00:10 Martes, 07 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-07-2012

Seguro que vos estades a preguntar que ten que ver unha cousa ca outra. Moito

De corsarios e participacións preferentes

Valorar (13)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS



Seguro que vos estades a preguntar que ten que ver unha cousa ca outra. Moito, pois, como puidemos comprobar, debaixo do traxe e da garabata de certos directores de bancos agochábanse verdadeiros corsarios sen escrúpulos.        

Que son as participacións preferentes? Son un paquete bancario vendido polos distintos directores das entidades implicadas a un grupo de xente que descoñecía o que en realidade se lle estaba a vender, coa excepción duns poucos que sabendo de que ía o tema decidiron inverter. Descartando a este grupo, o resto dos afectados está formado por xente que confiaba na persoa que estaba a xestionalos seus cartos dende había moitos anos, entre os que aparecen nenos, persoas analfabetas e xente moi maior. En definitiva presas fáciles tal e como lles gustaba aos corsarios. Estes preferían conseguir un menor botín asaltando a un barco sen armamento que enfrontarse cunha pequena flota comercial protexida por buques armados.      

Os directores dos bancos que venderon estas participacións preferentes non o fixeron por iniciativa propia, senón que recibiron ordes dos seus superiores. Os corsarios tamén recibían ordes, posuían unha autorización real para atacar naves inimigas. Tódolos roubos, asasinatos e violacións que cometeron non tiveron castigo por estar protexidos. Ningún dos directores implicados no tema das participacións preferentes está na cadea nin sequera pasaron polos tribunais.

Estarán tamén protexidos coma os corsarios?.      

A diferenza dun pirata, que roubaba a quen quería e onde quería, o corsario recibía a orde real de atacar e roubar a barcos de certas nacionalidades, en concreto cas que se estaba en guerra, respectando aos barcos de nacións amigas. O malo das guerras é que a amizade varía constantemente. Como exemplo está o caso do bergantín O Fénix. Saíra este barco de Bordeos rumbo ao Caribe en xaneiro do ano 1808, nesa data os estados español e francés eran aliados,  alí realiza os seus negocios e volta cara o seu país traendo como pasaxeiros a 5 militares españois. Cando pasaba preto de Ribadeo decide entrar no porto para deixa-los pasaxeiros e coller víveres. Descoñecían que dende o 2 de maio de 1808 os estados antes aliados agora estaban en guerra. Inmediatamente despois de tocar terra foron detidos e levados á cadea ribadense acusados de ser corsarios, que o eran. Cando partiron de Francia a súa nación estaba en guerra con Inglaterra e tódolos barcos que ían cara América eran obrigados a armarse e firmar unha patente de corso segundo a cal en caso de atoparse cun barco inglés ou holandés poderían atacalo se o vían factible. Legalmente eran corsarios franceses. De nada lles serviu alegar que cando partiran non estaban en guerra, de que era obrigatorio facerse corsario ou de que traían pasaxeiros españois. Todo o que alegaron foi papel mollado. Eles remataron camiño da Coruña, ao presidio do castelo de San Antón, o seu barco xunto ca mercancía que traían foron vendidos e mercados, a prezos irrisorios, polos comerciantes ribadenses.    

Así como non lles serviu de nada protestar aos mariños do Fénix de nada lles vai servir aos afectados das preferentes porque os directores dos bancos traballaban recibindo ordes e os que as deron encargaranse de que non pase absolutamente nada.      

O erro grave que cometeron os directores bancarios implicados foi estafar (presuntamente) aos seus veciños, cos que tomaban o café, cos que convivían diariamente. Cando se quere estafar a alguén tes que procurar que sexa de fóra e que non o volvas a ver nunca máis. Iso sabíano ben tres comerciantes ribadenses que no ano 1744 armaron en corso ao barco Nosa Señora da Portería, alias A Barquiña. A citada embarcación tan só podería atacar barcos ingleses e holandeses que pasasen polas nosas costas galegas. Os seus armadores (os comerciantes ribadenses Xoán Francisco Cenzano, Domingo López de Merniers e Xerome Díaz de Miranda) contratan como capitán ao veciño de Ribadeo Francisco de Porbén, algo lóxico porque coñecería moi ben esta costa, pero o resto da tripulación era oriunda de Cádiz, Cartaxena, Almería e Lisboa. Isto pode explicarse facilmente xa que os mencionados comerciantes tiñan barcos que comerciaban nestes portos, pero resultaba estraño que non contratasen ningún mariño da costa lucense. Atopamos a resposta a esta pregunta cando apresan o barco holandés A Resolución, que ía cargado de “paños finos de Olanda,Lenzerias, basos de bidrio de todos los jeneros, cuchillos, cajas de aguardiente, licores, quesos, aramio, ojas de lata y otros jeneros”. Os xéneros perecedoiros son vendidos inmediatamente, pero o resto da carga entra nun almacén pertencente a un dos armadores. A tripulación vai vivir á pensión de outro dos armadores e mercan roupa e alimentos na tenda do terceiro dos armadores. Pasados catro meses, sen saír ao mar, os mariñeiros do barco corsario queren volver ás súas poboacións natais, para iso queren vender a súa parte, que é taxada nun prezo moi baixo polos propios armadores que se ofrecen a mercarlles a súa parte, á que hai que descontar o aluguer do almacén onde estaba gardada a carga e o que gastaran os mariñeiros en vestidos e en comer. Cando os armadores conseguen votar para ás súas casas a tódolos membros da tripulación venden a carga do barco holandés por un prezo moi superior ao que taxaran para os mariñeiros. Estes comerciantes ribadenses non tiveron escrúpulos nin sentiron vergoña algunha á hora de traer dende fóra a uns homes necesitados e estafalos vilmente.      

Non nos estrañaría nada comprobar que detrás das participacións preferentes se escondan os herdeiros daqueles vellos corsarios ribadenses, homes tan listos como impíos.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña