10:26 Domingo, 26 de Marzo de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-04-2010

Luís Seoane naceu en Bos Aires e morreu o 5 de abril de 1979, hai 31 anos, na Coruña. Ese día morría a persoa que máis contribuíu á divulgación da nosa cultura despois de 1936

Luís Seoane, mar por medio

Seoane é unha das figuras máis relevantes da nosa historia pois manifestou un compromiso total con Galiza.

Valorar (26)

MÓNICA PAZOS MARTÍNEZ


Luís Seoane


Este ano celebramos o centenario do nacemento de Luís Seoane o que se converte nunha boa ocasión de achegármonos á súa obra e á súa vida. Seoane é unha das figuras máis relevantes da nosa historia pois manifestou un compromiso total con Galiza.

Luís Seoane naceu en Bos Aires e morreu o 5 de abril de 1979, hai 31 anos, na Coruña. Ese día morría a persoa que máis contribuíu á divulgación da nosa cultura despois de 1936. É o continuador de Ánxel Casal  pois no exilio, en Bos Aires, será o artífice de centos de publicacións, a maioría relacionadas con Galiza.

Antes de 1936 colabora en Yunque, Resol, Nós, Claridad ou Ser. Nesta época realiza as primeiras exposicións,  participa no Partido Galeguista,  acode á imprenta Nós de Ánxel Casal, ilustra libros e deseña un cartel para a campaña do plebiscito do Estatuto de autonomía.

En 1936 exíliase en Bos Aires onde leva a cabo un traballo incansábel na divulgación da nosa historia, cultura e realidade. En 1937 publica o seu primeiro libro  Trece estampas de la traición e en 1938 é un dos autores do libro Galiza baixo a bota de Franco que se publica en español e francés con información sobre os primeiros meses do levantamento militar e as súas consecuencias en Galiza.

Xunto con outros exiliados como Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela, Rafael Dieste, Blanco Amor e Castelao desenvolve unha actividade cultural na que acada unha gran importancia a edición de libros. A través das editoriais Emecé, Nova, Botella al Mar, Nós, Ánxel Casal, Alborada, As Burgas, Citania, Cuco Rei ou Edicións Galicia Luís Seoane continuará o labor de concienciación tan importante para o nacionalismo galego.

As cruces de pedra na Galiza de Castelao, O libro dos amigos de Otero Pedraio ou A esmorga de Blanco Amor  deben moito ao labor de Luís Seoane.  El foi un dos responsábeis de que a literatura galega non deixara de existir en momentos tan críticos como a inmediata posguerra.  En xullo de 1948 organiza e monta con Castelao e Rodolfo Prada unha exposición sobre libros galegos que terá unha gran repercusión entre os galegos e as galegas e a sociedade arxentina.

A importancia de Seoane como editor aparece recollida nos relatorios do I Congreso da emigración galega de 1956: "E tratándose de ediciós de libros galegos na Arxentina, non se pode deixar de rexistrar i eisaltar como exempro, a eistraordinaria laboura de Luis Seoane, quen, amáis de producir validosas obras literarias e artísticas, ven sendo afervoado propulsor da pubricazón de libros galegos".

O exilio galego a través de diferentes publicacións manterá informada á colectividade galega da realidade da nosa nación e contribuíra a manter e difundir a cultura e a lingua galega. Luís Seoane foi o responsábel de varias revistas como Galicia emigrante e Correo literario. Durante 17 anos dirixe o programa de radio Galicia emigrante para o que fai as crónicas dun gran sentimento patriótico.

A súa obra literaria componse de dous libros de teatro, A soldadeira e O irlandés astrólogo; e catro libros de poesía: Fardel de eisiliado, Na brétema Sant-Yago, As cicatrices e A maior abondamento que teñen como temáticas a denuncia social e os problemas da emigración. O seu primeiro libro de poesía Fardel de eisiliado é dos primeiros libros de temática social da nosa literatura despois de 1936.

Ramón Piñeiro en 1958 acusa a Seoane de marxista e dille que "a confusión arte-literatura-loita de clases-revolución, que estaba en voga cando eran rapaces, é hoxe puro anacronismo e pura propaganda".  Seoane respóndelle con claridade: "vivo a miña época" mais "defendo as nosas verdades de entón porque continúan sendo verdades", "a xusticia social como tema ten de encher aínda moitas páxinas, unhas boas e outras coma ti dis propaganda", porque "a súa novidade ten polo menos os séculos do Novo Testamento".

A faceta máis coñecida de Seoane é a de pintor. A partir dos anos corenta vai crear unha obra extraordinaria que será recoñecida en todo o mundo. En 1945 o seu libro Homenaje a la Torre de Hércules é galardoado en Nova York xunto á Histoire Naturelle de Buffon, ilustrada por Picasso. A pintura vai acompañada do seu labor como gravador e autor de murais.

Outra das facetas destacadas de Luís Seoane é o seu labor como ilustrador. Fai ilustracións e portadas para os libros que el edita e para moitos relacionados con Galiza. Ademais tamén é ilustrador de moitos títulos das editoriais arxentinas  Losada, Poseidón, Sudamericana ou Atlántida.

Igual que nas outras facetas tamén puxo a súa arte ao servizo de Galiza. É o autor do relatorio "Encol dun Museo de Arte circulante" do I Congreso da emigración galega onde afirma que "estudar a historia das nosas artes é un xeito de estudar a historia de Galicia, a máis de ser útil pra coñecer o máis seguro xeito de eispresión dos galegos". Tras a morte de Castelao, Luís Seoane recolle en Castelao artista  a faceta artística do líder nacionalista.

Desde 1936 desenvolve a súa actividade principalmente en Bos Aires mais tamén colabora en moitas actividades culturais de Galiza. Entre elas, participa na fundación do Laboratorio de Formas de Galiza que vai ser a orixe de Ediciós do Castro, do Museo Carlos Maside de Sada e de Cerámicas Sargadelos e relaciónase cos membros de Brais Pinto e da UPG.

En 1968 nunha carta a Neira Vilas cóntalle: "Mais todo está cambiando en Galicia e moita xente moza está renovando as mentalidades detidas no tempo. Estanse facendo cousas interesantes e destacándose xentes novas de verdadeiro valor que a un danlle pulos pra o traballo". En 1976 afirma: "Hai unha mocedade preocupada e extraordinaria en moitos aspectos, renascen, así se pode afirmar, o idioma, búscanse os libros galegos e afirman en actos a sua existencia. Eu estou con eles".

As diferentes facetas de Seoane mostran unha persoa cun grande entusiasmo, dignidade e compromiso que desenvolveu unha actividade continua de reivindicación de Galiza. O centenario do seu nacemento debe contribuír a coñecermos máis esta figura esquecida.


[08-04-2010 ] Elisa comentou:

Bon artigo e moi oportuno. Bota-se en falta a Maruxa, ela colaborou e apoio a Luis. Mais iso para outro artigo.

[07-04-2010 ] victor comentou:

a Fundación Seoane na Coruña
http://www.luisseoanefund.org/fundacionls/gl
leva tempo realizando exposicións temporais e permanentes sobre a súa obra.
tamén fai un bo traballo na didáctica da arte contemporánea, aberta a moitas actividades.
o propio edificio é un bo exemplo de arquitectura contemporánea.

[05-04-2010 ] Rosalia comentou:

Excelente e clarificador artigo!!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña