14:48 Mércores, 08 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-06-2012

Todas elas son elos dunha cadea de memoria que cómpre non romper, agora que as forzas máis reaccionarias teiman en volver atar as mulleres á outra, a da submisión e roles tradicionais

Aspasia de Mileto

Valorar (31)

MARICA CAMPO



Seica Julio Medem vai levar ao cine a vida de Aspasia de Mileto sumándose así á vaga de películas sobre mulleres singulares  da que é boa mostra Ágora, do director Amenábar, que exhumou a figura de Hipatia. Paréceme unha idea magnífica. A personaxe posúe elementos dabondo para facela atractiva. Cómpre, porén, un bo labor de documentación para non pasar sobre a tona dos feitos que a retratan. Niso anda o director vasco desde hai catro ou cinco anos e descoñezo en que estadio se atopa  o proxecto . Malia todo terá que facer moitas suposicións para nos dar a coñecer unha vida  que se perde na néboa do século V a. de C. e da que temos  noticia  por Platón, Aristófanes, Xenofonte e Plutarco. Como se trata dunha muller, a súa traxectoria ha de ser rastrexada na dos homes aos que acompañou. Non deixa de ser significativo o feito de que os seus pasos se borren cos do derradeiro home co que estivo relacionada, Lisicles, o seu segundo esposo ou amante. Antes casara con Pericles, o político e orador ateniense que deu nome a todo un século. Parece ser que Pericles, namorado da súa sabedoría e beleza, repudiou a muller para desposarse con ela. O matrimonio duraría até a morte do político no ano 429 a. de C.      

Mais Aspasia tiña méritos de seu para figurar nunha historia propia e non exclusivamente subordinada á doutros persoeiros.

Nada en Mileto, parece ser que chegou a Atenas para se converter en hetera, é dicir, cortesá, porque só baixo esta condición lles era permitido ás mulleres participar nos círculos masculinos da intelectualidade. Foi mestra de retórica, logógrafa (historiadora e cronista) e tamén escribiu sobre xinecoloxía. Deixando á parte a peaxe que tivo que pagar para poder desenvolver os seus saberes, fálase de que foi acusada de corromper as mulleres da cidade. Celebraríase un xuízo en que o acusador sería Hermipo, un poeta cómico. Mesmo Aristófanes lle bota a culpa nunha súa obra  da guerra do Peloponeso. Mais, se cadra, son invencións porque as vidas dos personaxes lendarios seguen a medrar moitos anos despois de morreren estes. Nos século XIX e XX escribíronse varias novelas inspiradas nela que talvez  lle sirvan tamén de fontes ao cineasta.     

O que evidencian estas vidas é que, malia o papel que se lles asignou e a ocultación deliberada  das que ousaron fuxir del, moitas mulleres  romperon o espello en que debían mirarse para construír unha imaxe propia.        

Penso nas galegas que darían para  unha película e véñenseme á mente, entre outras moitas,  Rosalía de Castro, a monxa Exeria (do Bierzo, na Gallaecia?), ligada ao priscilianismo, peregrina a Terra Santa e autora do ‘Itinerarium’ ou Constanza de Castro, a filla do Mariscal Pardo de Cela, que resistiu na Caldaloba o asedio das tropas dos Reis Católicos. O Álbum de  Mulleres, que edita en rede o Consello da Cultura Galega, conta xa cunha dilatada nómina, a cumprir, aínda que sexa a outro nivel, o nobre labor de rescatalas do esquecemento. Todas elas son elos dunha cadea de memoria que cómpre non romper, agora que as forzas máis reaccionarias teiman en volver atar as mulleres á outra, a da submisión e roles tradicionais.       


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña