23:57 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-05-2012

Ao longo de toda a nosa historia, o nacionalismo galego apostou sempre por solucións colectivas, solucións concretas e específicas para os nosos problemas, para os problemas do noso país

Política e solucións colectivas

Valorar (9)

PAZ ABRAIRA SOBRADO



Estamos vivindo unha etapa social realmente complexa, na que resulta difícil darlle resposta a todas as necesidades das persoas. Nunha cidade como Lugo vemos como cada día son máis os que remexen nos colectores de lixo, os que pasan o día nos bancos dos parques públicos e os que piden nas prazas máis transitadas. Pero esta realidade da miña cidade é a mesma realidade de todas as cidades galegas, en maior ou menor número e con maior ou menor incidencia. A conversa é a mesma en todos os lados. O paro, a suba dos produtos básicos, os salarios tan baixos,… Na caixa do supermercado ves a persoas que baleiran os seus moedeiros e contan os céntimos porque xa non teñen nin billetes dos pequenos para poder pagar a súa comida.      

Pero hai quen non quere ver nada disto. De feito hai quen cada día vive mellor. Sorprendeume unha carta ao director nun medio de comunicación galego onde un home se gababa do seu bon facer ao votar ao PP. Sentíase realmente satisfeito e estaba contento porque agora, en plena etapa de crise económica, el e a súa familia podían facer viaxes, saír con máis frecuencia e ter un nivel de vida máis elevado. Non se sentía en absoluto solidario cos que menos teñen. Máis ben todo o contrario. Grazas á pobreza dos demais el tiña máis recursos e vivía mellor, o único importante. Lástima que esta sexa a visión de moita xente, e non só de aqueles que se definen como de dereitas. O falso progresismo imperante nos últimos tempos levounos a pensar que as solucións son individuais, e que mentres eu viva ben, o demais non importa. Non importa que as carencias do básico vaian a máis e que haxa tantos miles de nenos e nenas vivindo por debaixo da soleira da pobreza. Se total, non son os meus nenos, que máis ten!. Até que lles toque a eles. Porque pode pasar, e nese momento non servirán de nada as solucións individuais.      

Ao longo de toda a nosa historia, o nacionalismo galego apostou sempre por solucións colectivas, solucións concretas e específicas para os nosos problemas, para os problemas do noso país. O nacionalismo político, sindical e social está desenvolvendo unha actividade frenética para enfrontar a sociedade coas medidas que os gobernos do PP están adoptando. Por certo, medidas a grande maioría delas iniciadas polo PSOE na súa etapa de goberno aínda que agora vaian de dignos e de esquerdas.      

Pero volvo ao nacionalismo. Vivimos tempos onde a teoría e a práctica non se poden separar, a pesar das dificultades. As propostas que o BNG e a CIG están defendendo nas rúas son as únicas que nos poden permitir saír adiante e levantar ao país. Todo o demais é facerlle o caldo gordo ao PP, un PP que non sabe moi ben cando celebrar as eleccións, pero que o vai facer cando máis lle conveña e non cando Galiza o necesite. A súa aposta é pola perpetuación das súas teorías: defensa dos ricos e dominio dos pobres. Porque xa o dicía o señor da carta, canto máis pobre é a maioría, máis ricos somos uns poucos.      

Estes días estase desenvolvendo a campaña en defensa da banca pública galega, que está tendo unha excelente acollida entre a xente máis diversa. Unha aposta de futuro. Unha aposta novedosa aínda que exista en tantos países. Unha aposta que nos diferenza dos demais e que incide no fundamental para saír da crise, a defensa e posta en valor dos nosos sectores produtivos. Se non producimos non imos baixar o paro, e se non baixa o paro e non suben os salarios non podemos consumir. E cada día serán máis os que remexan entre o lixo. Apostas como a da banca pública son unha parte da solución.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña