00:23 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-05-2012

Admiración mutua

Celso Emilio Ferreiro e Miro Casabella

Valorar (11)

XAN FRAGA RODRÍGUEZ























































O autor de O soño sulagado foi sen dúbida un dos poetas máis musicados  polos cantautores galegos. Dende o pioneiro  Xavier González del Valle que no seu Extended Play (Edigsa-Xistral, nº 6, 1968) ofrece as catro cancións con poemas de Celso Emilio Ferreiro: Longa noite de pedra, Romance incompleto, Monólogo do vello traballador e María Soliña ata un Long Play (LP) monográfico de Suso Vaamonde (1980).      

Miro Casabella no seu segundo disco, o EP (Edigsa-Xistral, nº 8, 1969) Miro canta cantigas de Escarnho e de Mal Dizer pon música a dous poemas de Aristides Silveira (Celso Emilio Ferreiro): Olla meu irmau e Porta.      

Na colaboración que  ten co grupo catalán Falsterbo 3 nun disco de 1969, Miro recita o Monologo do vello traballador. No seu primeiro LP, Ti Galiza incorpora María Soliña, realizando unha adaptación da música que fixera Xavier González del Valle. E fai o mesmo con Goethe, que musicara de Vicente Araguas. No seu último disco Orballo (CD, Picap, 2004) Miro canta Fuco Pérez que tamén musicara Xavier González.    




O interprete de O meu país ( letra de X.Manuel Casado) tivo unha relación moi especial con Celso Emilio Ferreiro. Mostramos aquí unha carta onde falan da colaboración artística. Celso Emilio  gustaba moito da voz ben timbrada do cantautor do Valadouro. Mención singular tiña para o  Romance de Castrelo de Miño que tanto se popularizou nos anos sesenta e setenta.        

Cando se realizou unha  homenaxe en Madrid, Palacio dos Deportes, en 1979 ao pouco da morte do poeta, Moraima quixo que Miro estivera nese acto no que tivo unha grande actuación con moi boas críticas  tanto especializadas como do público en xeral. O mesmo cando se fixo en Vigo con motivo do 25 cabodano (2004).        

Miro Casabella que padeceu, como outros cantautores,  a pertinaz censura, incluso con veladas ameazas, sempre foi fiel o poeta de Longa noite de pedra. Admiración mutua. Está ben recordalo no centenario de Celso Emilio Ferreiro (1912-1979).


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña