05:59 Martes, 26 de Marzo de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-04-2012

Na loita contra o lume e na protección da nosa terra estamos a recuar gravemente

Podemos vencer o lume

Valorar (6)

XOÁN COLAZO PAZÓ



Na loita contra o lume e na protección da nosa terra estamos a recuar gravemente.

Semella ás veces que non damos saído do punto de partida, que en Galiza estamos sempre a compensar cada pequeno avance, acadado con inmensos esforzos feitos a contrafío, con continuas voltas atrás. Mesmo de tanto non dar avantado imos caendo en situacións de regresión, no deterioramento, en ollar como o candullo rola costa abaixo outra vez arrasando con todo.

Se o desenvolvemento do plano eólico impulsado polo nacionalismo debía ser derrubado, estamos xa instalados na normalidade, isto é, na parálise, na falla de garantías, no amiguismo, no espolio de recursos, na depredación da natureza, na expropiación dos bens comúns. Se o noso medio rural estaba abrindo hai uns anos vías para ter un futuro, volvemos agora aos plans sistemáticos que procuran o seu desmantelamento, por moito que se oculten tras unha capa de desleixo. Se a política de montes se encarreiraba cara á recuperación do vencello coa veciñanza, a multifuncionalidade e a valorización, estamos xa –por fin! dirán algúns pola boca pequena- sometidos ás leis do mercado e ao lume sen control.

A espectacularidade dos lumes, unha vez gabean por riba das outras novas nos medios ou por simple visión directa, desencadean puntualmente unha labarada de reaccións, opinións, debates en toda a sociedade. Uns máis atinados ca outros, baseados nun coñecemento profundo do que se fala ou absolutamente atrevidos en ocasións, con mellor ou peor intencionalidade segundo o caso. Cando á volta duns días todo isto pase, non podemos volver á normalidade de sempre, a agardar pola vindeira ocorrencia cando haxa unha nova xeira de lumes cíclicos. Non podemos comezar sempre de cero. Temos que ter memoria e debemos aprender da nosa historia recente, que propón cada un e que políticas practica para atallar as causas estruturais que se manifestan nos incendios.

Aos avances que o BNG impulsou dende a Consellaría do Medio Rural contrapóñense agora os dous pasos atrás das políticas do PP dende a Consellaría do Medio Rural e do Mar. Contra as políticas que activamente se tomaran para previr e loitar contra os lumes, para acabar coa economía da extinción, para ter medios e planificación acaídas, para diversificar as producións, para non reducir o monte ao forestal, para facer investigación dos lumes concretos, para implicar a toda a sociedade no coidado e defensa da nosas riquezas naturais, contra todo isto alzouse a maré azul do PP. Volveuse á reforestación de terras agrarias, ás subvencións ao eucalipto de ciclo de talla de 25 anos, ao impulso dunha lei de montes que permite masas monoespecíficas continuas de máis de 50 hectáreas, ao desmantelamento das unidades de investigación de lumes, á desmobilización social do voluntariado, á desactivación da lei contra os lumes forestais ao reducir as faixas de protección das aldeas, á rebaixa das subvencións para limpeza de montes veciñais e de particulares, ao incentivo da especulación nos montes por medio das SOFOR logo de desactivar o modelo das UXFOR, aos retallamentos nos labores de prevención dos lumes, á pésima xestión do montes en definitiva, considerados unicamente como lugares de produción forestal de especies alóctonas destinadas á industria da celulosa.

Froito desta política conscientemente deseñada polo actual goberno galego, temos o que cabería agardar, censura mediática e, cando non se poden ocultar os enormes desastres que padecemos, ollar para outro lado. Os lumes destrúen mesmo os mellores parques naturais onde a Xunta semella non facer nada. Durante os primeiros vinte e un días do outubro pasado arderon seguido sen case oposición miles de hectáreas no Macizo Central, no Xurés e noutros espazos protexidos. Este inverno –isto é unha novidade- queimáronse 15.000 hectáreas en toda Galiza. Hoxe son as Fragas do Eume as devastadas. Un magnífico bosque de grande biodiversidade que padecía xa dende hai anos grandes problemas que agora se poñen de manifesto. O Parque Natural non ten aprobado –e van quince anos- o seu plano reitor de usos e xestión, nel instaláronse e prevense instalar parques eólicos, encoros e minas, onde o eucalipto é especie que medra e se espalla día a día ante a pasividade da Xunta que se deixa ir. As carballeiras das Fragas do Eume semellan o mapa da Cisxordania, rodeadas e atravesadas de eucaliptais por onde penetrou o lume e a destrución. Logo dos incendios virán os eucaliptos inzar masivamente nova áreas, colonizando os terreos ardidos.

A irresponsabilidade de permitir e fomentar que sexa o eucalipto a especie central no que se basea a política forestal galega ten consecuencias fondas e por moitas décadas. En vinte anos triplicouse a superficie a eucaliptal: son xa preto de 400.000 hectáreas as que están infestadas desta especie. Amais, a investigación está posta ao servizo para que este xénero de árbores poida soportar o frío por riba dos 400 metros de altitude e hai cartos públicos para a solta de insectos australianos (anaphes nitens) que melloran a saúde dos eucalitos. Con isto nos vindeiros anos a totalidade da superficie galega poderá ser colonizada por esta especie de árbore que se comporta como invasora e que vai asociada ao abandono do rural, aos lumes e que case non require silvicultura, polo que non xera postos de traballo. A nivel de afección ambiental caracterízase pola acidificación e empobrecemento de nutrientes dos solos, o alto consumo de auga e a menor biodiversidade que sostén. Con todos isto temos aos eucaliptos como símbolo da Galiza colonizada e sen futuro.

No ano 1999, na asemblea constituínte da Organización Galega de Comunidades de Montes elaborouse un manifesto con título “Podemos vencer o lume”, para demandar outro xeito de enfrontarse á problemática dos lumes. Xa daquela, e moitos anos antes, na xente que vivía no rural, a carón dos montes, estaba presente a esixencia de trocar a política forestal galega para facer dos montes non un problema senón unha oportunidade de desenvolvemento. Reclamábase que os lumes, propiciados pola actuación das administracións, que racharan a simbiose monte-veciñanza a partires de 1941 e aprobaran un Plano Forestal no ano 1992 alleo á nosa realidade e necesidades, fosen combatidos polo conxunto da sociedade galega nunha Mesa por un monte sen lumes, a varios anos vista e deixando de lado os bandazos sucesivos. Reclamábase tamén unha resposta diferenciada a cada unha das causas identificadas, o ordenamento dos montes, o potenciamento das tres funcións (social, económica e ambiental), a non reforestación de terras agrarias, o impulso de planos agrosilvopastorís, a promoción das diversas producións do monte e a compatibilidade entre aproveitamentos,…

Agora, dende esa perspectiva do monte veciñal séguese a defender o mesmo para acabar cos lumes entendidos como catástrofe caída do ceo ante o que nada se pode facer. Sabemos que a actual política da Xunta de Galiza non serve; e coñecemos tamén que os seus esforzos por eliminar os positivos avances do paso do nacionalismo pola Consellaría de Medio Rural están no cerne dos problemas actuais. Ante esta realidade difícil, o nacionalismo está de novo a contrapoñer unha mensaxe de esperanza e medidas para acadar un medio rural galego vivo. Con esta denominación vanse celebrar en Pontevedra este mes unhas xornadas que estreitarán a alianza que manteñen a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, ADEGA, a CIG e a Federación Rural Galega. O noso medio rural e Galiza precísano e agardamos chegue a ser un instrumento útil de defensa integral do noso agro, dende todos os ámbitos de actuación. Non estamos sempre a comezar de novo; sabemos de onde vimos, cal é a nosa historia, quen somos e o que queremos para a nosa terra.


[08-04-2012 23:02] Xulio Fernández Hermida comentou:

Eu vivo de espaldas ós medios de comunicación por iso non sei o tratamento que nos medios se lle deu a esta noticia. Pero estou ben certo que en ningún momento se valoraron as causas detrás deste incendio que non se acaba nunca. Como moito se fala da calor e de fenómenos naturáis que non poden ser controlados. Pero nin atisbo de que poida haber responsabilidades políticas detráis destes lumes.
E si isto é o que se conta nos medios, isto é o que opina a xente que non ten opinión -que, a falta de outras versións, somos a mui inmensa maioría-. Delicado problema.
Porque, ademáis, nesto de saberse vender, as dereitas casi sempre o saben facer mellor que as esquerdas. Pensando en voz alta, diría que as esquerdas planificamos mellor para o interés común, pero esa visión a largo énos mais defícil de facela chegar ó gran público. Pola contra, as dereitas, cunha visión moito mais miope e interesada, e unha ética menos esixente, dedican o esforzo a preparar o envoltorio co que 'disfrazar de interés público' aquelo que lles interesa de xeito individual.
E con un público pouco informado, esta segunda estratexia é moito mais exitosa ... sempre.
Triste reflexión. Pero si pretendemos evolucionar como sociedade un punto mais alá, deberemos superar a dicotomía de partidos no goberno e buscar outros medios de organización mais cercanos á xente.
E posibleemente aceptar tamén que a vida é así. Que só existe o bon como cntraposición ó malo, ó guapo como oposición ó feo etc. E que a confrontación entre opostos é algo inherente á vida mesma. E que só aceptando que a vida é así, poderemos disfrutar dese tempo que se nos otorga para movernos por aquí. ¡O que non significa 'pasar de todo' nin moito menos! É facer o que entendemos que debemos facer, pero entendendo que a vida é así e conseguir disfrutar co que facemos.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña