07:26 Domingo, 29 de Marzo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-04-2010

Boa parte da mensaxe que o sistema aproveita para lanzar desde os medios vai dirixida á mocidade, nun intento de aumentar a súa intervención nas mozas e mozos coa introdución de valores como o individualismo e o apoliticismo

Nacionalismo, mocidade e medios de comunicación

Valorar (23)

LUCÍA LÓPEZ SOBRADO


Pancarta de Galiza Nova  na manifestación do 17 de maio de 2009


"Televisión! Manipulación!" foi este o berro que miles de manifestantes congregados o pasado 18 de outubro na Praza da Quintana diriximos ante a descarada actitude amosada pola TVG e a Radio Galega, na cobertura da histórica e masiva mobilización convocada pola Plataforma Queremos Galego. Abofé que as e os que estabamos alí presentes non nos colleu por sorpresa a situación xerada mais si que se dese con semellante descaro e falta de disimulo: mesmamente diante dos fuciños dos milleiros de persoas que ese día nos achegamos até alí para defender a lingua propia da nosa nación.

A situación creada, dicía, non nos colleu por sorpresa, acostumados como estamos a tradición do Partido Popular de empregar ao seu antollo e ritual propagandístico os medios de comunicación públicos do noso país.

Pero irei máis aló. Non deixa o capitalismo de facer resoar, desde diferentes esferas submisas aos seus designios,  as veleidades dunha globalización que trae consigo a expansión das tecnoloxías da comunicación e da información e, porén, nunca tan desinformados ou tanto nos quixeron desinformar como agora.

Na Galiza o papel que os medios de comunicación teñen asumido foi historicamente centralizador e españolizador, sendo este contraatacado con tímidos, aínda que merecentes de eloxio, intentos por corrixir esta situación. E nun día coma hoxe, no cal veño de ler que se consolidou o chamado "apagón analóxico",  podemos comprobar como na televisión (o "caixón" que lle chamaría meu avó), un dos medios de comunicación socialmente máis estendido nos nosos días,  vense de agrandar o número de canles, mais o poder do que se di e como se di segue concentrado nas mans duns poucos e ao servizo do pensamento único. E aínda hai quen se laia de que na súa casa non se ve tal canle ou tal outra...boa perda tivemos!

Neste contexto, boa parte da mensaxe que o sistema aproveita para lanzar desde os medios vai dirixida á mocidade, nun intento de aumentar a súa intervención nas mozas e mozos coa introdución de valores como o individualismo e o apoliticismo. Son intentos por minar a participación e a creación de consciencia de noso. O sistema parchease deste xeito, favorecendo actitudes irreflexivas cos procesos económicos, sociais e políticos que se están a vivir no mundo. Trátase de modelar condutas, de producir saberes e de forxar unha única forma de ver a realidade.

Así a mocidade galega, como parte fundamental do noso pobo, é unha das principais afectadas pola situación de dependencia colonial na cal vivimos. A mensaxe que se lanza desde os medios de comunicación, criminalizadora co nacionalismo en xeral e co movemento xuvenil nacionalista en particular, axuda a perpetuar a acefalia no político e o alleamento no cultural, que marcan a visión quen se ten da nosa nación e da participación política.

O nacionalismo galego, nado da autoorganización do noso pobo, sempre acreditou nesta como a mellor maneira de facer fronte á negación política, social e cultural a que o Estado español nos somete. Foron moitas as ferramentas de (in) formación nas que se traballou para poñelas ao servizo de quen quixese botar man delas, contribuíndo deste xeito a recoñecérmonos como pobo e á necesaria creación de consciencia nacional.

Ferramentas como este Terra e Tempo que agora mesmo estades a ler, e das cales compre que as mozas e mozos saibamos agora aproveitalas, achegando máis mocidade ao proxecto nacionalista, á descuberta da nosa lingua e cultura, do que somos e polo que loitamos. A traballar, pois!


[23-10-2010 13:09] manuel comentou:

gran artigo! ben se ve que os da TVG non son mais ca monicreques do pp... noraboa e segue asi!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña