10:20 Domingo, 29 de Marzo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-03-2012

É a RAE, como institución caduca e obsoleta que é e sempre foi, quen teima en manter un franquismo lingüístico que, en realidade, vén de moito máis atrás e non ten só a ver coa lingua

De Academias, feminazis e diversidade

Valorar (16)

FRANCISCO XOSÉ REI GARCÍA



Seica causou certo balbordo mediático, quizá pola proximidade da conmemoración do 8 de marzo, certo artigo publicado hai uns días no prestixiado suplemento cultural do diario español El País polo académico da RAE Ignacio Bosque -subscrito, ao parecer, por outros 26 académicos "de número" -cuestionando abertamente os traballos que, desde hai anos, procuran, na medida en que isto é posíbel, unha linguaxe non sexista. 

Non é, en realidade, un discurso nin un argumentario novo o deste lingüista español nin nada que escoitemos por vez primeira as persoas que estamos seriamente interesadas e comprometidas coa eliminación das desigualdades de xénero na linguaxe. Para exemplo inmellorábel, a de veces que tivemos que aturar a Arturo Pérez Reverte insultando e descualificando como "feminazis" as mulleres (non sei se nisto don Arturo terá tamén en conta os homes preocupados pola cuestión, que son uns poucos) comprometidas coa loita pola visibilidade da súa propia existencia a través da linguaxe que empregamos na nosa vida cotiá ou, o que é o mesmo, o traballo a prol da destrución da invisibilidade na que historicamente o xénero feminino ficou agochado, secundarizado, obviado, eliminado.

Non parecendo os argumentos do señor Bosque, e dos seus subscritores, absolutamente nada orixinais nin innovadores a respecto do defendido historicamente por unha boa parte da ciencia lingüística -a linguaxe non ten nada a ver coa súa concreción material (as linguas) e pode prescindir perfectamente dos contextos sociais en que se realiza -si que teño a convicción de que non é casual este recente intento por amplificar e presentar como orgánica esta posición ideolóxica de parte. Imos ver, con moita probabilidade, como estes discursos contra o que chaman o "politicamente correcto" van ir a máis nos próximos tempos (no terreo lingüístico, o mesmo que noutros campos científicos e noutros ámbitos sociais) e como non vai faltar quen, como ben sabemos na Galiza, tratará de nos apresentar o mundo ao revés.

Reparen, por exemplo, nese ideoloxema xa tantas veces escoitado nos espazos da caverna ideolóxica e mediática: axir contra o "politicamente correcto"; acabar co "politicamente correcto". Nun paradoxo que a nós nos pode parecer monstroso, mais que tristemente funciona en determinados niveis, tratásenos de presentar como revolucionario ou transformador o pensamento que só pretende desevoluír, retroceder social, cultural e mesmo cientificamente. Hai quen fala, xa sen pudor ningún, de rebelión ou revolución para posibilitar unha involución a todos os niveis e afortalar así aínda máis a hexemonía, xa de seu (case) incontestábel, dos poderes de sempre. Que dicir da perversa manipulación -ou mellor habería que dicir apropiación indebida - de palabras como democracia ou liberdade? Ben sei que me desviei da cuestión inicial -os ataques contra o uso non sexista da linguaxe -mais non podo evitar concluír que todo garda unha inequívoca relación. A apropiación, o dominio, o control simbólico sobre as palabras, sobre a linguaxe e, por suposto, sobre as linguas. A hexemonía do dominante a través do pensamento e da súa verbalización.

Ignacio Bosque

Pensemos, na liña do xa expresado, cales seguen a ser os criterios de dominación e de control que, na mellor tradición imperial e colonialista, segue a exercer a RAE sobre unha das máis visíbeis mostras da diversidade lingüística do Estado: a toponimia. Unha norma lingüística - que obviamente de lingüística ten pouco - inflexíbel e caduca, contraria a toda comprensión e mesmo ao principio defendido pola UNESCO para os chamados endónimos (optar sempre pola forma orixinaria para os nomes de lugar como mostra de respecto pola diversidade), que permanece fielmente ancorada no máis puro e duro franquismo lingüístico, desaconsellando canonicamente o uso da toponimia propia do noso país cando se use o español, oral ou escrito; querendo fabricar unha falsa dicotomía entre formas oficiais (só no plano do xurídico) e formas correctas. Como se as denominacións oficiais o fosen porque si! Como se houbese topónimos galegos que fixesen parte do dominio lingüístico do español! Como se cada un dos nosos nomes de lugar non agochase detrás todo un historial de dominación e de negación! Tamén aquí non faltan as voces -mesmo de prestixiados lingüistas do ámbito hispánico- que claman contra un suposto réxime do "politicamente correcto" imposto, seica, pola chegada do Estado das autonomías, segundo elas o culpábel de que determinadas formas toponímicas (en ocasións verdadeiras barbaridades) teñan dificultades para se manteren vivas. Será, se cadra, que a volta ao pasado é o único que lles resulta a eles "politicamente correcto".


[08-03-2012 09:21] Xan comentou:

O goberno de Rajoy non é moi politicamente correcto, incumplindo totalmente calquera tipo de paridade na participación de mulleres e homes. Tampouco se escoita nada sobre isto, non hai moita discusión. Non será que agora o politicamente correcto é o fondamente incorrecto?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña