11:19 Luns, 01 de Marzo de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-03-2012

A reforma do Estado que esboza Rajoy enmascara máis centralismo e avanza cara un modelo de Estado unitario máis deficitario

O déficit como pretexto, o centralismo é o modelo

Valorar (13)

ALBERTE SOUTO SOUTO



A profundidade da crise económica e social que estamos a atravesar, lexitima calquera apelación a emprender reformas desde o ámbito político que afecten tanto á estrutura institucional e política, como aos dereitos económicos atinxidos por mor de conquistas sociais. Estamos a ver como desde gobernos e institucións sostidas por formacións políticas con ideoloxías conservadoras e tradicionalistas se enarbora como bandeira a aplicación dun programa de reformas para superar a crise, embora na realidade encubra a reiteración do programa político e económico hexemónico que serviu de guía até esta situación de declive económico e social.

Este comportamento é consustancial á propia existencia dos ciclos económicos críticos no sistema capitalista. Resgardarse ao abeiro da crise, mesmo valerse da crise, non para superar as causas e factores que conduciron á mesma, senón para aplicar aqueles aspectos do ideario político e económico cun menor grao de aceptación pola maioría da sociedade, aproveitándose do estado de conmoción social.

Coa asunción do Goberno do Partido Popular exemplos xa hai dabondo nun curto periplo de tres meses efectivos de gobernanza: unha reforma fiscal que pon o aceno na recadación a rendas medias do traballo cando existe unha evidente evasión fiscal, tanto legal como ilegal (chámese fraude), por parte das rendas altas e de capital; unha reforma financeira que persigue crear un auténtico oligopolio de entidades bancarias xusto despois de asistir a unha crise financeira provocada pola creba de bancos de grande dimensión e polo dominio que exercían en réxime oligopólico sobre o conxunto da economía real; ou unha reforma laboral que despoxa de protección legal aos traballadores e traballadoras e con iso xerará maior inestabilidade no emprego, facilitará os despedimentos e animará as reducións de salarios, nun intre no que apenas hai oportunidades para importantes colectivos a aspirar a ter, e tamén conservar, un traballo digno.

Ademais, vai asomando paseniño, de novo parapetada nunha inexorábel necesidade, a reforma do Estado. Mais non coa intención dunha racionalización, da achega dos centros de decisión e poder, seguindo a nomenclatura actual, ás Comunidades Autónomas, da asunción da soberanía real por parte das entidades que teñen un perfil netamente nacional no Estado español. Pola contra, as disfuncións manifestadas ao longo do período de configuración do actual marco político institucional no Estado español que derivan do férreo control centralista, son empregadas para avanzar cara un Estado aínda máis unitario e cunha maior concentración dos centros de decisión.

No marco desa estratexia, o centro da diana desprázase agora de novo ás contas das Comunidades Autónomas e á xestión do gasto público no ámbito das súas competencias, como paso previo para desacreditar calquera tentativa de reivindicación de maior soberanía ou incremento da capacidade de decidir autonomamente, sen intervención central do Estado. A exposición numérica, e sen máis explicacións ou contextualizacións do déficit autonómico, está a contribuír nesa dirección. Atribúense, sen máis, espidas e frías cifras -aínda que paradoxalmente na cor vermella que identificamos co abrigo e a calor- con que evidenciar o difícil -por non dicir imposíbel- mantemento dun sistema político actual. Se acaso, esgrímese o argumento de pequenos dispendios, certamente prescindíbeis máis non relevantes en termos xerais. Mais o que se agocha deliberadamente é a que responde a estrutura do gasto que soportan na actualidade as Comunidades Autónomas, e o mecanismo de financiamento para atendelo. Incluso, se elude analizar a relación do déficit no que se incorre coa descompensación do tamaño dos actuais entes territoriais autonómicos, onde en base á conxunción de intereses locais e provincianos cos do mantemento da herdanza centralista recibida do réxime franquista, se permitiu a creación de entes autonómicos con escasa base poboacional e económica mais outorgando un elenco competencial homoxéneo.

As Comunidades Autónomas soportan os principais servizos públicos para a cidadanía: sanidade, educación e (partillando cos concellos) os servizos sociais. Xunto cos concellos, fornecen dos servizos elementais que demandan a maioría das persoas, e niso gastan case tres cuartas partes do seu orzamento, isto é, 3 de cada 4 euros dos que dispoñen. E teñen que financialo na súa maior parte con transferencias, con recursos que o Estado recada e logo lles distribúe, ficando unha parte no seu poder. En todo o caso, a dependencia en canto á recadación dos recursos é elevadísima, dado que a competencia atribuída para recadar integramente os seus impostos propios cínguese a aqueles de menor importancia.

Pola súa contra, o Estado mantén a responsabilidade doutro servizo relevante, a seguranza cidadá mais de menor importancia que os indicados anteriormente, e sobre todo, a responsabilidade sobre o sistema de pensións e protección por desemprego. Agora ben, a grande diferenza radica en que ostenta a capacidade regulatoria, recadatoria e xestora, gozando dunha ampla marxe para ditar normas que lle permitan incrementar os recursos e tamén controlar, e dentro do control vai a mellorar, a súa xestión íntegra.

Ese desequilibrio no que atinxe a atender servizos de enorme dimensión e complexidade, que precisan de recursos correntes para dar satisfacción a un elevado número de usuarios, ao tempo que apenas se dispón de capacidade para xerar os recursos económicos precisos e xestionalos integramente senón que se depende das transferencias exteriores que, á súa vez, están vinculadas a decisións de política económica do Estado, explican o crecente desequilibrio das contas autonómicas. E no canto de atallalo como se debera, transferindo capacidade de decisión sobre a regulación dos servizos e o seus mecanismos de financiamento a quen ten atribuída a competencia, isto é, outorgando a quen xestiona a posibilidade de ditar leis educativas ou (socio)sanitarias acaídas e non simplemente regulamentos adaptativos, así como dotando dunha auténtica autonomía fiscal que comporte os mecanismos tributarios que permitan xerar directamente os recursos económicos para sufragar os servizos, tenta imporse de novo, empregando sen máis indicadores económicos para medir a diferenza entre ingresos e gastos, a decisión centralizada e vertical que, indefectibelmente, levará a un deterioro dos servizos públicos. Porque, novamente aproveitando unha determinada situación crítica, o que se pretende en realidade é adoptar decisións de xeito encuberto que terían unha forte contestación social. Así, o déficit nas contas públicas das Comunidades Autónomas, que en realidade é déficit de servizos públicos que o Estado se nega tanto a financiar axeitadamente como a conceder unha maior autonomía na súa xestión, será o pretexto para acometer a grande reforma dos servizos públicos que o Partido Popular está disposto a entregar en bandexa de prata ás institucións económicas internacionais (FMI, BCE, UE) e aos grandes poderes financeiros e económicas.

De seguro que as intencións van máis aló, tamén no eido estritamente político. Consonte a evolución da xestión da crise, cara unha maior concentración económica, tamén se van avanzando pasos na concentración política, en todos os niveis. Non podía ser doutro xeito, cando a economía sempre vai parella á política, moi a pesar de calquera focaxe tecnocrática agora de novo en boga. No que atinxe ao Estado español, logo de que os grandes partidos políticos aceptasen as cesións de soberanía que implican as recentes reformas no entramado institucional da Unión Europea, tamén están dispostos a avanzar cara o monopolio no exercicio do poder por parte das institucións centrais do Estado. Esa é a reforma real que persegue o Goberno de Rajoy e que comeza a sacar a relucir ao público baixo a sombra do déficit autonómico, que -con datos obxectivos- lonxe de constituír un problema derivado da natureza escasamente descentralizada do Estado español, agrávase pola falta dunha vontade real de dotar de autonomía política real ás nacións do Estado e de que se atenda prioritariamente o que máis apreza unha ampla maioría das persoas (asistencia sanitaria, servizos educativos, prestacións sociais,etc) e non os intereses de elites minoritarias interiores (mantemento estrutura administrativa provincial e central franquista, sostemento da Casa Real) e exteriores (gasto e investimento militar).

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña