09:24 Xoves, 29 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-04-2012

As recentes actuacións policiais en contra de Anonymous coinciden coa tramitación de novas iniciativas lexislativas estadounidenses para a censura da Internet

Anonymous: ciberdelincuencia ou ciberactivismo?

Valorar (13)

XAVIER GÓMEZ GUINOVART



-----------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
-----------------------------------------------------------------


Anonymous é unha denominación utilizada para a organización colectiva, a través da rede, de moitas e moi diversas actividades de protesta anti-establishment en todo o mundo. Baixo o paraugas de Anonymous, desenvólvense accións de protesta a nivel internacional a favor da liberdade de expresión, da liberdade de información e do libre intercambio de coñecemento, nomeadamente no ámbito da Internet; e actuacións en contra de organizacións defensoras da aplicación máxima do copyright, como a igrexa da ciencioloxía ou o lobby da industria cinematográfica estadounidense. No Estado español, as actividades de maior impacto mediático realizadas en nome de Anonymous están relacionadas coas protestas en contra da censura en Internet e en contra dos intereses representados pola SGAE (Sociedad General de Autores y Editores).          

Anonymous é un meme de Internet, unha subcultura xurdida de Internet e fortemente marcada por algunhas das características máis definitorias desta rede: anonimato, ubicuidade e intelixencia colectiva. As súas orixes atópanse no foro de imaxes de 4chan, onde a comunidade usuaria do subforo Random parola libre e anonimamente sobre calquera cousa, e adoptando as persoas participantes o nome de Anonymous. As súas accións colectivas empezaron fraguándose no foro de 4chan e tendo unha motivación esencialmente lúdica, mais a partir de 2008 a idea de Anonymous espallouse pola rede alén do foro de 4chan como un medio poderoso de defensa das liberdades en Internet e de resistencia ás políticas de censura.          

Actualmente, os obxectivos e as accións de Anonymous son decididos por consenso en foros e canles IRC de participación aberta, anónima e igualitaria, e son difundidos a través de blogs, webs e redes sociais. As operacións deseñadas poden cinguirse a actuacións na rede ou, con menor frecuencia, poden chimpar da rede ao mundo real e converterse, por exemplo, en manifestacións de protesta na rúa realizadas por xente con máscaras de Guy Fawkes, persoeiro británico histórico no que está baseado o home enmascarado do cómic (e da película) V de Vendetta creado por Alan Moore. Calquera pode participar como un igual nos procesos de decisión, e calquera pode participar nas operacións que se levan a cabo. Non hai líderes do movemento Anonymous nin organización estábel, mais si un ideal compartido en prol da liberdade de información, da conciencia global e do activismo resistente, como recolle o seu lema, que se pode escoitar ao final de todos os seus vídeos: "O coñecemento é libre. Somos anónimos. Somos lexión. Non perdoamos. Non esquecemos. Agardade por nós!".          

As accións de ciberprotesta emprendidas por Anonymous adoitan consistir en deixar sen funcionamento unha páxina web mediante un ataque DoS (ou de denegación de servizo), en alterar o contido dunha páxina web con mensaxes ou imaxes de protesta, ou en facer pública información persoal (nomes, números de DNI, teléfonos...) de persoas relacionadas co obxecto da reivindicación. As operacións realizadas con maior frecuencia son os ataques DoS coordinados contra as páxinas web elixidas como obxectivos. Un ataque DoS ou de denegación de servizo contra unha web consiste basicamente en realizar un número moi alto de consultas simultáneas a esa web, de tal xeito que a páxina deixe de responder por saturación. Os ataques DoS iniciados por Anonymous son ataques realizados de modo coordinado por miles de computadores de persoas anónimas que libremente deciden participar nunha acción de protesta contra a web dunha compañía, dunha organización ou dunha empresa. Calquera pode participar nun ataque DoS e, de feito, resulta moi doado, xa que existen programiñas como LOIC (Low Orbit Ion Cannon) para Windows que facilitan esa función. Tamén parece claro que no Estado español aínda non constitúe un delito participar nun ataque DoS, aínda que si o podería ser organizalo. Moita xente equipara a participación nun ataque DoS de protesta coa asistencia a unha manifestación non autorizada, o que non deixaría de formar parte dunha cultura da liberdade de expresión á que non deberiamos renunciar por principio.          

Anonymous

Con todo, o certo é que nos últimos meses incrementáronse as actuacións policiais internacionais en contra de Anonymous, ao mesmo tempo que se observou un aumento dos discursos institucionais que pretenden equiparar o ciberactivismo resistente practicado por Anonymous coa ciberdelincuencia e co ciberterrorismo. Así,  tras a detención o 28 de febreiro de 2012 de 25 persoas colaboradoras de Anonymous (catro de elas no Estado español, dez en Arxentina, seis en Chile e cinco en Colombia) nunha operación internacional coordinada pola Interpol, na nota de prensa oficial emitida pola policía española fálase da detención de "cuatro importantes ciberdelincuentes que reivindicaban sus acciones en nombre de Anonymous". Entre os cargos que a policía española imputa a estas catro persoas detidas, inclúense ataques DoS e modificacións sen permiso de webs de partidos políticos, institucións e empresas, e revelación de segredos oficiais, como a publicación dos nomes dos policías que forman parte da escolta da Casa Real ou do presidente do goberno. De xeito anecdótico, a prensa afín ao discurso institucional salienta que os detidos eran coñecidos como "os dos cairos", pola súa afección a debuxar estes dentes sobre as fotos de políticos como Rubalcaba ou Rajoy.          

Casualidade ou non, este aumento da propaganda institucional e da presión policial internacional contra as actividades de Anonymous coincide no tempo cun incremento da presión por introducir leis de censura da Internet na lexislación estadounidense, con iniciativas lexislativas recorrentes e fortemente contestadas como a PIPA, a SOPA e, agora, a CISPA. De certo, son malos tempos para as liberdades de expresión e de acceso á información, e o resultado da batalla que ten lugar na rede terá importantes consecuencias no futuro destas liberdades. Internet é o maior medio de comunicación do noso tempo e talvez o único que sobreviva nun futuro. Os retrocesos da liberdade en Internet están intimamente relacionados cos retrocesos sociais que se están a levar a cabo noutros ámbitos da nosa realidade, polo que traballar para garantir as liberdades neste medio debe ser tamén parte da nosa práctica política. 


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña