09:54 Domingo, 29 de Marzo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-07-2012

Cómpre unha reacción organizada dos movementos sociais da Coruña en favor da festividade galega e popular da cidade por excelencia

Un San Xoán coruñés cada vez menos galego

Valorar (21)

FRANCISCO XOSÉ REI GARCÍA



Cómpre unha reacción organizada dos movementos sociais da Coruña en favor da festividade galega e popular da cidade por excelencia

Os recordos que de cativo teño da noite de San Xoán son difusos: as cacharelas da familia rivalizando coa palabra lumeirada –ou lumeradas, variante probabelmente castrapizada moi ao uso na Coruña –e as omnipresentes sardiñas, das que nunca gustei, ao contrario do pan de broa, cuxas migallas apañaba alí onde houbese. E, por suposto, estaba o vento, inseparábel compañeiro de viaxe, traendo ese recendo máxico onde o ulido a peixe vén mesturado co fume, o viño e millenta olores máis. Debe ser precisamente ese recendo o recordo máis vivo e antigo que gardo na memoria. Ese e, por suposto, o da auga das flores coas que cada mañá de cada 24 de xuño seguimos na casa a lavar a cara nada máis acordamos. Superstición, tradición…Que máis ten?

Celebrabamos as cacharelas ou lumeiradas no agrelo –descampado, en linguaxe urbanita directamente importada de Madrid –en que hoxe se sitúan os edificios dos Novos Xulgados e da Audiencia Provincial da Coruña, antigos terreos –que eu xa non recordo, loxicamente –da Sociedade Deportiva Santa Lucía. Recordo, case como en soños, moreas de xente, de familias, a montaren cacharelas de xeito artesanal, tamén con mesas e todo tipo de utensilios para cociñar, grellas para facer as sardiñas…Era un ambiente de festa, de exaltación do colectivo, do popular, de xuntanza de xentes dos Mallos, da Estación, da Coiramia, de Alcabaleiros…Ninguén che negaba unha sardiña cun viño e un anaco de pan; ben ao contrario: a xente compartía feliz. Así cando menos é como eu o recordo, en imaxes que van e veñen.

Máis adiante –non sei precisar canto tempo exactamente –aquilo xa non se debía facer, ou non do mesmo xeito, e mudamos a festa do barrio por ir tomar as sardiñas e o pan polos bares. É algo que en moitos bares e cafetarías da Coruña –mesmo as de aparencia máis chic e provinciana –se segue a facer: colocar unha grelliña na porta, en plena rúa, e alí –preferibelmente fóra se vai boa noite –xuntarse a xente habitual do estabelecemento. Porén, eu sentía que aquilo xa non era exactamente o mesmo: unha, porque eu como sardiñas non comía, xa non gozaba da festa igual e aborrecía axiña vendo pasalo máis ben aos maiores; outra, porque alí nin se carrexaba madeira nin se facía cacharela ningunha nin ninguén saltaba as tres, as sete ou as once veces  -cadaquén parece ter a súa propia tradición. Parecía xa un San Xoán menos popular e máis comercial.

A suposta tradición da festa na praia –os millares e millares de persoas ateigando Riazor, o Orzán, o Matadoiro…e os ríos de xente a percorreren o Paseo Marítimo ora para aquí ora para alá –recórdoa, a dicir verdade, moi tardía. E en absoluto impulsada social, política e mediaticamente como duns anos para aquí. Aos poucos, a mocidade protagonista das cacharelas dos barrios e do extrarradio coruñés foinos deixando e foise concentrando toda á beira do mar do Orzán e de Riazor –eu incluído, por certo –no que semella unha triste metáfora doutra cousa. Mantense a tradición, disque. Mais cal tradición? A queima dunha falla valenciana e uns fogos artificiais? O botellón indiscriminado? O inevitábel parte de guerra con que a imprensa local nos tortura ao día seguinte, ano tras ano, con detalladísima relación de persoas feridas, queimadas, contusionadas ou, simplemente, aqueixadas dun coma etílico? Se callar a tradición que si se mantén –no peorciño e máis tradicionalista sentido, claro –é a dunha ridícula cabalgata que non vén a conto de nada, na que se lle guindan caramelos ás crianzas e ao público en xeral desde carrozas –como se fose o desfile dos Reis Magos! –e que vai abrindo, nada menos, unha marcial formación musical de tamborileiros…da OJE! Poden rir, aínda que o conto é ben triste.

Por certo, que todo isto que veño de relatar non lles é cousa nin de Carlos Negreira, nin da súa poco gallega concelleira de (In)Cultura, nin do Partido Popular. É verdade que o actual goberno municipal consolidou o carácter español e antigalego do San Xoán coruñés –instalación de pantalla xigante para ver La Roja incluída –cunha programación festiva complementaria durante varios días –con concertos, animación de rúa e demais –que a señora concelleira Ana Fernández nos anunciou que pretendía converter este San Xoán “en el más internacional de la historia”. Tanto foi así que nos materiais editados e nos propios contidos, unha vez máis, as grandes esquecidas foron a lingua, a música e a cultura nacionais. Aínda menos mal que lle seguen pondo ao cartaz o retrouso ese de Noite da queima na cidade meiga. Non quero ser mal pensado co despiste negreiriano: sería para que os festexos non parecesen demasiado gallegos. E é ben estraño, porque sendo verdade que descoñezo canta poboación estranxeira visita A Coruña no San Xoán ou nos días previos si que non teño dúbida de que se algo hai esa noite na cidade son galegas e galegos. Eis o triste drama da inútil concepción do turismo aínda existente entre nós.

Dicía que todo isto non é soamente cousa do actual goberno local do PP, que en todo o caso consolida o despropósito. Isto iniciouno o goberno local do PSOE e as sucesivas concellarías de Festas durante un cuarto de século, fabricando supostas tradicións e dando azas e diñeiros a unha tan fantasmagórica como irrelevante (do punto de vista da representatividade social) Comisión Promotora de las Hogueras de San Juan, unha das míticas e invisíbeis “forzas vivas”, á altura dos Amigos de La Coruña ou da Orden de Caballeros de María Pita. Como estas, un auténtico refugallo do franquismo composto tamén por moi coñecidos e veteranos ex dirixentes franquistas na cidade. Foi e segue a ser esta Comisión quen cada ano organiza –ou di que organiza –os festexos da noite de San Xoán, cos seus aquelarres poéticos, elección da “Meiga Maior” e as súas “meigas acompañantes” (unha especie de raíña das festas que particularmente me recorda ás antigas Guapas de La Coruña das que sempre fala miña avoa) e, como non podía faltar, homenaxe á bandeira nacional (por suposto, a española).

Todos os anos me repito a mesma pregunta: que ten a ver toda esta pantomima co verdadeiro espírito da noite do San Xoán? Quen é esta Comisión Promotora do non sei que para organizar ou deixar de organizar nada en réxime semella que de exclusividade? A canto ascenden os convenios nominativos que ten asinados co Concello da Coruña e, se for o caso, con outras institucións ou entidades públicas? Quen fiscaliza a súa actividade real ao longo de todo o ano? Actuarían con este abrumador desleixo os poderes públicos con calquera outra asociación cultural ou movemento social de base? Sabemos ben que non.

Cómpre unha auténtica revolución cultural no San Xoán coruñés, non soamente no que á declaración de día feriado se refire. Sen lle negar conveniencia a ese debate social, é tamén outro debate complementar o que debe dar o nacionalismo. Un debate que continúa pendente. O tecido sociocultural da cidade, os movementos sociais, debemos reconquistar para a xente, para A Coruña e para Galiza a festa do San Xoán. E se cadra isto vale tamén para outras festas populares, como as que estes días de verán se celebran en tantos lugares.


[14-07-2012 23:13] Carme Fiaño comentou:

Ver por escrito o que eu sempre pensei deste "moderno" San Xoán encheume de ledicia. Cheguei a pensar que eu era un bicho raro ao que a nova festa non lle dicía nada. As miñas lembranzas de nena son as de Fran só que noutro punto da cidade : As Cernadas, hoxe rebautizadas como "Matogrande".
O meu fillo, de 19 anos, co que nunca falara deste tema, pensa o mesmo ca min e foxe para a aldea a celebralo cos seus amigos.

[11-07-2012 03:13] Fran Rei comentou:

Moitas grazas pola túa interesenta reflexión, Abelardo, coa que concordo plenamente. É máis: para calquera persoa que leve anos fóra da cidade o voltar aquí e descubrir este "novo" modo de festexar o San Xoán é seguro que lle torna A Coruña como irrecoñecíbel. Canto ás interesantes e oportunas preguntas que fas -que todxs nos facemos -é de agardar que algún día reciban resposta. O labor político das nosas compañeiras e compañeiros do BNG no Concello resulta esencial, se callar máis do que nunca.
Obrigado tamén pola túa precisión, Xosé Manuel, tamén moi oportuna: foi precisamente a lumeirada organizada por Alexandre e A Mesa a que me levou no seu día a comezar a festexar o San Xoán na praia. Mesmo cando deixou de se facer seguín baixando todos estes anos, e podo dicir que en toda a extensión dos areais, de Riazor ás Amorosas, non vin nada que se pareza minimamente a aquilo. Unha forte aperta de volta!

[10-07-2012 09:36] Xosé Manuel Sánchez Rei comentou:

Estou de acordo contigo no que comentas, Fran. Cómpre lembrarmos, no entanto, que correspondeu á AC Alexandre Bóveda no seu día (xunto coa MNL da Coruña) a recuperación da lumeirada na praia. O que veu despois, o que vén agora, xa pertence a preconceptos de persoas colonizadas. Unha aperta.

[09-07-2012 08:32] abelardo x del caño varela comentou:

Parte das lembranzas que relatas no teu artigo son as miñas, xa que logo fun veciño dende sempre de Monte Alto! e despois de moitos anos fora da cidade (como moitos en Madrid por traballo) hai tres anos coincidín co meu tío (trinta e tres anos fora da Coruña, que xa son anos!) no San Xoán....San Xoán ou San Perillán porque aquilo que vimos xa non se parecía nada as lumeiradas dos barrios, cos veciños xantando sardiñas e os cativos saltandoas ,por certo a mín encantan-me... Entendín como parte do progreso, en realidade urbanización dos "descampados" a desaparación das fogatiñas nas rúas e a sua concentración en certos puntos, sinaladamente as praias ou algunha praza da cidade... pero nunca fun capaz de entender, como ben dís, a "Falla" e a "Maja" cos señoriteiros (en realidade as vellas glorias e os seus fillos do falanxismo coruñés) xa nos derradeiros días do franquismo impuxeron comor propria e diferenciada celebración nalgún punto da "sua cidade". Pero foi o moi acomplexado, moi ofuscado e moi servo español francisco vázquez e olé quen instaurou esa trangallada na cidade...Afastando totalmente unha celebración popular da sua orixe real e convirtindo o noso San Xoán nunhas fallas pobres....Qué decir?..Os gustos dos novos ricos sempre foron horteras....e non nos incumbe o mal gusto. Pero como acertadamente sinalas como coruñeses interesa-nos saber qué uso se lle da os nosos cartos, por qué sempre disfrutan de bula papal os "carcas", qué intereses agochan estes festexos? quén sae gañando aquí? canto? quén asinou e dende cando ises convenios e por canto? onde está a intervención do Concello na aprobación das contas? cómo funciona o concello da Coruña en realidade, tanto PSOE como PP locais teñen algún interés alleo a sua organización? porque nunca casan as "directrices" dos seus partidos co que acontece na nosa cidade! por qué? En fin... son pregunas que esperamos os coruñeses e que estamos seguros co Bloque, presente no Concello mostrará finalmente a toda a populazom. Porque a recuperación do noso virá, inevitabelmente, pola recuperación da verdade e do control presupuestario. E por certo: viva San Xoán!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña