09:03 Xoves, 20 de Xaneiro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-04-2010

A oralidade xoga un papel fundamental na creación e construción do patrimonio cultural

A tradición oral

Valorar (4)

ISABEL PÉREZ GONZÁLEZ



A tradición oral foi sempre fonte de información da historia e costumes dun pobo. A oralidade defínese como a transmisión oral dos coñecementos almacenados na memoria humana. Antes da aparición da escrita todos os saberes eran transmitidos mediante a lingua falada. A través de relatos, lendas, contos e cancións transferíase a cultura, a experiencia e as tradicións  dunha sociedade. Dende que a humanidade comezou a comunicarse mediante a fala, ao ser o medio de comunicación máis rápido e doado, a oralidade permitiu a transmisión de coñecementos. Mais a oralidade está en continua transformación e cambio, moldea as súa estruturas, constantemente se enriquece de novos elementos e perde outros contidos.  A oralidade, polo tanto, supera o seu aspecto verbal e as palabras relaciónanse cos xestos e obxectos aos que se liga de xeito imbricado. É dicir, a oralidade é un dos factores principais daquilo que denominamos cultura.

A oralidade xoga un papel fundamental na creación e construción do patrimonio cultural, ben material ou inmaterial, que non estivo o suficientemente valorada porque comunmente se asociou o patrimonio ao produto final, o monumento ou obxecto, e deixáronse de lado os compoñentes da súa produción, sen ter en conta a experiencia que lles deu forma. Deste xeito amplíase a idea de patrimonio a calquera manifestación dunha práctica cultural.

Segundo a UNESCO, "enténdese por patrimonio cultural inmaterial (PCI) os usos, as representacións, as expresións, os coñecementos e as técnicas -xunto cos instrumentos, obxectos e espazos culturais quen lle son inherentes- que as comunidades, os grupos e nalgúns casos os individuos recoñecen como parte integrante do seu patrimonio cultural. Este patrimonio cultural inmaterial, que se transmite de xeración en xeración, é recreado constantemente polas comunidades e grupos en función da súa contorna, a súa interacción coa natureza, a súa historia, infundíndolle un sentimento de identidade e continuidade e contribuíndo así a promover o respecto da diversidade cultural e a creatividade humana" (Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial).

A lingua, sendo esencial para a maioría das formas do patrimonio cultural inmaterial, éo especialmente para o ámbito das tradicións e expresións orais, xa que cada lingua dá  forma e substancia aos seus propios contidos.  A desaparición ou a perda de uso dunha lingua conduce forzosamente á perda de tradicións e expresións orais. Do mesmo xeito é nas expresións orais e na súa utilización social e cultural onde mellor pervive cada lingua. As linguas mantéñense vivas en refráns e adiviñas, coplas e contos, lendas e cancións.

En Ourense, coincidindo coa festa do Magosto, no vindeiro novembro vaise celebrar a Conferencia Internacional da Tradición Oral: oralidade e patrimonio cultural inserida dentro do proxecto europeo Oralities. O concello de Ourense participa xunto coas cidades portuguesas de Évora, Idanha-a-Nova e Mértola, a italiana Ravenna, a maltesa Birgu e a búlgara Sliven no programa da Unión Europea Oralidades. Este programa ten como finalidade o diálogo intercultural entre distintos países do sur de Europa, co fin de xerar cohesión social e reforzar os compoñentes dunha cidadanía europea. Oralidade e construción de identidades locais, oralidade, música e literatura, oralidade, socialización e educación, mulleres e outros axentes de socialización e valor cultural das fontes orais son os cinco bloques temáticos obxecto destas xornadas.

Haberá ocasión para reflexionar sobre a importancia da oralidade na construción da nosa identidade, para pór en valor a música e a literatura que nos son propias, para reivindicar o papel das mulleres como principais axentes nos procesos de enculturación e socialización, mais haberá tempo tamén para lembrar que é a lingua o elemento fundamental que nos define, patrimonio de nós e que como Manuel María cantou en As rúas do vento ceibe:

É a patria
a esencia máis nosa
a creación común
meirande e poderosa.
O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña