre todo o pobo ten dereito a saber si paga a pena salvar o euro si iso implica condenar ao pobo á pobreza.  

Por iso, para opoñernos e para exixir, debemos participar activamente e unha oportunidade de facelo, unha máis, é o vindeiro 25 de xullo onde entre todos podemos rescatar os nosos dereitos.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña