01:31 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-04-2012

Está todo inventariado, catalogado e ao servizo dos investigadores?

Arquivos policiais e a Nova Canción Galega

Valorar (16)

XAN FRAGA RODRÍGUEZ



O Fondo do Goberno Civil do Arquivo do Reino de Galicia garda documentos de valor extraordinario para o estudio da etapa franquista e máis concretamente da represión. Creo que non ocorre o mesmo cos outros fondos das provincias galegas. Houbo na chamada transición (e máis adiante, hoxe incluído) moita destrución de papeis importantísimos para investigar a represión franquista en Galicia e os sistemas de información, máis tamén houbo simplemente espolio e roubo de documentos que pasaron a mans privadas e sempre deberían estar nos arquivos públicos. Ademais dos indispensables  arquivos militares e da  Garda Civil temos que os arquivos policiais foron trasladados a Madrid. Ou iso din. Todo? Todo o da Xefatura Superior de Galicia foi para o Arquivo Histórico Nacional en Madrid? Está todo inventariado, catalogado e ao servizo dos investigadores? Todo o relativo a Galiza, o que queda, está tan disperso que fará falta o fío de Ariadna. O Arquivo Militar Territorial na Coruña, Zona Marítima do Cantábrico en Ferrol, O da Guerra Civil en Salamanca, outro Militar en Segovia, o da Administración Xeral en Alcalá de Henares e incluso o da Armada en Viso del Marqués, que tantos recordos me trae de tempos de milicia obrigatoria e onde compartimos, en Ciudad Real,  con Barreiro de Brais Pinto unhas xornadas de ledicia recordando a Lorenzo Luzuriaga e con Tuñón de Lara de mestre de cerimonias.                

Diciamos algúns arquivos máis habería que engadir os da Falanxe, con moitas información relevante, ou o da Igrexa, sempre cómplice e con informacións e chivatazos que foron letais para moitos demócratas. En fin debemos recuperar toda a documentación, cando menos dixitalizada e centralizada no noso país.              
Por centrarme agora brevemente só no tema da Nova Canción Galega, diremos que foi obxecto constante e sistemática de investigación e sinalan que non deben permitírselle as actuacións en público (ver documento 1). Poñamos algún exemplos. Cando se presentou Voces ceibes no Capitol de Compostela (1 decembro 1968) o mesmo día informa a policía mediante un telefonema (número 3.058, Carpeta Galleguismo, G-4401) de como discurriu o mesmo, dando todo tipo de detalles dende o que dicían as mini octavillas (Venceremos nós, E tempo de loitar, Viva Galicia ceibe e socialista, Libertade para Galicia, Universidade non clasista...) ata que un estudante tomou a palabra para informar dos 19 estudantes expediantados (incluído el mesmo).              

Noutro informe policial (ver documento 2) faise referencia ao acto do grupo catalán Falsterbo. Sobre o mesmo grupo e a Sociedade Bertón máis adiante a Brigada Social di que este conxunto formado por Amadeo Bernabet Castello, Montserrat Domenech Girbau e Eduardo Estivill Pancho, interpretou: “canciones en catalán y en gallego siendo algunas de ellas del poeta filocomunista Celso Emilio Ferreiro Miguez. A este grupo le acompaña un grupo de chilenos, llamados Gabriel Salinas Victoria Torres. Ambos nacieron en Chile y residen en Bruselas, donde estudian Ciencias Sociales. Según sus manifestaciones a los periódicos, “cantan gratis; hablan de amor, amor a la tierra, amor a los hombres que la trabajan, a los dueños legítimos de esa tierra; sus canciones hablan de odio, odio hacia aquellos que la venden “como si fuera un alfiler”. Cantan al indio, a la sangre derramada, a la que, todavía, habrá que derramar (Voz de Galicia del 27-8-1969). Estos chilenos hace un par de años dieron algunos recitales en Barcelona, tomando contacto con el grupo de la canción catalana”.              

Engade a continuación que  “La sociedad Berton, con unos 500 socios,  está llena de  comunistas,  filocomunistas… siendo el vicesecretario el que dirige todos los actos, Jesús Díaz Díaz residente en Fene y muy sospechoso de ser del Partido Comunista.            

O amigo Suso Díaz aparece tamén en moitas das informacións policiais a propósito dos sucesos de marzo de 1972. Mais diso falaremos noutra ocasión.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña