01:33 Martes, 30 de Novembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-07-2012

Tres anos e un día de cadea. Esa é a última sentenza que se vén de ditar contra varios sindicalistas –dous deles da CIG- no noso país

O duro embate do capital

Valorar (15)

XABIER PÉREZ IGREXAS




Tres anos e un día de cadea. Esa é a última sentenza que se vén de ditar contra varios sindicalistas –dous deles da CIG- no noso país. O grave delito que motiva esta durísima sentenza é ter participado na folga do sector comercio e alimentación en 2009.      

Este flagrante atropelo xudicial, que vulnera dereitos fundamentais, súmase aos centos de multas e sancións económicas, ás identificacións arbitrarias, a outras condenas recentes e a decenas de casos semellantes pendentes de xuízo. Cabe engadir tamén a utilización da violencia policial, mesmo de xeito brutal, como sucedeu en numerosos procesos mobilizadores. Son os elementos sobre os que se articula a vaga de represión política e sindical que vai camiño de liquidar, definitivamente, o exiguo réxime de dereitos e liberdades civís ao que, presuntamente, tiñamos acceso.      

Non podemos separar esta realidade do marco no que se desenvolve. Un marco de crise sistémica onde a clase dominante non está disposta a tolerar ningunha resposta democrática que cuestione a Ditadura do Capital, que até agora disfrazaron de democracia formal. O capital, metido de cheo na súa ofensiva contra da maioría social para seguir a garantir os seus lucros, vai axer con todos os instrumentos ao seu dispor para acadaren os seus obxectivos. Con todos os medios, sen excepción.      

Nesta guerra de clases, desatada polo colapso do capitalismo neoliberal, a chave para os poderosos é forzar o sometemento da maioría, para seguir a explotala. A economista Miren Etxezarreta apuntaba, nun documentario recente, que este non é un fenómeno novo. Ollar a Historia, en chave retrospectiva, amósanos que cando nin a manipulación, nin o medo, son abondo para neutralizar a resposta social contra os abusos, a burguesía sempre bota man da represión. E cando a represión non é suficiente, esta radicalízase en forma de fascismo e guerra.      

Este contexto volve revelar, unha vez caído o espellismo do mal chamado “Estado do benestar”, que o Estado no capitalismo é o instrumento a través do que a clase dominante exerce o seu dominio.  Mantén plena vixencia a caracterización marxista que o define como “consello de administración” da burguesía ao servizo dos seus “negocios”. É tamén o seu brazo armado (policía, exército, aparello xudicial), poderíamos engadir.    

Non é para nada casual que no noso país esta campaña represiva se cebe sobre todo no nacionalismo, e singularmente contra o sindicalismo nacionalista e de clase. Evidencia do papel referencial, e mesmo central, das organizacións nacionalistas no combate social. Súmase tamén que a reivindicación de soberanía, precisamente neste contexto, sexa un claro contra-ataque fronte a centralización territorial da riqueza, que no Estado é alentada polo españolismo a través dun evidente proceso de recentralización política e da transferencia de cada vez maiores cotas de decisión á UE. Con todo, a indispensábel resistencia perante esta situación esixe de nós maiores doses de conciencia, a través da formación e o contradiscurso –ideolóxico e comunicacional-, de organización, fortalecendo os instrumentos políticos, sindicais e sociais que conforman o campo nacional-popular galego, e de acción e activismo, desde a certeza de que a agudización da ofensiva provocará, necesariamente, a agudización do confronto. Non cabe outra saída.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña