01:38 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-06-2012

Corenta anos da edición do disco de Miro Casabella con dous poemas de Xoán M. Casado

O meu País

Valorar (24)

XAN FRAGA RODRÍGUEZ


Portda do disco "Coma os vellos troveiros" de Miro Casabella


Nestes tempos que arrecian colonizacións futbolísticas e seudodeportivas. Nestes tempos de miopía extrema e fragamnesia insultante. Nestes tempos de personalismos narcisistas, busco o meu país. Das poucas cousas, escasísimas cousas, que non teño dúbidas. O meu país.        

Busco entre os vellos discos e non atopo aquel fermosísimo single de Miro Casabella de 1972, aínda que gravado no 1970,  ao que pertence a foto que axuntamos na que están o autor da música e o autor da letra: Xoán Manuel Casado. Foi presentado en Sargadelos de Barcelona por insistencia de Isaac Díaz Pardo, que tanto admiraba a cantautor do Valadouro. Nese contexto tamén se inauguraba a semana do libro galego na cidade condal e que tería continuación no Castro de Sada, do que falaremos noutra ocasión.        

Miro Casabellla actuara, en 1970,  na mítica Cova del Drac, de Barcelona, é moitos quedaron prendados da súa voz, entre eles o escritor Manuel Casado Nieto,  fiscal  e presidente do Centro Galego.Tamén un editor chamado Salinger, de Música del Sur, que axiña convenceu a Miro e a Xoán Manuel Casado para que gravaran o disco. Como se observa na portada que aquí ofrecemos, saíu en EMI-REGAL tendo como cara B a que sería máis emblemática: O meu país. Este disco, de 45 RPM,  esta xoia, é  hoxe practicamente inencontrable... Editáronse tamén as dúas cancións traducidas ao castelán é un texto introdutorio do propio Miro Casabella. Tamén se fixo unha versión en catalán por Jaime Picas. Apareceu o disco. Escoito o meu país. O meu país. Non teño outro.  

O meu país

O meu país/ é verde e neboento
É saudoso e antergo,/ é unha terra e un chan.
O meu país/ labrego e mariñeiro
É un recuncho sin tempo/ que durme nugallán.     

Q quece na lareira,/ alo na carballeira
Bota a rir.
E unha folla no vento/ alento e desalento,
O meu país.     

O meu país/ tecendo a sua historia,
Muiñeira e corredoira / agocha a sua verdá
O meu país/ sauda ao mar aberto
Escoita o barlovento/ e ponse a camiñar     

Cara metas sin nome/ van ringleiras de homes
E sin fin.
Tristes eidos de algures,/ vieiros para ningures,
O meu pais.     
O meu país/ nas noites de invernía
Dibuxa a súa agonía/ nun vello en un rapaz.
O meu país/ de lenda e maruxias
Agarda novos días/ marchando de vagar.      

Polas corgas i herdanzas
Nasce e morre unha espranza/ no porvir.
E unha folla no vento/ alento e desalento
O meu país.                                           

Miro Casabella e Xoán Manuel Casado


Coma os vellos trovadores

Coma os vellos troveiros
que cantaron ao mar
e soñaron luceiros
nas noites de luar.
Coma os vellos troveiros
eu tamén
quixera ser mariñeiro
no mencer.            

Coma os vellos troveiros
dun século maior
que souberon de mozas
e do viño mellor.
Coma os vellos troveiros
cantarei
unha cantiga sinxela
por lecer.

Coma os vellos troveiros,
como un troveiro máis,
namorado da Terra,
No camiño a vagar.
Coma os vellos troveiros
eu darei
a testemuña do pobo,
por segrel.                  

LETRAS: XOÁN MANUEL CASADO
MÚSICA: MIRO CASABELLA


[29-06-2012 08:59] Xan comentou:

Unha magnífica cántiga e un moi bo cantor, que se o "país" estiver normalizado serían amplamente difundidos e recoñecidos. Pero o modelo cultural é o alleante e mistificador de Luar. Cant@s autor@s, cantas obras pasan desapercibidas por estaren en galego!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña