Estamos diante dun momento difícil para a cultura de Galiza, sen dúbida afectada pola crise económica mais, sobre todo, acosada por un goberno que traballa á contra. Un goberno que, como sucede coa lingua, ten os obxectivos absolutamente marcados, e a actuación de palabra e obra de Roberto Varela responde a iso. Non vaiamos caer na trapela, como nos queren facer crer algúns medios, de considerala como o resultado fortuíto da torpeza dun conselleiro inexperiente.
Porque claro, resultaría doado valorar as súas reiteradas declaracións de desprezo e minusvaloración da nosa cultura como simples metidas de zoco, como parecen considerar algúns comentaristas que suxiren a Feijoo que substitúa o conselleiro por incapaz para xestionar a cultura galega. Aínda admitindo que, efectivamente, Roberto Varela peque de inexperiencia e que, mesmo sendo diplomático, careza do don da oportunidade, as súas afirmacións son da suficiente claridade e magnitude como para poder pasar por produto do erro, do descoido ou mesmo de opinións persoais. As súas primeiras declaracións, ao pouco de baixar do avión que o traía da cosmopolita Nova Iorque, nas que aseguraba que a cultura galega limita e que é preferíbel falar de 'cultura feita en Galiza' para non nos cinxirmos á cultura feita en galego, é toda unha declaración de intencións.
Poñamos estas opinións á beira das expresadas polo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, nas que afirma que 'o galego non pode ser un muro que nos impida progresar' e veremos que responden ao mesmo criterio e aos mesmos obxectivos. É doado establecer o paralelismo e decatármonos de que na realidade o conselleiro de cultura está perfectamente escollido para o obxectivo que persegue o PP: demoler os sinais de identidade colectiva do pobo galego, aqueles que nos conforman como nación, entre os que sobrancean lingua e cultura. Así pois, a batalla pola lingua e a batalla pola cultura forman parte do mesmo proceso: o combate pola nación.
Así o entendeu desde sempre o nacionalismo, que situou en todo momento a loita cultural como parte da loita política e tivo no traballo cultural un alicerce fundamental para avanzar na conformación da conciencia nacional. Así o entende tamén o partido popular e, loxicamente, obra en consecuencia.
Porque, como sucede coa ofensiva contra o galego, tamén na consellaría de cultura as declaracións de intencións -mesmo que teñan orixe no desprezo do propio e no auto-odio- van acompañadas de feitos. Aí está a redución dos orzamentos destinados á programacións cultural; a diminución nun 25 % dos recursos de apoio ao libro galego mentres avanzan a posibilidade de axudas aos libros en español; a pretensión de eliminar as axudas á tradución e finalmente mermalas; a amputación dos premios nacionais da cultura; o maltrato ao teatro, ao audiovisual e aos escritores; a supresión do Culturgal e dos espazos culturais da TVG ou a eliminación do programa da memoria.
A isto hai que engadir un Xacobeo que, mais unha vez, destina a maior parte dos recursos á contratación de artistas estranxeiros e secundariza a produción cultural propia, contribuíndo de paso a dar unha visión absolutamente deturpada do País aos nosos visitantes. E por suposto, a permanente omisión e ocultación dos referentes nacionais da nosa cultura. Velaí o 'esquecemento' institucional do 125 aniversario de Rosalía, ocasión inmellorábel para a divulgación da súa obra e da súa auténtica significación. O mesmo esquecemento que se fai do centenario do profesor Carvalho Calero, co propósito de tentar agochar as súas posicións en prol dunha lingua galega viva integrada no sistema lingüístico galego-portugués. Ou o ritual, por inevitábel, tratamento da figura do poeta e patriota Uxío Novoneyra.
O relatorio, con certeza incompleto aínda, está feito coa intencionalidade clara de evidenciar a magnitude da acometida e de poñer posíbeis inxenuos -se aínda os houber- diante da pregunta clave: realmente podemos considerar todo isto ineptitude ou, pola contra, trátase dunha ofensiva en toda regra á que cómpre responder con todas as armas ao noso alcance?
A contenda crucial na que estamos inmersos en defensa do idioma non debe provocar nin inacción nin deixación na defensa da cultura galega. Moi polo contrario, unha e outra refórzanse mutuamente, como elementos que son do mesmo combate ideolóxico en defensa de Galiza e dos seus dereitos como pobo. Tampouco aquí podemos menosprezar o adversario nin ceder as posicións conquistadas.
É preciso, polo tanto, enfrontar decididamente a batalla pola cultura, non só nas institucións, senón tamén na sociedade. Cómpre unha firme resposta social, política e mesmo creativa. É momento de impulsarmos unha cultura intencionalmente activa e comprometida, que latexe ao ritmo da nación. É necesario tamén fortalecer os mecanismos que desde sempre posibilitaron a intervención social en defensa da cultura galega. Á beira de entidades nacionais de escritores, artistas e profesionais da cultura, existe un movemento asociativo cultural de base presente e activo en moitas vilas do País e mesmo, aínda que máis débil, nas cidades. Cómpre, polo tanto, reactivar ese tecido asociativo e darlle unha dimensión nacional como a mellor maneira de recuperar os referentes nacionais da nosa cultura e proxectalos cara ao futuro. Facer, en definitiva, a cultura que a nación precisa.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.