14:19 Luns, 08 de Marzo de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-04-2012

As contas xerais do Estado para 2012: persistir no declive económico para evitar a intervención

Orzamentos en clave concursal

Valorar (12)

ALBERTE SOUTO SOUTO



Ao longo das últimas semanas, o comportamento dos máis significativos membros do Goberno central, incluído o seu Presidente, aseméllase máis ao dun equipo de avogados e economistas encargados de presentar un concurso de acredores que as contas públicas do Estado. A resignación e conformismo contido nas sucesivas manifestacións deixan entrever que a principal obsesión da dereita económica no Estado español é administrar a situación económica sendo compracentes co ditado das grandes institucións económicas, financeiras e monetarias internacionais, escrito en función dos intereses do grande capital financeiro, relegando as políticas sociais e as de estímulo da actividade produtiva que conduzan a unha maior xeración de emprego.

O texto oficial non deixa lugar a dúbidas. No informe económico-financeiro que acompaña aos Orzamentos Xerais do Estado indícase que “teñen como obxectivo prioritario a corrección dos desequilibrios nas contas públicas”. A opción fica clara: mellor presentar de xeito voluntario as cifras que contenten á UE, o FMI, a grande banca internacional e os grandes investidores agrupados en hedge funds e demais panoplia de institucións análogas, antes que sexan eles quen poñan sobre a mesa os axustes económicos.

As sucesivas cualificacións expresadas desde o contorno do Goberno e do partido que o sustenta non deixan entrever outra interpretación. Desde a “menciña amarga” receitada polo voceiro popular no Congreso, até o “éche o que hai”, na tradución máis acaída ao noso idioma do afamado lema da férrea conservadora británica Margaret Thacher “There is no alternative”, que Rajoy verqueu literalmente ao español. E o que hai, esa alternativa para a cal non existe outra, implica reforzar un círculo vicioso onde, afondando no retallamento de gasto público para investimentos produtivos e sociais, vaise a consolidar aínda máis unha situación de recesión económica e de incremento das actualmente disparatadas magnitudes de persoas en desemprego. En primeiro termo, a afirmación procede da extracción de datos obxectivos do propio orzamento: os departamentos ministeriais máis afectados polos retallamentos e que, polo tanto, contarán con menores recursos para endereitar os sectores produtivos, son “Fomento”, “Industria, Enerxía e Turismo”, “Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente”, así como “Emprego e Seguranza Social”. En segundo lugar, a hipótese relativa á tendencia á alza do desemprego, é a consecuencia derivada da execución dos orzamentos públicos que o propio goberno autor das contas públicas agarda. A política económica-orzamentaria que agora se formula contribuirá –insistimos, segundo estimacións do Goberno- a que en 2012 haxa 630.000 persoas máis en desemprego en todo o Estado español. Na Galiza, aplicando unha simple regra proporcional, suporá que rebasaremos as 300.000 persoas desempregadas, co que Feijoo deixará en herdanza máis de 100.000 persoas sen traballo no noso país, bastante afastada da promesa do pleno emprego que ofrecera en 2009.

Só estando instalado nunha posición de administrador concursal, disposto presentar concurso voluntario antes que se desencadee unha petición de concurso necesario, que significa intervención, se poden xustificar uns orzamentos como os que elaborou o Goberno do PP. Senón, doutro xeito, como se pode xustificar a asunción dun maior deterioro do emprego, dos servizos públicos básicos, da capacidade de producir riqueza, de acrecentar a precariedade económica que xa atinxe a unha importante porción da poboación? Que outra inspiración pode agocharse detrás dunha estratexia económica que, lonxe de tentar sequera enunciar a vontade de reducir o desemprego e as desigualdades económicas, avanza que mesmo se van a ampliar?

O Ministro de Facenda e Administracións Públicas, Cristóbal Montoro

Ese comportamento non é novidoso, xa o Goberno presidido por Zapatero optara por unha solución similar: pregarse ás demandas aglutinadoras dos intereses dos grandes poderes económicos e financeiros malia ser consciente das ruína económica que levan aparellada para as maiorías sociais. As consecuencias son palpábeis, un devalar económico onde cada vez son menos persoas as que esquivan dificultades e penurias económicas. E agora o PP teima en sementar co idénticas técnicas e prácticas de cultivo o ermo panorama económico sendo sabedor da exigua colleita que as mesmas producen.

Os primeiros orzamentos do Goberno do PP non serán o instrumento para procurar solucións á crise, moito menos aquelas baseadas nun novo paradigma económico que reduza as desigualdades económicas e asente un desenvolvemento económico sustentábel. Na miña opinión, nin sequera o pretenden. Ao que realmente aspiran é a situar as cifras nas celas axeitadas para non incomodar a supervisión á que o Estado español está submetida. A que se aceite que os gobernantes elixidos polas urnas cumpren co seu papel de manter unha política económica e unha xestión dos recursos públicos acorde cos intereses dominantes do sistema económico europeo e mundial.

Estes orzamentos confirman que, polo de agora, no Estado español atravesamos a fase do concurso voluntario, onde os administradores-gobernantes –designados en orixe no marco da democracia formal- manteñen a dirección da política económica, e non é preciso activar o concurso necesario, cando se substitúen abruptamente os responsábeis económicos por administradores designados por orde directa, neste caso sería baixo o arroupe eufemístico da “tecnocracia”. Eis o abano de posibilidades que permite o actual sistema económico xunto co seu entramado institucional, particularmente o deseñado na actual Unión Europea, e tamén a razón pola que cómpre atinxir un maior apoio social ás forzas políticas que enarboran unha alternativa real e posíbel, que pretenden unha saída á crise económica actual baseada ademais nunha fonda mudanza do modelo económico e social, e dos aparellos institucionais asociados, que na Galiza non é outro que o nacionalismo galego organizado arredor do BNG.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña