22:17 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-05-2012

Estamos a pasar por unha crise xa non só económica, senón tamén ética

Que conten ben, somos máis de cen! Os desinformativos e o fútbol na CRTVG

Valorar (59)

ROBERT NEAL BAXTER



Hai moitas, moitísimas cousas que me irritan profundamente na CRTVG en xeral e na Radio Galega en particular. Destacan, entre outros: o provocador desleixo castrapizante do idioma, sen esquecer que estas persoas que colocan mal o pronome, se equivocan de xénero, utilizan españolismos léxicos e morfolóxicos non son xente calquera, senón profesionais (no sentido de que cobran) da comunicación que canonizan e difunden patróns lingüísticos á súa audiencia; a sarta interminábel de concursos embrutecedores, tamén inzados perfidamente de españolismos innecesarios, como, por exemplo, o propio nome do concurso ‘Rite rite!’ (como ‘casar’, ‘sentar’, etc. o verbo ‘rir’ non é reflexivo en galego) ou a mensaxe coa palabra chave “Vickie el vikingo” ou “Ya lo tengo” que se ten que enviar ao programa para participar; as entrevistas en español (“No te preocupes, nosotros también hablamos castellano”) que poden chegar a ocupar toda a tarde, como se o galego non fose unha lingua digna (sen que isto implique que os temas tratados sexan, por outra banda, sempre dignos de pasar polas antenas dun servizo de comunicación público…); as interrupcións e os comentarios necios d@s ‘xornalistas’ que infestan as sesións de mañá e tarde (se un ten gota, se a outra gusta de tal ou tal sabor…). Seica hoxe calquera que aparece nun medio de comunicación é ‘xornalista’, e iso non fai máis que desbaratar o traballo daquelas persoas que si son boas profesionais, que tamén as hai.      

Mais entre todas estas cousas que me proen, hai unha que me provoca unha particular urticaria. Trátase dunha cuña que para min ilustra non só moitos dos males que infectan o xornalismo galego de titularidade pública (de momento), senón tamén grande parte do xornalismo en xeral. Reza así: “O silencio pode ser moi molesto, cando cho impoñen. As 12 radios autonómicas, agrupadas na FORTA, dedicamos 400 horas semanais a informar do fútbol. Somos 350 profesionais que nos diriximos a 2 millóns de oíntes que agora podedes quedar sen un dereito fundamental: o dereito á información. Radio Galega, servindo os galegos desde 1985”.      

Vaiamos por partes, sen entrar na polémica de se é normal que determinados medios de comunicación non poidan emitir determinados partidos de fútbol sen teren que pagar, que me importa máis ben pouco dentro do panorama social actual:      

En primeiro lugar, non é doado saber o que se entende por estar ao servizo dos galegos. Hai outra cuña que di algo como: “Todo o que pasa en Galicia está na Radio Galega”. Será por iso que foi grazas á Radio Galega que souben que se estaba a celebrar a Feria de Abril en Sevilla… Haberá quen lle interese sabelo, mais coido que xa se lle dá cobertura abondo en todas as radios españolas… A inculcación do ideario españolista enchoupa a programación, repleta de expresións nada inocuas como ‘no resto de España’, ‘aquí en España’, etc. E cando si se repasa o que está a acontecer na Galiza, a manipulación política é notoria.      

Por exemplo, a cobertura das manifestacións do 1 de maio na TVG abre coa manifestación de CCOO/UGT en Madrid, seguida das manifestacións das sindicais españolas na Galiza (total 3:50 minutos), antes de pasar a mencionar de paso que aquí tamén houbo manifestacións convocadas da CIG (menos de 1 minuto: será porque son dous…). Logo a Radio Galega dedicou gran parte da tarde a falar dunha efeméride estreitamente ligada ao día 1 de maio. O día dos traballadores e a reforma laboral, talvez? Obviamente non: o día da beatificación do papa Xoán Paulo II, sobre o cal se acaba de publicar unha novela, en español, comentada en español. E a recuncar co gallo da folga estudantil do 10 de maio: tras repasar as protestas no ámbito sanitario dos ‘principais’ sindicatos, incluída unha mención especial dun hospital de Zaragoza (!), a TVG fala de “concentracións convocadas polos sindicatos de estudantes e apoiados pola plataforma en defensa do ensino público na que se atopan, entre outras (sen especificar), CCOO e UXT” coa participación de “centos de estudiantes (sic.) concentráronse en varios puntos de España […] tamén houbo concentracións nas principais cidades galegas, como esta que vemos en Ourense (por que escoller esa en particular?). Pola contra, en Santiago a convocatoria tivo pouco éxito (imaxe de catro persoas de Militante recollendo unha faixa sen identificar na Alameda)”. Non sei até que punto o éxito era pouco, pois a mesma noticia segue a recoñecer que “milleiros de estudantes convocados pola Liga, Os Comités e Galiza Nova (nesta orde, seguindo o alfabeto, claro…) e contou co apoio da CIG e do BNG (por fin, mencionados polo seu nome!) saíron do Toural” (serán os ‘centos’ antes citados).      

Abofé que o silencio é moi molesto! Non pola razón que se esconde detrás desta cuña, que non é outra que a perda de ingresos xerados pola publicidade. É molesto, e moito, sobre todo cando cho impoñen os medios de comunicación públicos do teu propio país. Mais tamén, ás veces, é preferíbel o silencio á media verdade e á manipulación. A cuña ben podía rematar, máis honestamente, coa apostila: “Servindo os intereses españolistas da Xunta desde 1985”.      

En segundo lugar, non cabe dúbida ningunha de que o dereito á información é un dereito fundamental. É certo que hai noticias relacionadas co fútbol que merecen o rango de ‘información’ de interese público, como, por exemplo, o escándalo da morosidade dos clubs (752 millóns de euros en total), entre os que destaca a débeda con Facenda do R.C. Deportivo de La Coruña (sic.) que ascende a 90 millóns, debido ás continuadas fichaxes millonarias en plena época de recortes e proclamas de austeridade. Agora ben, de aí a confundir a información importante, que afecta a vida das persoas, coa intranscendencia dos resultados do fútbol hai un salto moi grande. Non creo que sexa unha fazaña xornalística, máis ben todo o contrario, dedicar 400 horas semanais a informar dos resultados dun xogo, no canto de utilizar este tempo para explicar o que realmente está a pasar no país e como afecta a xente, misión primordial, entendo eu, de calquera medio de comunicación serio que se prece.      

E é que os deportes impregnan todo, e por ‘deporte’ léase ante todo fútbol, e só algunhas veces baloncesto (cando pode gañar O Obradoiro), tenis (cando pode gañar Rafa Nadal) ou a Fórmula 1 (cando pode gañar Fernando Alonso), etc. Estou farto de que calquera entrevista teña que rematar preguntando de quen é seareiro. No canto de malgastar o tempo preguntando ao ministro ou á conselleira de torno quen pensan que vai gañar tal ou tal partido, sería máis intelixente (e máis profesional) preguntarlles como pensan facer para que o pobo gañe este partido da crise, fronte ao equipo contrario, El Real Club Neoliberal Español.      

O fútbol xa non é unha cuestión de seguir un equipo local ao que se ten un apego particular, senón que a promoción mediática do fútbol, para alén de desviar a atención de cuestións sociopolíticas de maior calado, cumpre unha dupla función desde unha análise nacionalista: fomenta as rivalidades localistas, por exemplo Vigo fronte á Coruña, ao tempo que pecha filas ao redor das mal chamadas seleccións ‘nacionais’. Ambas as mentalidades van en contra, loxicamente, da toma de consciencia nacional. Por algo será que os gobernos españolistas non apostan pola única selección nacional do país, a galega.      

Estamos a pasar por unha crise xa non só económica, senón tamén ética. Para min non é eticamente aceptábel que xoguen a ser as vítimas do silenciamento informativo os mesmos medios de (in)comunicación que se dedican a deturpar a lingua do país, a subverter a realidade e a frivolizar a verdadeira información ao colocar en primeiro plano asuntos triviais co obxectivo de desviar a atención e sacar ferro á potencial resistencia face á ofensiva que estamos a padecer na Galiza nesta crise. Menos mal que xa podemos botar man dun medio escrito de calidade e comprometido co país e a súa lingua para romper este silencio que tanto molesta.


[28-05-2012 16:28] Suso comentou:

Para juntar ainda mais umha sugestom para as/os jornalistas da TVG que lerem isto, chega de nom respeitar a toponímia galega das áreas de fala galega que calham fora da fronteira da comunidade autónoma. Por exemplo, a comarca Návia-Eu tamém é Galiza, e em consequência em galego nom se pode dizer *Vegadeo: é A Veiga.
Seria fantástico se deixassem de empregar a palavra "nacional" com o significado de "estatal", porque sempre caio na trampa e acabo acreditando em cousas que nom som. Qualquer dia ponho o vestido de folhos e a peita para saír à rua, com um caracolinho do cabelo bem colado na testa, convencido de que é o traje nacional; só espero que nom estejam jornalistas da TVG na rua para me entrevistarem.

[28-05-2012 09:16] Xan comentou:

Durante meses, no telexornal do mediodía, ao remate da sección de deportes o xornalista despedíase sistematicamente cun "Aquí deixámolo" que facía renxer os ouvidos. Logo de tanto tempo sentíndoo dicir, ao cabo xa me escomezaba a non soar tan mal. E fixádevos na información meteorolóxica, onde a palabra Galiza xa case nin se nomea, utilizando o sintagma "a nosa Comunidade Autónoma". É alucinante que tente ocultar o propio nome do país, nin sequera temos dereito a existir como realidade xeográfica, e para iso utilizan unha terminoloxía político-administrativa!!
E iso sumado á hiperinflación de novas de sucesos e deportivas, algo que agora é máis evidente coa crise.

[28-05-2012 00:27] Iria comentou:

Por non falar de cando reducen o tempo dos informativos, supeditado ao descanso do partido da xornada. O fútbol manda, a información é secundaria.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña