05:55 Martes, 26 de Marzo de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-05-2012

Catro cafés non son nada segundo para quen

Catro cafés

Valorar (55)

MARICA CAMPO



Houbo, nos primeiros anos da democracia,  un alcalde moi señorito nun concello da montaña de Lugo. Contan que, estando nun bar un día de  feira,  se lle achegou un paisano insistíndolle en que tomase algo, que corría da súa conta. Nunca tal fixera, porque o convite ascendeu a cincocentas pesetas cando un viño non chegaba a cincuenta por aquela época. Seica o escaldado home se preguntaba que bebería don Fulano para custar tanto. Recordaba que a marca tiña  que ver cunha cabra, chiba, ou algo así, mais debía entender pouco de wisky, porque en todo momento falaba do viño que pedira o alcalde.

Coñezo ao daquela bebedor de wisky e estou certa de que o último que se lle pasaría pola cabeza sería abusar da boa intención do veciño agasalleiro. Simplemente demandou a bebida que lle era habitual, coa naturalidade dos que se moven nun determinado nivel.

Con esa mesma naturalidade se expresou o conselleiro de Sanidade do goberno de Castilla-La Mancha para referirse ao mal chamado copago das receitas: “Ao pensionista que máis lle van custar as medicinas ao mes, van ser só oito euros. Oito euros son catro cafés”. Non sabe o señor Echániz, asemade portavoz do PP en materia sanitaria, que a maioría dos xubilados non se poden permitir o luxo de tomar cafés onde llelos cobren a dous euros. En realidade, tal como se lles están poñendo as cousas, mesmo terán que se coutar de consumir nada fóra da casa, aínda en lugares onde os prezos sexan máis alcanzábeis. Pero o dos cafés non é o problema. Ou si se os tomamos como unidade de medida, seguindo a proposta do Conselleiro de Cospedal.

Daquela, cantos cafés vale unha prótese para os pensionistas que deberán abonar até 120 euros por algunha delas? A conta é doada. Total, non son máis que sesenta cafés dos que toma o Conselleiro. E o transporte sanitario non urxente? (Porque resulta que facer hemodiálise, acudir a radio ou quimioterapia e ao control do Sintrom, por máis que diso dependa a vida, non é urxente). Poñámonos no caso da hemodiálise, tres veces por semana. O dez por cen da viaxe pode ascender a cinco euros.

Multipliquemos por tres e despois por catro ou por cinco, segundo os meses. Sesenta ou setenta e cinco euros, trinta ou trinta e sete cafés. Tampouco é tanto, verdade? No peor dos casos, un pensionista, nun mes aciago en que algunha caída o obrigue a mercar muletas e/ou cadeira de rodas, aforrará de tomar cento e pico de cafés, prezo Conselleiro de Castilla-la Mancha. E, como non hai mal que por ben non veña, así nolo recordan cada día para lle tirar ferro aos recortes brutais, o xubilado ou xubilada durmirá mellor sen tanta cafeína da cara.

A realidade, e xa falando en serio, é que os que cobran máis de tres mil euros ao mes descoñecen que é imposíbel pagar, moitas veces con menos de seiscentos, luz, auga, a miúdo aluguer de vivenda, alimentos e xa non falemos de telefonía ou axuda doméstica.

Mais o caso é que lles cadren as contas, as deles, malia que lle esixan ao sufrido cidadán a cuadratura do círculo. E, como a fórmula desta, que eu saiba, aínda non se inventou, os pobres irán a máis na mesma proporción en que a xustiza distributiva vaia a menos.

Oxalá que ao señor Conselleiro dos malos consellos, a el e aos do mesmo pensar, se lles atragoen os seus cafés de dous euros. Que lles produzan taquicardias mentres non vexan as necesidades alí onde as hai. Porque é evidente que prefiren pousar nos máis débiles o prezo dunha crise que fabricaron outros. E que non se desculpen a falar de proporcionalidade. Eles, que con frecuencia presumen de católicos, deberían coñecer o episodio do óbolo da viúva que narra o Evanxeo e saber así que o valor do diñeiro é inversamente proporcional á cantidade posuída. Catro cafés non son nada segundo para quen.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña