05:43 Xoves, 09 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-04-2010

Agredidas dobremente polo maltratador e pola sociedade

A falacia das denuncias falsas das mulleres

Valorar (21)

LUÍSA GONZÁLEZ RODRÍGUEZ



Nos últimos tempos estamos a asistir a unha intensa campaña de desprestixio e credibilidade das mulleres que sofren violencia de xénero, desde artigos e novas nos medios de comunicación, presentación de libros, blogues, e accións concretas que perseguen mediante estes ataques o mantemento da subordinación das mulleres.

Quixera facervos partícipes da miña teima por desenmascarar o que está a acontecer coa falacia estendida sobre as "supostas" denuncias falsas que as mulleres interpoñen co único obxecto, segundo as e os seus predicadores, de danar o seu compañeiro ou ex, ou ben, para conseguir vantaxes nos procesos de separación ou divorcio. Seguro que tivestes oportunidade de ollar ou ler as novas deste tipo que aparecen nos xornais e ás que se lles presta tanta importancia como cando acontece un asasinato dunha muller. Novamente recórrese aos mitos clásicos sobre a muller como mentireira, depravada, chantaxista... Agredidas dobremente polo maltratador e pola sociedade.

Sabemos da lentitude coa que as vítimas de violencia de xénero van desbotando os temores e os prexuízos que dificultan a decisión de rachar co círculo desa violencia e, con isto, o silencio que a perpetúa. Pois ben, cando as mulleres deciden poñer fin a unha situación de violencia atópanse con moitas barreiras, as propias (as persoais) e as do sistema estabelecido para proporcionarlles asistencia xurídica, social e económica. Unha delas, é a que teñen que superar para poñeren en coñecemento da Administración de Xustiza eses feitos que constitúen delitos. Isto hai que entendelo na súa lóxica de funcionamento, as regras que regulan o proceso penal, o sistema de valoración das probas practicadas no xuízo oral e o sistema de garantías construído a favor da/o acusada/o e tendo en conta a dificultade probatoria duns feitos que se cometen en ocasións na intimidade ou sen deixar trazos apreciábeis.

E moitas veces, cando interpoñen denuncia existe unha falta de correspondencia entre as expectativas que teñen respecto á denuncia -tantas veces formulada coa única pretensión de que cese a violencia, de que as deixen de acosar, insultar, ameazar...- e as consecuencias de poñer en marcha o proceso penal, que deberá rematar, de os feitos seren probados cunha sentenza de condena, e en todos os casos a pena de afastamento do agresor. Cando comproban que a súa denuncia pode provocar que a súa parella vaia a prisión, bótanse atrás, mais iso non quere dicir que a denuncia sexa falsa.

Non é o mesmo absolución –por falla de probas, por exemplo- que denuncia falsa. A causa da retirada de denuncias –medo, presións, estado anímico da muller, etc.- non é a falsidade da muller. E evidentemente podo constatar a ausencia de vantaxes nos procesos de separación ou divorcio pola presentación de denuncias por violencia machista. Ou é ben raro, que polo de agora eu non as vira, será que os lentes de xénero impídenme ver tal cousa, ou mellor dito tal aberración.

A lenda de que a maioría das denuncias son falsas está sendo propagada por sectores moi conservadores e asociacións de pais separados (que por certo, hai uns días o seu presidente foi detido por exercer de avogado sen estar colexiado e polos delitos de intrusión, usurpación de estado civil, estafa e falsidade documental).

Manteñen que a normativa vixente en materia de violencia de xénero “vai en contra dos homes, nacemento dun novo fundamentalismo radical”. Nestes termos exprésase o co-fundador do Partido Andalucista e ex-adxunto ao defensor do Pobo Andaluz, Diego de los Santos, o que se rebela contra a Lei de violencia de xénero de 2004 no seu novo libro Las mujeres que no amaban a los hombres.

Recentemente, aló polo mes de decembro o xuíz de Familia número 7 de Sevilla, Francisco Serrano, avivou a polémica ao tachar de discriminatoria a lei contra a violencia de xénero. O maxistrado apuntou que a lei é froito da "ditadura" do "feminismo radical", cualificouna como "perversa" e atacou o "mito das denuncias falsas”, e tamén atopamos a outros/as profesionais que fan uso deste discurso como a xuíza decana de Barcelona, María Sanahua, o xuíz de Xixón, Luis Ángel Campos... e poderiamos seguir un bo cacho nomeando a profesionais que fan uso deste tópico... Polo de agora non teño coñecemento de ningún/ha profesional que defendera abertamente isto, no noso país (si sei que existen polo que fan no día a día, pero son silenciosos/as ). Até profesionais que imparten un curso especializado dirixido a persoal que traballa con vítimas de violencia de xénero, teñen falado e darlle credibilidade a este mito.

E chama a atención como ultimamente está demodé poñer ao fronte de temas de gran sensibilidade social a propios afectados, como é o caso do señor Neira, que agora está ao fronte dun observatorio da violencia de xénero, e o único que sabe da violencia de xénero (o que se transloce ou evidencia nas súas verbas) é o que tivo a desgraza de presenciar o día de feitos. A perversión do sistema pode chegar até límites inexplicábeis...

Non só é falta de formación ou especialización (que tamén) ou falla de perspectiva de xénero aplicada á realidade. Hai algo máis. O pensamento que move esas falsidades para que ninguén se deixe levar por elas: as persoas machistas non queren perder os seus privilexios.

E se por defender isto, son fundamentalista, feminista radical... pois unha adxectivación máis cara á miña persoa. Xa era radical por falar no meu idioma, non?


[09-04-2010 ] Dolo comentou:

Parabéns Luísa! Oxalá que o teu artigo axude a abrirlle os ollos a máis de unha persoa!

[08-04-2010 ] Natividade comentou:

Parabéns Luísa polo teu artigo ¡¡¡¡

[08-04-2010 ] Susana comentou:

E será logo que todas as asasinadas neste ano e nos anteriores polas súas parellas, non están mortas senón a se dar chapuzóns de risotadas nunha praia caribeña, gozando do resultado tan exitoso do séu fraude; e as malladas a golpes en realidade sometéronse a repetidas sesións de placenteros e terapéuticos masaxes...
Si se da o caso de que algunha falsa denuncia se cole, que o dubido dada a facilidade coa que se demostra a autenticidade da acusación, non por eso poden trivializarse e negarse as evidencias e as irreversibles consecuencias da inmensa maioría (senón da totalidade) dos "casos" de violencia de xénero.
Parabens polo artigo

[08-04-2010 ] olga comentou:

Fabuloso. Cantas verdades e que ben contadas. Parabéns!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña