23:06 Luns, 06 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-04-2012

Lugo, a nivel municipal, vai padecer en todos e cada un dos seus concellos os graves efectos dos recortes sociais

Efectos sociais dos recortes

Valorar (6)

PAZ ABRAIRA SOBRADO



Estes días puidemos comprobar como para o PP os orzamentos non teñen ningún valor, non son máis que papel que terma dunhas cifras que modifican día si e día tamén ao seu antollo. A Xunta aprobou unhas contas que xa modificou cando menos no que teñen a ver coas aportacións aos concellos, ben sexa en infraestruturas ben en temas sociais. E o PP a nivel estatal fai o mesmo. Dan unhas cifras e 3 días despois din que hai que recurtar 10.000 millóns de euros en educación e sanidade, competencias transferidas ás comunidades autónomas, o que implica no caso galego novas modificacións no aprobado para este ano.  

Pero o máis grave non é que nos tomen (aos cidadáns) por parvos. O máis graves é que estes recurtes van causar un fondo efecto nos nosos concellos, fundamentalmente naqueles máis rurais e con menor poboación que son tamén os que menos recursos teñen.  

O PP desde a Xunta acaba de anunciar que non vai colaborar cos concellos de menos de 20.000 habitantes (todos os da provincia agás a capital) para manter a axuda a domicilio como viña facendo até agora. A razón alegada é a situación económica, a pesar de que xuraron e perxuraron que non se ían aplicar máis recortes nesta materia. Haberá a quen lle pareza un feito pouco grave, pero a realidade é ben diferente. Para moitas persoas maiores a atención a domicilio (a pesar das moitas melloras que precisa) non significa contar con alguén que lle faga as cousas domésticas. A atención a domicilio é a seguridade de que alguén vai pasar pola súa casa unha vez á semana como mínimo e vai comprobar se sigue vivo/a. Desgraciadamente é así de duro e de triste, porque son moitas as persoas que viven completamente soas e illadas e que non contan con ninguén que mire por elas.  

O que fai o PP con esta actuación non é só reducir un xa mínimo servizo público. É moito máis. O que fai é eliminar o único contacto humano existente para moitas persoas, esa ínfima axuda que os mantén unidos á vida. E fano sen que lles trema a man.  


E como non era bastante, deciden tamén impoñerlle un imposto á enfermidade e establecen que os pensionistas (120.000 na provincia de Lugo, o 35% da poboación total) van ter que pagar polos medicamentos, cando cobran as pensións máis baixas de todo o Estado. E nesta espiral de redución de dereitos e prestacións, eses mesmos pensionistas, moitos deles/as enfermos crónicos, van ter que pagar polo transporte sanitario que os leva a rehabilitación, ou a diálise, e tamén van ter que pagar polas próteses.  

E xa non falemos do que vai pasar cos emigrantes, que nunha escalada xenófoba (e despois falan da extrema dereita francesa) van perder todos os seus dereitos sanitarios básicos, quedándolles só a atención de urxencia en casos moi graves.  

Con estas accións camiñamos día a día cara un ermo social, sen servizos públicos que lle permitan a xente residir nos seus lugares de orixe. Servizos básicos sen os cales nos imos retrotraer á vida de fai 50 anos, unha vida ben dura para moita xente.  

E ante todo isto xa nin resulta sorprendente o silencio de alcaldes e alcaldesas do PP que asumen sen máis estas políticas que van deixar aos seus veciños totalmente desamparados. Resulta que lles parece máis grave e preocupante o tema das fusións de concellos (e para iso si que son capaces de constituír plataformas) que as carencias sociais que está creando o seu partido coas súas políticas.


----------------------------------------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
----------------------------------------------------------------------------------------------

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña