09:14 Xoves, 29 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-04-2010

A dereita busca a eliminación de todo referente que poida abrir o camiño a un xeito distinto de entender a construción dunha sociedade e as relacións entre os pobos; dalles igual que se trate de Cuba que de Galiza

A campaña do PP non é só contra Cuba

Valorar (15)

MONTSE PRADO CORES


Centro galego na Habana


Cando o capitalismo e as súas políticas económicas son responsábeis de milleiros de mortes diarias no planeta, a dereita que no noso país representa o Partido Popular está a desenvolver unha intensa campaña en contra de Cuba, sumándose ao poder mediático do sistema que está a apuntar cos seus artigos, os titulares e comentarios contra o goberno cubano, aproveitando o lamentábel falecemento dun preso naquela illa como consecuencia dunha folga de fame.

A liberdade e a paz, os dereitos humanos e a non inxerencia deben ser por suposto principios a defender, pero sen trampas.

A preocupación do Partido Popular non é a defensa dos dereitos humanos porque de ser así tería que estar a traballar arreo para presentar propostas de resolución nas institucións nas que ten presenza condenando moitas situacións de violación de dereitos,  de dereitos de individuos e de dereitos de pobos. Queren facernos crer que o debate son os dereitos humanos pero para eles non é vulneración destes o bloqueo que sofre a illa desde hai ducias de anos a mans do seu imperio veciño, nin tampouco o é a ocupación de parte do territorio cubano por unha base militar estadounidense; base na que está de sobra constatada a vulneración deses dereitos aos presos que alí se atopan. E tampouco consideran vulneración dos dereitos humanos o xenocidio israelí co pobo palestino, a sangría que está a padecer Afganistán ou os millerios de mortes producidas en Iraq como consecuencia da ocupación militar e da guerra da que o PP foi un dos responsábeis.

Unha vez máis comprobamos os diferentes raseiros que emprega a dereita do noso país; cal é a unidade de medida que usan?, onde está o baremo?  que elementos son os que determinan que a morte dun preso é insoportábel, denunciábel e merece ríos de tinta e toda a condea do poder mediático e institucional, e que milleiros de mortes non merezan ese mesmo trato?

Á ofensiva desatada no Parlamento Europeo e no Congreso dos Deputados o Partido Popular engadeulle  neste días pasados a presentación de mocións nos concellos galegos para que despois de ser debatidas se adoptaran acordos plenarios de condena ao goberno cubano; e como argumento político empregaron a desgrazada morte do preso cubano Orlando Zapata Tamayo; unha morte que calquera persoa con conciencia debe lamentar, unha morte que só aqueles aos que lles vale todo poden empregar como suposto elemento de debate político.

Calquera que desde Galiza faga unha análise minimamente obxectiva debera sorprenderlle o tempo que empregan e o empeño que os cargos institucionais  da dereita poñen en arrincar condeas contra Cuba, fronte ao pouco espazo que ocupan na súa axenda os problemas do noso país. O esforzo realizado polo PP no Parlamento Europeo preocupándose pola situación política de Cuba e por conseguir manter "a posición común" da Unión Europea respeito á Illa non ten correspondencia á hora de presentar e sacar adiante resolucións defendendo os nosos sectores produtivos ou o naval; e o mesmo podemos dicir sobre  a ausencia nos concellos galegos das resolucións de condena polo peche de máis de 1.000 explotacións gandeiras en Galiza no último ano.

É evidente que con estas mocións a dereita española, e a súa sucursal no noso país, non buscan axudar a Cuba a liberarse de ningún rexime despótico, o único que queren é manterse na liña de atacar e si poden eliminar a calquera que se enfronte á orde estabelecida e da que eles son parte. Esta moción é un elemento máis na estratexia ideolóxica do PP, por iso lle dan tanta importancia a un país tan pequeno como Cuba, un país con dez millóns de habitantes que á  hora da verdade non supón un perigo militar nin económico; pero que para moitos pobos representa a dignidade do que busca construir a súa propia alternativa de vida sen ter que axoenllarse diante do poderoso.

En realidade o que lles preocupa é que haxa pobos que non teñan como referente ao imperialismo norteamericano e ao seu modelo económico e social; por iso atacan con esa virulencia a Cuba. E atacan a Cuba igual que atacan as alternativas do nacionalismo galego porque saben que as propostas do BNG buscan trascender a orde establecida polo sistema, ben sexa en materia lingüística, en modelo de desenvolvemento económicco, en sistema de financiamento ou en calquer outra cuestión fundamental para a existencia de Galiza como nación.

Que ninguén se chame a engano, os cortesáns do imperio non despregan toda a súa Brunete mediática e institucional para defender os dereitos humanos, senón que o que combaten é a idea de que os pobos teñen dereito a elexir o xeito en que queren vivir e como queren construir o seu futuro.

O PP está a levar a situación de Cuba ás institucións, facendo unha clara instrumentalización dos dereitos humanos, no obxectivo de asentar a imaxe que asocia ao capitalismo con democracia e ao socialismo con ditadura. Son teimudos e saben moi ben como repetir unha idea unha e outra vez até que acaba sendo percibida como verdadeira.

Tamén nesta ocasión teremos que combatir a demagoxia e a mentira do PP,  porque o que está en xogo non é a defensa de Cuba senón o dereito a decidir libremente dos pobos.


[03-04-2010 ] Eu comentou:

A proba de que todo isto é unha campaña publicitaria é que o goberno cubano ofreceulle ao réxime de Estados Unidos darlle todos os presos que este considera "políticos" a cambio da liberdade dos cinco axentes antiterroristas cubanos prisioneiros nos cárceres de Obama. Se tanto quixesen a liberdade deses presos "políticos", podían telos en Estados Unidos mañá mesmo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña