07:25 Domingo, 29 de Marzo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-05-2012

Reivindicarmos A Coruña como cidade absolutamente galega

E o Gremio de Mareantes da Coruña voltou ao adro da súa igrexa

Valorar (23)

FRANCISCO XOSÉ REI GARCÍA



Esta pasada sexta feira puidemos asistir na Coruña a un deses acontecementos que ben podemos cualificar de históricos: un fato de persoas afoutas e inquedas, desas que non se conforman coa aparente tranquilidade do existente, decidiron botarse ao camiño da reconquista dos espazos da nosa memoria máis esquecida. Recuperaron e intepretaron, nada menos, o son da danza do antigo Gremio de Mareantes da Coruña, o máis importante e puxante da nosa cidade na Idade Media. Non foi posíbel –polo de agora –recuperar ao completo esta xoia artística: as ordenanzas do Gremio, que se crían perdidas logo do incendio que seguiu ao asedio inglés comandado por Drake en 1589, especifican que a danza debe ser bailada por corenta mariñeiros novos armados coas súas correspondentes espadas. A crise que golpea o noso porto –especialmente na súa parte pesqueira –fai que hoxe non sexa doado atopar na baixura a cantidade necesaria de bailadores. Porén, non perdamos a esperanza, pois de seguro que é posíbel axeitar a norma para que a fermosa tradición de os mariñeiros danzaren na honra do seu patrón, Santo André, poida voltar para ficar 400 anos despois. Non o impedirá, neste caso, que a igrexa dos mareantes xa non estea na ribeira, xunto ás murallas, ou que no seu actual emprazamento –cando menos, segue no barrio da Pescaría! - estea ocupada polo exército español coa pomposa denominación de “Capilla Castrense”.      

A pasada sexta feira deuse un paso de xigante, irreversíbel, na recuperación da memoria da cidade que naceu do mar, ligada ao mar ten a súa historia e no mar ha ter necesariamente o seu futuro. Así gusta de o repetir sempre que pode o noso incansábel veciño, amigo e compañeiro en millenta singraduras de todo tipo, Xurxo Souto, para se referir á Coruña. Foi el –non podía ser outro –un dos impulsores desta fermosísima iniciativa, que tivo como elo condutor reivindicarmos a plena galeguidade da nosa urbe. Máis do que iso: reivindicarmos A Coruña como absoluta capital da lingua galega. Porque ademais de ao mar, a nosa historia está tamén ligada á lingua: á súa constante reivindicación e recuperación, desde o século XIX até os nosos días. Nesta empresa colaboraron tamén moi activamente os rapaces da Cova Céltica, auténtico epicentro da galeguidade coruñesa máis actual, e os componentes d’Os Tres Trebóns e os Homes sen Medo, a formación en que se xunguiron as experiencias musicais dos Diplomáticos de Monte Alto e dos Papaqueixos, conxuntos musicais referenciais do rock bravú made in feito na casa que a moitas e a moitos de nós nos abriron os ollos á nosa realidade máis próxima, tamén no musical. A absoluta galeguidade da cidade continúa viva neles: Antón Díaz, Fran Amil, Brais Maceiras –o Lóstrego de Elviña-ou Pedro Villarino, por citar só e de memoria algúns nomes. Na mesma cidade, esa noite, e aínda que noutro lugar, actuaba con Uxía a voz e alma creadora de Sés: María Xosé Silvar, tamén de aquí, para a Galiza toda, para o mundo e para a galaxia enteira.      

Antigo pórtico da igrexa do Santo André (A Coruña)

Dos Diplomáticos de Monte Alto aos Vicentes de Elviña; dos Papaqueixos a Ultraqans e a Sés; de Curros Enríquez a Luísa Villalta, Pilar Pallarés ou Yolanda Castaño –a quen nacionalizamos coruñesa do barrio da Gaiteira, co seu permiso; A Coruña reloce unha galeguidade orgullosa e sen complexos no máis fondo, espontáneo e orixinal de si mesma, precisamente nesa dimensión que máis se afasta de tópicos e clixés tan intereseiros como prefabricados. Os mesmos que esta pasada sexta feira tentaban impedir que o Correlingua chegase á Coruña ou facían reaparecer o L en cartelaría oficial do Concello paga cos impostos de todas e todos os veciños da cidade, tamén das e dos galegofalantes, non conseguiron o seu propósito: case 5000 mozas e mozos da cidade e contorna bourearon ao pé da Torre que o galego non ten medo –visita dos Príncipes de Asturias mediante.   

En chegando a noite, ao tempo que a Noche Blanca cosmopailana da Área Comercial Obelisco facía augas –deberían saber que as noites de maio da Coruña non son necesariamente como as de Madrid –nós comezabamos o noso periplo cantando o maio no palco da música do Recheo, coa estatua de Curros Enríquez erguida por Asorei á nosa frente, fixemos que a música dos Mareantes volvese soar no adro de Santo André e acabamos cantando o Como o vento de Radio Oceáno e o Eu quero ser gaiteiro. Mollarémonos as veces que cumpra. Foi só o comezo.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña