03:16 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-04-2012

O noso traballo é estar constante e consecuentemente ao lado das clases populares, nas institucións e na rúa, e pular alí onde podamos, por exemplo na administración local ou provincial, na oposición ou no goberno

A situación é dramática. ¿Qué podemos facer os nacionalistas?

Valorar (26)

XOSÉ FERNANDO VARELA PARADA



-----------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
-----------------------------------------------------------------


A situación é dramática, estamos a vivir unha das peores épocas dos últimos 30 anos, aos recortes constantes do Goberno, ou desgoberno, do sr. Feijóo, sumamos agora a política antisocial e contra as maiorías sociais do Goberno Rajoy, o goberno do Estado adoptou medidas que non contribuirán a saírmos da crise, e iso eles o saben moi ben.        

Conxelando os salarios e incrementando a xornada laboral dos empregados públicos, non se contribúe a saír da crise, mais ben todo o contrario, reducírase o consumo e o máis prexudicado vai ser o comercio local, os pequenos comerciantes e autónomos, tamén van sufrir esta crise de xeito contundente.        

As pensións increméntanse tres veces menos que o IPC, isto supón perda do poder adquisitivo para os pensionistas, e debemos ter en contra que moitas veces, esas pequenas pensións colaboran coa economía de toda a familia para tratar de chegar a fin de mes.        

O “Goberno de España” tampouco xera emprego en servizos públicos básicos como sanidade, educación, etc, coa conxelación por decreto da taxa de reposición de prazas públicas. Recórtanse miles de millóns de euros entre diferentes ministerios, podemos destacar a forte retroceso en políticas de I+D, política moi necesaria para xerar emprego e poder saír da crise. Incrementan o IRPF. Atacan o sistema de benestar sobre todo en dependencia.    

E poderíamos seguir así, a lista de recortes e da mal chamada “austeridade” é interminábel, a situación é dramática. Non contentos con todo isto, atrévense a falar de que os recortes poden chegar a “tocar todo”, incluso sanidade e educación, e digo eu, como senón estiveran xa “tocadas”.      

E agora que xa coñecemos os primeiros orzamentos de Rajoy, en Ourense témolo claro, condenan á nosa cidade ao desemprego e ao empobrecemento, así ven de denuncialo o BNG da cidade das Burgas, xa o dixo a nosa portavoz municipal “temos unha poboación moi envellecida, e contamos cos salarios e coas pensións máis baixas do Estado, polo que os recortes na sanidade, introdución paulatina de pagamentos, a liquidación na práctica das axudas da lei da dependencia van ter unha especial repercusión sobre a poboación”.      

Son uns orzamentos que ademais de ser inútiles para o desenvolvemento económica ensáñanse coas clases populares e coa maioría social. Si, pero estes recortes e esta austeridade non é para todos igual, é moi curioso que sexan as forzas armadas un dos poucos colectivos no que o Goberno Rajoy non conxela a taxa de reposición. Por suposto, tampouco aplican esa austeridade contra o sistema financeiro nin contra as grandes multinacionais.      

No noso País, levamos tres anos observando como a aplicación destas políticas económicas fracasan na loita contra a crise. Feijoo estase a converter no Peor Presidente da Historia de Galiza, como xa denunciou a Portavoz Parlamentar do BNG, Ana Pontón.        

Con este panorama e despois do éxito da Folga Xeral convocada polo sindicalismo nacionalista, que nos queda por facer?, qué podemos facer, como militantes nacionalistas, como militantes do BNG, a Fronte Patriótica que loita día tras día por Galiza e pola maioría social deste pobo? Penso que o noso traballo é estar constante e consecuentemente ao lado das clases populares, nas institucións e na rúa, e pular alí onde podamos, por exemplo na administración local ou provincial, na oposición ou no goberno, pular porque se aproben uns orzamentos que axuden á creación de emprego e á dinamización económica da nosa terra. Nunha época de crise, a aposta polo investimento público como motor de dinamización económica e de xeración de emprego, debe ser un dos sinais de identidade do nacionalismo.      

Apostar polos servizos públicos en materia de vivenda, de rehabilitación, tanto urbana como rural, políticas activas en turismo para avanzar na  dinamización social da cidade, políticas en benestar social e de axudas en materia de dependencia, políticas inversoras en materia de medio ambiente, políticas, por suposto, que consideren o deporte como un dereito social e que tamén actúen na saúde da cidadanía, políticas que axuden a xerar emprego entre a mocidade e que poñan freo á feminización da pobreza, muller e xuventude, os grandes prexudicados nesta crise. Apostar polo Comercio Local e pola renovación das estruturas comerciais públicas. E tamén, como non pode ser doutro xeito, políticas que poñan en valor a nosa Cultura e o noso patrimonio material e inmaterial.      

Temos futuro porque temos Alternativa         

Eis os eixes da nosa actividade pública, con criterio e con valentía, nun momento no que os “mass-media” actúan, moitas das veces, como altofalantes das políticas que están a impor desde Compostela e desde Madrid, ou para ser máis claro, desde Alemaña ou Francia.        

A situación é tan dramática, que os suicidios están a aumentar considerablemente, tamén no Estado Español, non só en Grecia. Lémbrome agora, dun suicido que foi moi soado, ocorrido hai xa moitos anos, levado a cabo por causas diferentes, mais provocado polas mesmas forzas económicas e capitalistas que están a levar a Europa a unha crise sen saída, estou a falar da morte de Getulio Vargas, presidente do Brasil no ano 1954, cando farto da campaña internacional contra a súa administración, decidiu pegarse un tiro no corazón. Getulio Vargas só intentaba solucionar os problemas da enerxía no seu país, inducir á fabricación de equipos e máquinas no Brasil e  conter a evasión de capitais, as grandes corporacións internacionais consideraron afectados os seus intereses monopolísticos. Non teñen piedade, non se cansan nunca, son aves de rapiña.  


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña