00:27 Martes, 07 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-05-2012

Galiza foi para os irlandeses un lugar de acollida

Meus irmáns os irlandeses

Valorar (28)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS



Meu avó, quen me ensinou a fabular, sempre me dicía mentres sinalaba cara o norte infinito do mar que se me fixaba moito podería chegar a ver como as mulleres en Irlanda tendían a roupa. Nunca fun capaz de conseguilo aínda que o intentei ben veces. No ano 1921 Vicente Risco publicaba na revista Nós, un artigo titulado Irlanda e Galiza, no que falaba de Breogán, aquel rei dos brigantes, fillo de Braha, neto de Deyaha, descendente daquela nobre raza dos Gael, responsable da construción do faro Brigantino na Coruña, dende o cal o seu fillo Ith divisara, nun craro serán de inverno, a distante terra de Irlanda. Foi este descubrimento casual o que motivou unha expedición cara esta nova terra, encabezada polo fillo de Breogán quen dirixía unha poderosa armada. Pese a ser ben recibido nun primeiro intre polos poboadores de Irlanda acabarán por matar a Ith, o que provocaría a vinganza de Breogán. Este, acompañado de varios dos seus fillos e dun poderoso exército de galegos, acabará derrotando aos Firbolg e aos Danand  e asentarase en Irlanda, que dividirá entre os seus fillos Eber e Eremón.      

Tanto nas lendas narradas por Risco como no conto de meu avó podíase entrever a existencia dunhas relacións con Irlanda dende os albores da nosa historia que quedaron patentes na nosa cultura, que nos facía ver ese país coma un lugar próximo e irmán.      

Antón Raúl de Toro Santos, no seu libro Literatura irlandesa en España, afirma que esta vinculación galego-irlandesa, rexurde entorno ás reunións que mantiñan os membros da Cova Céltiga. Estes buscaban novos heroes para a nazón que estaba a nacer atopándoos na mitoloxía irlandesa, en concreto no  Lebor Gabala Erenn, tamén coñecido como “Libro das invasións”. Unha obra escrita en Irlanda na que se falaba da conquista desta país polo fillo de Breogán.      

Non foron os membros da Cova Céltica os primeiros en plasmar por escrito esas relacións que se mantiñan con Irlanda. No ano 1733 o historiador Huerta y Vega editaba a súa obra Anales del Reino de Galicia, na que relataba a conquista de Inglaterra, Escocia e Irlanda por parte dos galegos. Este historiador coñecía o segundo volume do Árbol cronológico de la Santa Provincia de Santiago, obra escrita polo franciscano Xacobe de Castro no ano 1727 e que titula o seu capítulo Irlanda, hija de Santiago. Este historiador afirma que foran os franciscanos os encargados de cristianizar esas terras, coas que xa nos unía un pasado común, en concreto cita ao rei Gatelo, chegado de Exipto a Galiza na que se asenta e vive ata o momento en que viaxa a Irlanda para conquistala. Esta historia mitolóxica aparecía tamén na  Historia de Galicia, do xesuíta Benito Vázquez, aínda que nesta o rei Gatelo era ateniense.      

Tanto na lenda de Gatelo como na de Breogán o noso país é o punto de partida para a conquista e colonización irlandesa.      

O tamén xesuíta Álvarez Sotelo (1648-1712), profesor no Colexio dos Irlandeses de Santiago de Compostela, escribiu unha obra titulada Libro primero de las antiguedades del antiquísimo, nobilísimo y catolicísimo Reyno de Galicia, na que aborda o tema da conquista irlandesa por parte dos galegos, tal vez, despois de escoitalo moitas veces entre os seus alumnos irlandeses.      

Recollen estas obras do XVIII galego unha idea moi estendida no século XVI, lembremos a carta que o capitán Diego Ortiz envía ao emperador Carlos I, quen despois de levar varios anos vivindo en Irlanda escribe “dizen los irlandeses que aquel reino le toca a vuesa magestad por ser su origen en la antiguedad de España, parte de Galicia y parte de Vizcaya”.      

Estas relacións de amizade na que ambos países se contemplaban como un mesmo foron as que motivaron que Galiza se convertese en lugar de acollida dos refuxiados irlandeses, sobre todo tralo cambio de relixión e a conseguinte persecución que padecen os católicos.      

Moitos destes exiliados eran de familias nobres, eran dos poucos que se podían pagar a viaxe,  ocupando en Galiza cargos tanto no exército coma no clero, entre os que destacaba aquel grupo de doce elixidos que en Santiago fundarán o Colexio dos Irlandeses.      

Na Mariña de Lugo temos constatada a presenza de varios destes irlandeses. Sabemos que no ano 1540 no mosteiro de San Martiño de Mondoñedo “ vibe en el el obispo de Irlanda don Juan de Buenaventura que tiene arrendado el dicho monasterio e sus rentas a los señores del cabildo de Mondoñedo”, trátase da única referencia documental a este bispo. Mellor sorte tivemos cos casos dos O’Kelly e dos O’Connor. A primeira familia acabou casando en Ribadeo, destacando Catalina O’kelli, mentres que a segunda casa con membros da familia Pedrosa de Cervo, os seus apelidos irlandeses acabarán desaparecendo.      

A  maioría dos irlandeses exiliados acabaron asentándose na cidade de Santiago. O concello tivo que buscar quen lle prestase cartos para facer fronte aos gastos ocasionados por este continxente. Non moito mellor o estaba a pasar a cidade da Coruña, na que se acollera a máis de 1000 homes, aos que habería que sumar mulleres e nenos. A estancia destes exiliados dende o 21 de setembro ata o 18 de novembro do ano 1653 custoulle ao concello coruñés a cantidade de 73.741 reais. Semellante era a situación en Ribadeo, onde se albergaban no ano 1663 un total de 850 soldados que con  mulleres e nenos e a oficialidade sumaban 1100 persoas, que tiñan un custo diario para a vila de 1.500 reais. Son varios os exemplos de como o noso país soubo acoller aos seus irmáns do alén do mar.      
Galiza foi para os irlandeses un lugar de acollida, pero tamén foi o lugar do que partiron as dúas expedicións que tiñan como fin liberar Irlanda, a dirixida por James Fitzmaurice Fitzgerald  dende o Ferrol en 1578 e a que sae da Coruña no ano 1580 baixo o mando de Xoán Martínez de Recalde.      

Descoñezo se nos unen con Irlanda lazos sanguíneos ou soamente culturais pero é innegable que ao longo da nosa historia fomos dous países irmáns. Porque cando se fala dun país invadido, ao que se lle impón unha lingua distinta, no que os postos claves do goberno son ocupados por nobres foráneos, no que a súa poboación é obrigada a emigrar, no que os que se quedan nel son perseguidos polas súas ideas, pola súa lingua, polo amor ao seu país, pódese estar a falar tanto de Galiza como do seu país xemelgo, Irlanda.


[14-05-2012 12:13] Breoghain comentou:

Parabens polo artigo.[Eu também tenho entre os meus ancestros para além de galegos e portugueses um refugiado irlandês emobora como se diz neste artigo os apelidos irlandeses foram desaparecendo]

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña