06:56 Domingo, 29 de Marzo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-07-2012

A historia da música está chea de nomes femininos

Melodías invisíbeis

Valorar (22)

LUÍSA GONZÁLEZ RODRÍGUEZ



A música como manifestación cultural é tamén creadora e transmisora de construcións de xénero. De aí, xorde a necesidade de recuperar e incorporar ás aportacións das mulleres á música.      

A historia da música está chea de nomes femininos. Desde o medievo até a actualidade hai catalogadas máis de 5000 mulleres compositoras. Na Antigüidade destacan nomes como os da princesa Enheduanna, os coros de mulleres exipcias, gregas ou romanas realizando actuacións de carácter popular nalgún templo. Adentrándonos na Idade Media podemos falar de Kassia, unha das primeiras compositoras da que se conservan obras, interpretadas por músicas/os actuais. Tamén está a abadesa alemá Hilderga de Bingen quén compuxo numerosas monodias e cantos “illanos”. Nesta época contamos con casos illados de mulleres trovadoras que relizaban polo xeral, música de carácter popular. Azalais de Porcairagues, coñecida como a primeira trobadora, e a galega María Balteira, a máis soada soldadeira da época medieval de Galiza e compositora tamén de obras sacras.      

De feito, hai autoras como Camiño Noia ou a holandesa, especializada na época medieval, Ria Lemaire que sinalan que a orixe das cantigas de amigo está nas cancións espontáneas e populares de autoría feminina. Nesta época, segundo o historiador Menéndez Pidal, certos aspectos como a misoxinia e o analfabetismo, impediron que mulleres como María Balteira, Sancha Díaz e Elvira García desenvolveran a súa creación oral e escrita. Son reveladoras as verbas do escritor Martín Sarmiento nas súas Memorias para la historia de la poesía y poetas españoles ( 1775):        

“ Además de esto he observado que en Galicia las mujeres no sólo son poetisas sino también Músicas(). En la mayor parte de las coplas gallegas hablan las mujeres con los hombres, y es porque ellas son las que componen la coplas, sin artificio algún; y ellas mismas inventan los tonos o ayres a que las han de cantar (p. 273, par 538)      

Xa no Renacemento a produción musical pode ser de música relixiosa e profana e atopámonos coa primeira muller que compuxo unha ópera,Francesca Caccini, ou coa cantante italiana Tarquinia Molza. Despois o barroco caracterízase por unha gran riqueza de estilos e formas musicais novos tanto na música vocal como instrumental, Elisabeth Jacquet de la Guerre (compositora, clavecinista e pianista), Isabella Leonorda e Bárbara Strozzi entre outras.      

Vai ser na 2º metade do século XVIII e comezos do XIX cando a música profana imponse á relixiosa e caracterízase pola busca de beleza en equilibrio coa melodía, a harmonía e a forma. Nesta etapa podemos nomear a Bárbara de Braganza, a María Therese Von Paradis, Helene de Montgerour e a Nannerl Mozart (irmán de Wolfang Amadeus que tamén foi unha nena prodixio. Impedíuselle seguir compoñendo e adicouse a impartir clases de piano). O mesmo aconteceu con Fanny Mendelssohn, a irmá de Felix Mendelssohn que quedou eclipsada pola sombra do seu irmán e este máis a familia opuxéronse á que se adicara  á música. O seu virtuosismo na execución do piano foi comparado co de Franzt Liszt. Na actualidade é considerada como unha das músicas máis importantes do romanticismo europeo. Nesta época tamén destacan a soprana mexicana Angela Peralta, a italiana Carlota Ferrari e Alma Mahler.      

Estas mulleres con inquedanza, e capacidades musicais, coartóuselles e impedíuselles vivir da música, por seren mulleres. A formación musical, evidentemente estaba vedada ás mulleres nadas nas clases populares, e aquelas que pertencían a clases privilexiadas só podían tocar instrumentos, ou cantar no propio fogar ou nas festas como entretemento para as persoas convidadas. O seu papel estaba relegado ao ámbito privado.      

Ao longo do século XIX a muller vaise incorporando de cheo á música aínda que para poder publicar as súas composicións ten que facelo baixo o pseudónimo de home. No século XX coexisten numerosas correntes e as mulleres comezan a estaren presentes como compositoras, instrumentistas, pedagogas ou directoras de orquestras e conservatorios. Máis aínda así a súa presenza segue a ser minoritaria con respecto ao sexo masculino. Estamos afeitas/os a escoitar música de W. A. Mozart, J. S. Bach, Shubert, Richard Wagner, Antonio Vivaldi, Bethoven, Manuel de Falla, ou mesmamente Pascual Veiga, o autor da música do himno galego.      

Pola contra, ignoramos os nomes mencionados anteriormente e os de outras tantas e os das músicas galegas que conforman o noso patrimonio musical, nestes días que tanto se fala da recuperación e coidado do patrimonio do pobo galego. Galegas como María Muñoz de Quevedo (directora, compositora, pianista, profesora, articulista, conferenciante, intelectual e promotora cultural), Pilar Castillo Sánchez (pianista de proxección internacional nos comezos do século XX e autora de dúas composicións breves “Durme”, unha nana para voz e piano e “Maruxiña”, unha muiñeira que pon música a un poema de Pondal), María Valverde considerada como unha das mellores voces do lied (composicións escritas para voz e piano. Tamén constan no seu repertorio obras da música popular galega como os “alalás”) ou Maruxa Villanueva quén alén de interpretar era a autora de moitos dos temas que cantaba converténdose na “raíña do alalá” durante a Guerra Civil.      

É sumamente necesario recoñecer ás antecesoras para podermos seguir avanzando cara unha igualdade real entre mulleres e homes.        

Por iso, cando estes días lía un comentario a unha nova que difundía unha xornada formativa que pretende visibilizar ás mulleres no mundo da música, e ofertar modelos ou referentes positivos para motivar a participación das mulleres na música, sentín a necesidade de falar algo das relacións entre a música e as mulleres desde unha perspectiva feminista.      

Ese comentarista expresaba que xa andaban as feministas coas súas lerias, coas súas cantilenas. Non entendía qué significaba iso de invisibilización das mulleres na música. O traballo feminista é a transformación da subxectividade e da sociedade como vía para superar as desigualdades, inxustizas e dominación que a sociedade exerce sobre as mulleres en todos os ámbitos.      

A música como manifestación cultural é tamén creadora e transmisora de construcións de xénero. De aí, xorde a necesidade de recuperar e incorporar ás aportacións das mulleres á música. Porque é imprescindíbel reinterpretar o papel das mulleres na historia da música e polo tanto da arte, e ademais proporcionar outros modelos superando os prexuízos imperantes no binomio muller-música. Non podemos obviar o coñecemento das figuras máis importantes e das obras representativas de cada período histórico, e o contexto de produción e creación daquelas mulleres.      

Remato pois cunha cita ben ilustrativa dunha das relatoras da xornada ” Son de mulleres. Respostas á invisibilidade da muller na música” e animándovos a traballar a prol de calquer tipo de iniciativas para recuperar, valorar e visibilizar o papel das mulleres ao longo da historia.  

“A recuperación das compositoras históricas xunto á atención polo traballo das contemporáneas dentro do ámbito da música culta ou de creación, é esencial para superar a asociación secular da creación musical ao masculino na cultura occidental. Neste sentido a mirada cara o pasado non é un xesto nostálxico ou compensatorio, senón preciso para a construción da posibilidade da muller como creadora musical no noso imaxinario." (ZAVALA, 2009: p. 215).


[11-07-2012 09:41] olga comentou:

Excelentes e necesarias reflexións, coma sempre!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña