23:54 Mércores, 30 de Novembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

31-03-2012

O galeguismo causaba temor nas autoridades franquistas que solicitaban continuamente informes

Galeguismo e servizos de información franquistas

Valorar (25)

XAN FRAGA RODRÍGUEZ


Había dúas grandes obsesións, maiores aínda que a masonería que tamén o era, da ditadura franquista: os comunistas e os nacionalistas separatistas. Sobre estes dous movementos faranse seguimento meticuloso, análises e interpretacións por partes dos servizos de información franquistas.

Hai documentos moi reveladores e certeiros mais tamén hai outros moi errados na súa análise e conclusión. Por exemplo uns servizos de información que detallan ao milímetro o enterro do avogado antifranquista José Caamaño (Negreira, 21 abril 1970) explicitando quen está, onde, que falan, que comentan, quen comeza a cantar o hino galego (Jesús Sanjuas Formoso) etc non se poden equivocar tan radicalmente, cando sitúan a determinados galeguistas na Unión do Povo Galego (UPG) como no informe da Brigada Regional de Investigación Social número 2941 (1 de xullo 1968), Neste informe titulado Galleguismo: situación actual en la provincia, dise despois de dar unha relación longa de intelectuais galeguistas que dentro deses “se cree encuadrados en la UPG, los siguientes…” e cita entre outros a García Sabell, Ramón Piñeiro, Manuel Veiras, Rafael Dieste, Fermín Bouza Brey, Agustín Sixto Seco, Avelino Abuin González, Carballo Calero.

Moi difícil de crer en erros tan groseiros. Podía ser que houbera conflitos internos dentro dos servizos de información ou moito interese en prexudicar a determinadas persoas por iso algúns informes puideran ser deliberadamente falsos ou de ambigüidade calculada para provocar equívocos na dirección desexada.

Con respecto a UPG indica neste mesmo informe de 1968 "Es un grupo político clandestino que preconiza la nacionalización de la patria gallega y la estructuración de la misma con arreglo a un esquema ideológico claramente marxista". A redacción deste informe e doutros indícanos, ou iso paréceme a min, que se trata de xente que sabía ben do que estaba falando. Como introdución deste informe faise un preámbulo moi interesante e relativamente longo que creo paga pena reproducir literalmente no seu comezo:

“Como es sabido, se entiende por nacionalismo gallego o galleguismo, la doctrina que informa el movimiento de reivindicación de la personalidad de Galicia frente al centralismo español.

Teniendo en cuenta que Galicia había sido un estado soberano durante las monarquías de los suevos y en la Reconquista, durante los siglos XIII y XIV gozaba de todas la ventajas de un régime autónomo. 

Ya en 1846 Galicia se pronuncia contra el gobierno central haciendo presente “que arrastrando hasta la fecha una existencia oprobosa, convertida en colonia de la Corte, va a levantarse de su humillación y abatimiento, despertando el poderoso sentimiento de su nacionalidad y encaminando a un solo objetivo todos sus esfuerzos para conquistar la influencia a que es merecedora”. Y, así en 1855, comienza a manifestarse el ideal nacionalista mezclado con ideas democráticas y revolucionarias"…

O grao de información e penetración nas organizacións clandestinas, cando menos nalgunhas, por parte deses servizos (Exército, Policía, Garda Civil) era moi importante. Teño escrito algunha cousa ao respecto tanto no libro sobre Miro Casabella e a Nova canción Galega como nun artigo na revista Grial onde se reproduce o informe secreto da policía (1970) sobre dito movemento. Obviamente que iso é só unha parte do moito que teñen espiado os servizos de intelixencia franquistas ao galeguismo. 

O galeguismo causaba temor nas autoridades franquistas que solicitaban continuamente informes sobre a súa situación facéndose balances periódicos do mesmo. Reproducimos ao longo deste artigo só o índice (moi ilustrativo e didáctico) do Informe número 769 (19 folios) da Brigada Regional de Investigación Social, da Jefatura Superior de Policia con data 26 de febreiro de 1970.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña