As eleccións primarias do Partido Republicano en Estados Unidos xeran unha importante contradición nos neoliberais, por unha parte conseguiron levar o debate ideolóxico onde se senten cómodos, obrigando paulatinamente aos candidatos a eliminar as opinión máis moderadas baixo os preceptos reaccionarios; mentres que esa deriva limita as súas opción de cara as eleccións presidenciais de novembro ao presentarse en público cunha faciana cada vez máis extremista.
No derradeiro ano e medio moito trocaron as aspiracións entre os republicanos, pasando da euforia polos resultados acadados nas eleccións parciais do Congreso e o Senado, nas que o Tea Party consolidou o seu ascenso, a unha situación cada vez incómoda de cara as eleccións presidenciais, coas enquisas augurando un empate técnico no mellor dos casos con calqueira dos candidatos en liza.
Semella difícil atopar causas máis alá do escoramento do centro político republicano para a maior aceptación que gaña a diario Obama, dada a crise que asola o país norteamericano, cunha taxa de desemprego que supera o 10% da poboación activa e que incide sobre todo en determinadas minorías e en estados como Mississippi, onde este dado ascende ate o 20%, cunha conflitividade social en aumento, como reflexa a a aparición do movemento Ocupy Wall Street, que a diferenza do 15-M no estado español, defende uns obxectivos concretos e identifica o actual sistema económico –que ten Wall Street coma un dos seus símbolos- coma o causante das diversas problemáticas sociais que tamén teñen impacto en Estados Unidos, encarnadas nunha desigualdade de ingreso que leva a 50 millóns de norteamericanos a subsistir baixo o nivel da pobreza –o 16% da poboación-, dándose casos coma os reportados pola BBC, con campamentos de persoas sen fogar a beira das estradas, ou familias vivindo baixo pontes.
Se ben as bolsas están volvendo a números do 2008, a débeda real calcúlase en 100 billóns de dólares segundo fondos de inversión como Pimco, incluíndo 14 da débeda pública, que supón o 70% do PIB, mentres mercados antes de referencia coma o inmobiliario, atópanse inmersos nun profundo proceso de corrección de prezos, cun descenso do 30% dende o 2006 e con indicios de recuperación practicamente inexistentes.
Todo isto cede a responsabilidade da correlación de forzas que amosan as enquisas ao proceso das primarias e a mencionada xiro a dereita dos principais candidatos, Mitt Rommey e Rick Santorum, os únicos que tres meses despois do comezo das primarias no caucus de Iowa chegan con posibilidades reais de acadar a elección a finais de agosto na convención que se vai levar a cabo en Tampa, Florida. Até o momento Rommey, exgobernador de Massachussetts, lidera con 568 delegados a elección, máis do dobre de Santorum (260), que sen embargo, gañou a derradeira votación en Lousiana e non está disposto a renunciar a candidatura, co peso detrás dos sectores conservadores que o identifican coas posturas máis tradicionais, enfrontados a Rommey pola moderación que dende a súa perspectiva detectan neste candidato. Aínda case sen posibilidades reais de superar en delegados a Rommey, o empeño de Santorum en aguantar ate o final se centra na posibilidade de influír o máximo posíbel na nómina presidencial.
Xa a maior distancia atópanse os derradeiros candidatos en pé, Newt Gingrich, que foi presidente do Congreso durante a maior parte da década de 1990, que ten 137 delegados, dispútalle a Santorum o apoio da corrente neoliberal do partido, chegando a estar segundo nalgún intre das primarias; e Ron Paul, con só 50 delegados, que é o candidato máis atípico de cantos están a competir pola elección, movéndose no campo do anarquismo de dereita e definíndose coma libertario, até o punto de seren con gran diferenza o maior receptor de apoios de Occupy Wall Street.
Outra das características deste proceso e a profunda desafección das bases republicanas, que non rematan de identificarse con ningunha das opcións, e que estarían dispostas a selección pouco probable dun candidato diferente dos xa presentados. Por outra banda, a preocupación dos cargos republicanos e que os ataques entre candidatos rematen por desprestixia-la súa candidatura de cara as presidencias, dilapidando así a vantaxe que fai só un ano tiñan con respecto a Obama.
Con relación o xiro á dereita do discurso republicano, é certo que é unha tónica das primarias, nas que o interese por atraer os votos dos grupos periféricos leva a radicalizar o ton, o igual que sucede no caso dos demócratas, que adoptan nas súas primarias una liña máis liberal, e nas presidenciais una máis centrista. A cuestión é se nesta ocasión, o extremismo cos que xogan os líderes republicanos permitiralles retractarse durante a campaña de novembro e presentarse coma o partido moderado e centrista que non son.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.