10:17 Domingo, 26 de Marzo de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-04-2010

O que máis lle amola ao PP é unha mobilización constante da sociedade; desquíciao que poida haber movemento a prol da lingua en todo o momento, mesmo fóra de datas rituais

O peor pesadelo do Partido Popular

Valorar (9)

FRANCISCO XOSÉ REI GARCÍA



"Son os mesmos de sempre", dixo a inefábel Gloria Lago -Glory Lake para as amizades trilingüeiras, bífidas e viperinas -cando os media lle preguntaron polos primeiro grande éxito mobilizador da Plataforma cidadá Queremos Galego-, a histórica manifestación do pasado 18 de outubro, a maior nunca vista na nosa nación en defensa da nosa lingua propia. Sabía ela ben que non era así, mais cumpría quitar forzas e dar sensación de enteireza fronte ao duro baño de realidade que levaron quen até o 18 de outubro pensaron que iso de "el gallego" era cousa de catro, "dos de sempre". Cumpríalle evitar calquera sensación de derrota a quen, uns poucos meses antes, con toda sorte de recursos e unha amplificadísima cobertura mediática que xa lle gustaría a moitos proxectos colectivos e movementos sociais no noso país, non xuntaba máis de 3.000 persoas (no mellor dos casos) nas rúas de Santiago de Compostela, malia coñecidas manipulacións gráficas que nos tentaron vender a falsía dunha Quintana ateigada. Que lle queren? Estamos no tempo do photoshop.

A un Alberto Núñez Feixóo recén instalado moito non lle chistara a grande afluencia á manifestación do 17 de maio. Feitas as oportunas consultas, concluíu que aquilo era unha "reacción momentánea" que non se mantería no tempo. Nada de que preocuparse, para alén do razoábel. Para iso viña de pór no sitio das "cousas do galego" ("cosas del gallego", no orixinal) a un tal Anxo Lorenzo, de aquela sociolingüista de recoñecido prestixio e profesor universitario cunha traxectoria favorábel ao galego "no bo sentido", para desactivar leas e apagar conflitos. Non é só que Feixóo nos vendese esta moto, senón que foron prognósticos que naqueles días puidemos escoitar e ler por toda parte. Porén, a aquel tal Anxo Lorenzo deulle por facer experimentos con gasosa cunha frecuencia perigosa. Menos mal que polo menos nas entrevistas que concede xa se encarga de recordarnos que el "xa non é sociolingüista". A boas horas!

A manifestación do 18 de outubro xa referida e toda a acción social e reivindicativa posterior impulsada por Queremos Galego, cunha evidente escenificación de forza con ocasión da folga xeral no ensino do pasado 21 de xaneiro, colleu por sorpresa a públicos propios e estraños. Porén, o Presidente da Xunta pasou axiña do abraio inicial ao temor provocado pola descuberta, de súpeto, dun pesadelo. Se nalgún momento pensou que as políticas de desmantelamento da oficialidade do galego ou os ataques contra a nosa cultura ían ser con diferenza o menos contestado socialmente na súa lexislatura, abofé que foi outro que levou un bo baño de realidade tan contundente como inesperado: en Galiza hai un amplo sector da sociedade que é quen de mobilizarse cando advirte que agreden ao que, mesmo nunha situación complexa, segue a ser percibido como un elemento colectivo básico da nosa identidade e da nosa cohesión, senón o primeiro. Mesmo entre moitas persoas que no seu día a día, debido a factores ben coñecidos, empregan o español como lingua de relación habitual. Significativo é, por exemplo (e debía ser para o Partido Popular), a ampla presenza xuvenil na manifestación do 21 de xaneiro contra o decretazo ou o altísimo seguimento atinxido pola folga mesmo en centros de contornas urbanas onde o galego xa non é, nin de lonxe, lingua maioritaria nin do alumnado nin do profesorado.

A teimosía de Feixóo, do seu desacreditado Conselleiro de Educación ou dun Anxo Lorenzo empoleirado na súa propia mentira e na arañeira de descrédito profesional e persoal na que el soíño se enredou, de insistiren no seu paupérrimo argumentario ideolóxico ("nós gañamos as eleccións, por tanto podemos facer o que queiramos") contrasta, mais ao tempo explica, a negativa do Presidente a reunirse cunha plataforma cidadá que demostrou claramente a súa capacidade de mobilización. Non é que Feixóo se negase por autoritarismo, revanchismo ou unha natureza de seu antidemocrática (que tamén), senón porque é consciente de que ten a batalla social da lingua perdida: para electorado propio e alleo, non hai dúbida de que este goberno da Xunta está a desprotexer activamente o galego no canto de o promover. Mesmo voces máis ou menos autorizadas dentro do Partido Popular advirten de que isto puido ter ido demasiado lonxe e é preciso mudar o rumbo, aínda que sexa aos poucos.

A cuestión da lingua interésalle ao PP para obter dela beneficios electorais a curto prazo, e sempre que poida marcar os tempos, o discurso, as infamias se for o caso. É na lameira da falacia onde se sente cómodo rebulindo. Porén, xa non lles interesa nada cando poden mudar as tornas do debate e a axenda non vén condicionada directamente por eles mesmos ou os seus altofalantes mediáticos. Así se explica a decisión política  -que non xurídica -da Mesa do Parlamento (con maioría popular) de non admitir a trámite a Iniciativa Lexislativa Popular pola garantía dos dereitos lingüísticos nos ámbitos das administracións públicas e o ensino impulsada desde Queremos Galego. Para evitar que poida chegar ao Parlamento un debate para eles incómodo e inoportuno. Mais, sobre todo, para evitaren por todos os medios posíbeis unha ampla campaña social en todo o país prolongada no tempo, que dunha ou outra maneira mantería vivo o debate arredor da cuestión da lingua para alén de datas ou ocasións concretas ou rituais. Precisamente, para evitar que o PP triunfase nesta súa pretensión, Queremos Galego decidiu acertadamente impulsar unha campaña "en paralelo" de difusión do texto da proposición de lei e recollida de apoios cidadáns, que se manterá activa até o vindeiro mes de xuño.

O Partido Popular anúncianos que non vai ficar quieto nin calado e porfiará canto poida no engano e na distorsión da realidade, a fin de manterse na lameira e sementar a confusión. Nesa liña irá a campaña que se vén de anunciar desde a Consellaría de  Educación para dar a coñecer as "bondades" do decretazo, cun custo que ultrapasará o millón de euros. Aínda menos mal que este ía ser o goberno da austeridade e do "gasto cero" en publicidade! Que vaian sabendo, con todo, que investir tal suma de diñeiro en mentir e manipular nunca é de proveito.

Fronte a todo isto, Queremos Galego seguirá adiante coas súas accións e as súas reivindicacións: percorrendo o país enteiro até xuño a golpe de prego de sinaturas en apoio á tramitación do texto da ILP; recollendo compromisos do profesorado de seguir a dar as súas aulas en galego, como é de xustiza e como sempre fixeron; de maneira inminente, con ese macrofestival musical do vindeiro 17 de abril no Recinto Feiral de Pontevedra: un evento histórico no que se xuntará, por unha causa ben xusta, o máis potente do noso panorama musical nacional (Fuxan os Ventos, A Quenlla, Berrogüetto, Luar na Lubre, Uxía, Espido, Lamatumbá...); á volta do 17 de maio, cunha nova mobilización nacional na rúa.

O que máis lle amola ao PP é unha mobilización constante da sociedade; desquíciao que poida haber movemento a prol da lingua en todo o momento, mesmo fóra de datas rituais. Estes pasados días, mozas e mozos participantes no XuventudeGaliciaNet foron "convidados" a retirar a simboloxía de Queremos Galego durante a visita de Núñez Feixóo ao encontro. Recorda este feito á campaña de censura desatada no seu día nos centros de ensino, con ameazantes circulares incluídas, contra a simboloxía de Nunca Máis. Respondamos aos que non nos queren nin ver diante póndonos diante con máis entusiasmo aínda. Con pequenos xestos que non requiren de esforzo: por exemplo, colocando as bandeirolas que está a difundir Queremos Galego nas xanelas das nosas casas, dos nosos centros de ensino, de traballo, nos locais que frecuentamos, etc. Dicíndolle ao PP que o seu pesadelo aniña xa en millares de fogares.


[08-04-2010 ] Nélida comentou:

Unha aperta moi forte dende eiquí a D. Carlos Callón, e o meu perpetuo agradecemento pola labor que está a desempeñar en defensa da nosa lingua dende a Mesa. E unha reflexión sobre o moito que tod@s temos que aprender del en canto ao grado de compromiso cos nosos ideais. Lembro que fai moito tempo, cando estaba en Galiza Nova, aproveitaba as viaxes organizadas para unha vez acorralados no bus vendernos a tod@s artigos para financiar a actividades da Mesa. Deso xa fai 15 anos alomenos. E ahí está agora dando a tod@s unha lección de perseverancia e tesón na defensa dos ideais.
Dende eiqui vaia a miña modesta homenaxe ao compañeiro Carlos Callón, á Mesa pola normalización e a tod@s os compañeir@s que loitan pola defensa da nosa lingua.

[08-04-2010 ] Eu comentou:

Ben falado. Só unha aclaración, na manifestación contra o galego do PP, Falange, Rosa Díez e esa señora de Vigo había 2000 persoas como moito, e moitos deles non galegos, vidos de fóra.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña